Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos

Seis meses despois da emerxencia sanitaria e do estado de alarma, Galicia transita pola segunda vaga da pandemia da COVID-19 montaxe seis meses covid CC-BY-SA Visuals/Unsplash | Praza Pública

O pasado 4 de marzo, o Servizo Galego de Saúde daba por confirmado o primeiro positivo polo coronavirus COVID-19 en Galicia, un home ingresado por pneumonía no hospital da Coruña. Facíao despois de recibir a confirmación do laboratorio central de Majadahonda (Madrid) ao que, naqueles días, aínda había que remitir cada caso para a súa comprobación definitiva. Foi tres días antes da que, sen sabelo, sería a última fin de semana da vella normalidade, a do 7 e 8 de marzo.

O 13 de marzo, o Goberno de España anunciou o estado de alarma por mor da pandemia e a Xunta declarou a emerxencia sanitaria. Repasamos estes seis meses en seis gráficos con cadansúas ligazóns para, se o precisas, descargares os datos e reutilizalos

Pouco despois, o 10 de marzo, Goberno de España e Goberno galego aprobaban as primeiras restricións para tentar conter os contaxios. Facíano en xuntanzas con multitude de altos cargos, sen distancia de seguridade e sen máscara, dando lugar a imaxes das que hai pouco máis de medio ano, pero que semellan doutro tempo moito máis afastado. Ao día seguinte, o 11, a Organización Mundial da Saúde sinala que a COVID-19 xa ten características de pandemia por mor da súa extensión polo mundo.

Apenas dúas xornadas despois da declaración formal da pandemia pola OMS, o día 13, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anuncia a inminente aprobación do estado de alarma para procurar frear o virus. Poucas horas despois, o Consello da Xunta reúnese en sesión extraordinaria para declarar a situación de emerxencia sanitaria en Galicia. Seis meses despois Galicia transita xa pola segunda vaga da pandemia, con notables diferenzas a respecto da primeira pero con practicamente os mesmos atrancos para acceder aos datos que manexa Sanidade sobre a a súa evolución. 

Repasamos os principais datos que si coñecemos en seis gráficos. Ao pé de cada un atoparás unha ligazón para, se o desexas, descargar os datos que empregamos para construílo e reutilizalos para o que precises.

Novos casos diarios por notificación do Sergas

Un dos indicadores básicos para seguir a pandemia en todo o mundo e un dos que o Goberno galego non divulga directamente, senón que é preciso calculalos a partir doutras cifras que si ofrece nos seus comunicados. Actualmente, este indicador rolda os 250 novos casos ao día. Esta cifra debe ser observada con cautela porque inclúe tanto novos diagnósticos de persoas infectadas, caso dos obtidos mediante probas PCR, como positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas, que a Xunta pasa a sumar directamente como "curacións".

A evolución dos novos casos diarios é un dos indicadores que máis claramente amosa a existencia dunha segunda vaga da pandemia, tal e como prognosticaran algúns dos doutores que asesoran á Xunta. Os novos positivos detectados cada día son unha cantidade semellante á que agromaba o pasado abril, pero o resto de indicadores (hospitalizacións, falecementos, número de probas...) evidencian que a situación non é a mesma, como veremos nos seguintes gráficos.

Novos casos diarios por data estimada de inicio de síntomas

Son as cifras que ofrece a base de datos do Instituto de Salud Carlos III, departamento dependente dos Ministerios de Sanidade e Ciencia. Esta serie histórica é pública e aberta e, no caso galego, resulta especialmente relevante por non existir pública do Sergas, aínda que a Xunta si dispón dela. Está construída cos datos que as comunidades autónomas teñen que remitir ao Goberno central.

A base de datos do Ministerio de Sanidade é a única pública e aberta para Galicia, en ausencia dunha do Sergas

Trátase dunha base de datos que actualmente ten actualización semanal e que adoita ir mudando, toda vez que cada caso é obxecto de revisión "individualizada" ata que é situada definitivamente na data estimada de inicio de síntomas. A última revisión recolocou os casos do 8 de maio ao 6 de setembro, amosando tanto a nivel galego como para cada provincia a existencia da segunda vaga menos intensa que a primeira, na que sitúa os primeiros casos a comezos de febreiro, pero sen dispararse ata a primeira semana de marzo.

Os datos procesados polo Ministerio de Sanidade amosan como, por provincias, a máis afectada pola pandemia en termos absolutos en Galicia segue sendo a da Coruña, cun total acumulado de algo máis de 8.000 positivos (por probas PCR e anticorpos con síntomas) ata principios de setembro. Permite observar tamén, por exemplo, como o brote da Mariña, o primeiro en Galicia na fase do desconfinamento, trouxo consigo un número de casos moito menor aos padecidos por tres das catro provincias galegas o pasado agosto.

"Positivos activos"

Os "positivos activos", indicador de referencia para a Xunta, son a 'foto fixa' da pandemia cada día, pero a súa variación non equivale ao número de casos novos diarios, porque depende das altas

A foto fixa da pandemia e indicador de referencia para a Xunta dende o comezo. É a imaxe do número das persoas que son consideradas como casos positivos en cada xornada e tamén unha cifra que ilustra a maior ou menor carga do sistema sanitario en cada pandemia. Non obstante, se non é observada ao carón das cifras de casos novos diarios, pode inducir á confusión, toda vez que as súas subas ou baixadas dependen do número de altas, o que a Xunta denomina "curacións" e que inclúe tanto a persoas que superan a enfermidade (dan negativo tras dar positivo e pasar a correspondente corentena ou tratamento) como a quen dan positivo en test de anticorpos e non teñen síntomas.

Sanidade informa destes casos a través de comunicados que, ata o momento, citaron case 20.000 casos distintos. Non obstante, a ausencia dunha serie pública impide coñecer con exactitude se nese dato acumulado -recompilado pola redacción de Praza.gal para construír o gráfico baixo estas liñas- poden incluírse casos erróneos ou duplicados.

Xunto a ese dato, a Consellería de Sanidade informa tamén do número de persoas falecidas coa COVID-19. Dende mediados de abril, este dato inclúe tamén as persoas falecidas co virus nas residencias de maiores e persoas con dependencia, das que inicialmente a Xunta non informaba. Ata este 12 de setembro, o número total de falecementos ligados á pandemia en Galicia era de 679, segundo o Sergas, o que implicaría a morte de arredor do 3,4% de persoas cuxos positivos foron detectados. 

Falecementos

O indicador da faciana máis dura da pandemia e ao tempo, un dos máis controvertidos, toda vez que aínda existen controversias en diferentes ámbitos sobre cando a morte dunha persoa con coronavirus debe ser considerado un falemento por coronavirus. Sexa como for, o dato oficial sinala que nestes seis meses en Galicia foron computadas un total de 679 mortes ligadas á pandemia.

O 44,4% das mortes ligadas á COVID-19 nestes seis meses en Galicia foron de persoas que vivían en residencias de maiores e dependentes

A escaseza de datos subministrados polo Sergas impide, ao contrario que noutras comunidades autónomas, coñecer con detalle perfís das persoas falecidas, caso da súa idade ou estado de saúde, alén de saber que gran parte destas persoas padecían "patoloxías previas". Tras evitar facelo inicialmente, o Sergas si deu en aclarar cantas das persoas falecidas vivían en residencias de maiores e persoas dependentes. Ata agora, os pacientes que residían nestes centros cuxas mortes foron ligadas á pandemia son 301, o que supón o 44,3% dos falecementos rexistrados en Galicia. 

O Sergas si especifica cantas desas 301 persoas faleceron nas propias residencias e cantas o fixeron en centros medicalizados (as chamadas "residencias integradas") ou no hospital. No entanto, a Xunta non informa ao conxunto de medios de comunicación nin á cidadanía en xeral de cantos falecementos acumula cada residencia. Esta información foi publicada hai poucos días polo xornal La Voz de Galicia que, citando un informe do Sergas, indica que a que máis falecementos acumulou ata o momento foi a DomusVi San Lázaro, en Santiago (39), seguida das residencias do mesmo grupo en Vigo (32) e Cangas (31) e da Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense (28).

Persoas hospitalizadas

Unha das claves da xestión da pandemia no sistema sanitario e, polo menos de momento, unha das principais diferenzas entre a primeira e a segunda vaga en Galicia. Segundo o Ministerio de Sanidade, un total de 3.538 persoas diferentes precisaron ser hospitalizadas en Galicia a causa da COVID-19, 387 delas pasando nalgún momento pola UCI. Este é un dato que o Goberno de España recibe da Xunta, que non o fai público.

O dato que o Goberno galego si publica é o da prevalencia, isto é, o número de persoas que están hospitalizadas con test positivo de coronavirus cada día. Como sucede cos "positivos activos", a variación diaria deste dato non equivale a novas hospitalizacións, xa que este indicador depende do número de altas.

Os casos que precisan hospitalización nesta segunda vaga son, polo momento, moitos menos que na primeira

O dato do 12 de setembro indica que na xornada previa había en Galicia un total de 234 persoas ingresadas nos hospitais a causa da COVID-19, vinte e oito delas en coidados intensivos. É a cifra máis elevada da segunda vaga, pero está moi por baixo das semanas do pasado abril nas que o número de casos detectados era semellante ao actual, na contorna dos 250. Así e todo, cómpre comparar ambas vagas con precaución neste punto, toda vez que daquela eran realizadas menos probas que agora e, ademais, tanto o Sergas como o Ministerio de Sanidade foron aplicando variacións na súa contabilidade de casos.

Probas PCR realizadas

O sistema sanitario foi gañando capacidade de realizar probas PCR dende o comezo da pandemia. Así, por exemplo, o máximo de probas PCR que o Servizo Galego de Saúde deu feito nun día durante a primeira vaga apenas superou as 4.100 e nesta segunda vaga xa houbo tres días con máis de 5.000 probas. O total ata este 12 de setembro, segundo o Sergas, ascendía a 389.608.

A OMS considera controlada a pandemia nun territorio cando menos do 5% das probas PCR realizadas dan positivo

A relación entre novos casos -dato do que a Xunta non informa directamente- e probas realizadas é un dos indicadores que a Organización Mundial da Saúde sinala para considerar se a pandemia está ou non controlada nun territorio. Considera que o está se a positividade -porcentaxe de pacientes sometidos á proba que dan positivo- se sitúa por baixo o 5%. 

Tras varias xornadas por riba dese limiar, este 12 de setembro o número de novos casos en Galicia equivaleu a algo menos do 5%. Non obstante, a ausencia dunha serie histórica completa e de datos abertos impide afirmar con seguridade que os casos novos e as novas probas PCR sexan do mesmo día e, do mesmo xeito, cómpre ter en conta que os comunicados do Sergas non distinguen os novos casos detectados por tipo de proba e, ademais, que é relativamente habitual que un único paciente precise máis dunha PCR.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.