Sobre as máscaras de protección contra o coronavirus, cando usalas e que erros non cometer

Máscara de protección FFP2 CC-BY-SA fernando zhiminaicela

Ao longo da crise do coronavirus as autoridades sanitarias foron mudando as súas recomendacións sobre o uso das máscaras de protección para as persoas sen síntomas. Dende o mes de febreiro a OMS vén sinalando que "estudos científicos demostraron que o uso de máscaras faciais só é efectivo para protexer aos traballadores da saúde e reducir o risco de que pacientes enfermos diseminen a enfermidade". E, en consecuencia, esa foi tamén a recomendación lanzada polo Ministerio de Sanidade.

O Goberno prevé xeneralizar a recomendación do uso de máscaras faciais a toda a poboación. Porén, a medida non será obrigatoria ata que se poida garantir que todo o mundo ten acceso a elas

Porén, novas investigacións alertaron recentemente sobre a capacidade das persoas sen síntomas para propagar o coronavirus, o que fixo mudar un chisco as recomendacións oficiais. Tamén contribuíu a isto o éxito de Xapón ou Corea do Sur na contención da enfermidade, países que dende o inicio recomendaron o uso de mascarillas.

O pasado venres o ministro de Sanidade, Salvador Illa, adiantou que o Goberno prevé xeneralizar a recomendación do uso de máscaras de protección a toda a poboación. Porén, aclarou que a decisión aínda non está tomada e que a medida non será obrigatoria ata que se poida garantir que toda a cidadanía pode acceder a un subministro continuado de máscaras de protección, algo que está aínda lonxe de cumprirse.

A propia Organización Mundial da Saúde vén de subliñar que mantén o criterio oficial de que o uso de mascarillas unicamente se recomenda nas persoas enfermas e os seus coidadores e coidadoras, pero a organización sinala está aberta a un cambio de criterio se novas investigacións o fixesen conveniente. A OMS afirma así mesmo que as mascarillas poden provocar unha falsa sensación de seguridade, facendo esquecer outras medidas de protección máis importantes, coma a distancia social ou o lavado de mans.

A OMS mantén o criterio oficial de que o uso de máscaras faciais unicamente se recomenda nas persoas enfermas e os seus coidadores e coidadoras

Ademais, a OMS advirte de que o seu uso xeneralizado pola poboación podería provocar a escaseza de material para os profesionais sanitarios e para outros colectivos que si necesitan as máscaras faciais. A organización advirte de que en moitos países os profesionais sanitarios practicamente carecen destes equipos de protección. Finalmente, a OMS desaconsella o uso de máscaras faciais de algodón por ser unha "fonte potencial de infección, xa que non son resistentes aos fluídos e, polo tanto, poden reter a humidade e contaminarse".

Na mesma liña, Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, salientaba hai uns días en conversa con Praza.gal, que "a mascarilla non fai mal, pero a medida máis importante segue sendo a distancia social" e engadía que "hai que ter en conta dúas cousas: as mascarillas son un elemento escaso neste momento e polo tanto a prioridade é que chegue primeiro aos colectivos que teñen máis risco, dende o persoal sanitario ás persoas inmunodeprimidas. E, segundo, que a mascarilla hai que saber usala".

Máscara de protección FFP3 CC-BY-SA Marco Verch

Como se usa unha máscara facial?

Na páxina web da OMS inclúense unha serie de recomendacións para o correcto uso das máscaras de protección, lembrando en primeiro lugar que "só son eficaces se se combinan co lavado frecuente de mans cunha solución hidroalcohólica ou con auga e xabón". 

  • Antes de por unha máscara, cómpre lavar as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón.
  • Debe comprobarse que a máscara está en boas condicións, observándoa a contraluz na procura de rascaduras ou buracos.
  • A boca e o nariz deben quedar cubertos coa máscara, asegurándose de que non haxa espazos entre a súa cara e a máscara.
  • A persoa que a leva debe evitar tocar a máscara mentres a usa; se o fai, debe lavar as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón.
  • A máscara debe ser cambiada regularmente, no momento en que se note húmida. A máscaras dun só uso non deben ser reutilizadas.
  • As máscaras non deben ser retiradas de calquera maneira. Hai que quitala por detrás (sen tocar nunca a parte dianteira da máscara), retirando as gomas laterais dende as orellas cara adiante, e botala inmediatamente nun recipiente pechado. Posteriormente, hai que lavar as mans cun desinfectante a base de alcol ou con auga e xabón.

Que tipos de máscaras faciais hai?

O Ministerio e Sanidade recomenda que o persoal sanitario que atenda posibles casos de coronavirus empregue as máscaras FFP2 ou FFP3

Non todas as máscaras faciais son iguais e, esencialmente, hai dous tipos. Por unha banda estás as máscaras cirúrxicas, que protexen máis ao resto de persoas que a quen a leva posta, pois exercen basicamente de barreira ao esbirrar ou tusir, para evitar a emisión de gotículas respiratorias. E, pola outra, están as máscaras filtrantes, que conteñen un filtro de micropartículas grazas ao que poden protexer “de fóra cara dentro” en distintos graos.

En función do seu rendemento, as máscaras filtrantes clasifícanse en FFP1 (cunha eficacia de filtración mínima do 78% e unha porcentaxe de fuga cara ao interior máximo do 22%), FFP2 (92% e 8%) e FFP3 (98% e 2%). O Ministerio e Sanidade recomenda que o persoal sanitario que atenda a posibles casos de coronavirus empregue as máscaras FFP2 ou FFP3.

Deben seguirse unha serie de recomendación á hora de usar as luvas Dominio Público Amanda Mills

Como usar as luvas?

Do mesmo xeito que coas máscaras faciais, cómpre seguir unha serie de recomendacións para un correcto uso das luvas nestes momentos. A primeira é que o uso de luvas non debe facer esquecer que a principal medida de protección debe seguir sendo o lavado frecuente das mans con auga e xabón. A segunda é que, se se levan luvas, debemos evitar tocar a cara, especialmente as mucosas. Os guantes poden provocar, neste senso, unha falsa sensación de seguridade. 

As luvas non se deben sacar de calquera maneira

Ademais, é conveniente evitar nas mans e pulsos o uso de aneis, reloxos e outros obxectos que poderían rachar os guantes. Cómpre lembrar que as luvas desbotables non están pensadas para un uso continuado ao longo de varios días, polo que poden acabar rompendo con facilidade

Pero, ademais, as luvas non se deben poñer e sobre todo sacar de calquera maneira. Así, para quitalas, débese beliscar cos dedos polgar e índice o guante na zona da palma da outra man e tirar con forza, retirando completamente a luva e gardándoa no puño da man aínda cuberta. Para retirar o segundo guante, introdúcese o polgar no interior, sen tocar a parte exterior, retirando así a luva completamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.