"Preto de dous millóns de máscaras sanitarias" e "outro material sanitario" nunha nave da empresa Oxidoc no compostelán polígono industrial do Tambre. En total, mercadoría valorada nuns 5 millóns de euros. É o roubo que a unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta (UPA) -a coñecida como policía autonómica- atribúe en plena crise do coronavirus a "un empresario" santiagués, cuxa identidade non transcendeu polo momento -o diario El Correo Gallego identifícao como o propietario dunha empresa inmobiliaria da capital galega- e que quedou en liberdade tras prestar declaración ante o xuíz, que o acusa de roubo con forza.
Segundo a información adiantada por Radio Galicia-Cadena SER e confirmada este luns pola Vicepresidencia do Goberno, da que depende a UPA, a operación policial comezou "tras recibir o aviso" de que nesta nave, pertencente a esta compañía "dedicada á venda de material sanitario" en concurso de acredores, "podería haber unha gran cantidade de máscaras do modelo FFP2" -cun filtro de protección-, así como "luvas cirúrxicas, pantalóns, uniformes sanitarios, botiquíns e alcol". Estas empresas, en virtude do estado de alarma pola pandemia, están obrigadas a comunicar ás autoridades as súas existencias deste material.
A UPA valora nuns 5 millóns de euros a mercadoría presuntamente roubada na nave compostelá, pertencente a unha empresa de material sanitario en concurso de acredores
Sempre atendendo á información fornecida pola UPA, tras este aviso os axentes accederon á nave previa autorización da administración concursal da empresa -dependente dun xulgado de Palma de Mallorca- e alí "comprobaron que a mercadoría fora substraída". Concretamente, faltaban uns dous millóns de máscaras -"só quedaban unhas 1.000 unidades", especifican- e todo o resto do material, valorado no seu conxunto "nuns 5 millóns de euros". Toda a mercadoría, aseguran, "fora extraída das súas caixas e plásticos protectores" para "ocultar a súa procedencia".
Sospeitas de venda en Portugal
Nos primeiros datos da operación divulgados por Vicepresidencia sinálase que as pescudas da UPA conclúen que "o roubo se produciu cando a pandemia" da covid-19 "xa estaba presente en varios países e era considerada un problema de saúde pública". Daquela, "os autores do roubo eran plenamente consciente de que era un material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa comezaban a escasear no mercado". Tal é así, abondan, que materiais "que non están tan solicitados" si os "deixaron" na nave, como o caso das botas de protección.
Os axentes conclúen que "o roubo se produciu cando a pandemia xa estaba presente en varios países e era considerada un problema de saúde pública"
Unha vez comprobado que se producira o roubo, detallan, o "exame de indicios", de cámaras de seguridade do recinto e a recompilación de testemuños, "toda a investigación apuntou a un empresario da cidade que fora visto ao redor da nave" e que "mantivera supostamente unha xuntanza con cidadáns portugueses" que, asegura a UPA, tamén chegara a "acceder ao interior" das instalacións. Por todo isto, a investigación manexa a "hipótese de que, tras roubar o material, foi vendido a unha empresa afincada en Portugal.
O empresario detido xa pasou a disposición xudicial mentres continúan as pescudas. Esa declaración ante a Xustiza produciuse o pasado sábado no xulgado de instrución número 1 de Santiago -en funcións de garda-, segundo confirman fontes xudiciais, e tras ela quedou investigado -antiga imputación- por un delito de roubo con forza. Trátase, avanzan, de "dar co resto de autores e coas persoas que presuntamente recibiron o material en Portugal", investigación para a que xa foi solicitada a colaboración das forzas de seguridade portuguesas, confirman. Prevese que a propia Xunta ofreza máis datos do acontecido este mesmo luns, toda vez que foi organizada unha visita do vicepresidente, Alfonso Rueda, á nave onde aconteceu o presunto roubo.