"Sobre la pregunta de la oposición acerca de la cesión de respiradores a la Comunidad de Madrid". No serán do pasado xoves, unhas horas despois de que a Deputación Permanente do Parlamento debatese sobre as medidas fronte ao coronavirus, o perfil de Alberto Núñez Feijóo en Twitter divulgou un vídeo de 55 segundos no que defendía a cesión á Comunidad de Madrid de "once aparellos de UCI" para afrontar a crise do coronavirus tras unha petición do Goberno central ratificada pola presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.
Nas horas seguintes e este venres, contas ligadas ao PP e a diversos medios de comunicación interpretaron o acontecido como un ataque da oposición galega en xeral a que a Xunta apoie con material ao principal foco da covid-19 no Estado. Esas interpretacións están a incomodar nas formacións da esquerda, a cuxo xuízo o vídeo divulgado polos populares pretende distorsionar o debatido: que Feijóo aclarase como compatibiliza a queixa de escaseza de material, que a Xunta atribúe ao Goberno de España, coa posibilidade de axudar a outras autonomías en peor situación. [O vídeo íntegro da sesión pódese ver aquí]
Na súa intervención, Feijóo dirixíase ao voceiro de Común da Esquerda. E facíao, afirma Antón Sánchez, para "contestar o que ninguén lle preguntou nin criticou". Minutos antes, o que preguntara Sánchez fora "por que, habendo 500.000 máscaras de stock", estas non chegaran aínda "ás residencias da terceira idade, hospitais e centros de saúde".
Antón Sánchez: "Ninguén da oposición cuestionou a solidariedade con outros lugares como Madrid"
"A pregunta -engadiu- é: se estivo tres días seguidos queixándose de falta de material porque non hai suficiente, por que se vai a Madrid? Non é unha pregunta tendenciosa nin capciosa; quero saber se se queixa de falta de material, por que vai a Madrid", finalizara. Do que se trataba, sinala, era de "cuestionar as contradicións previas de Feijóo nos tres días anteriores acerca da falta de material", toda vez que "ninguén da oposición cuestionou a solidariedade con outros lugares como Madrid".
Antes, na súa primeira intervención, Antón Sánchez censurara que Feijóo "seguise recriminando falta de material" mentres, ao tempo, "dixo que había un stock de 500.000 máscaras" nos días en que "as profesionais se queixaban de que non chegaban". Conseguir material suficiente "é difícil para calquera goberno" e "por iso, neste momento, non lle recriminamos", matizou, toda vez que "o que toca é traballar entre todas as Administracións para conseguilo o máis rapidamente posible".
O xeito en que o PP divulga o acontecido nunha sesión de máis de 3 horas incomodou especialmente tamén nas filas do PSdeG, toda vez que no devandito vídeo, procedente do sinal institucional do Parlamento, aparece durante uns segundos o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, tomando notas do debate. Ante o balbordo xerado, Caballero retrucaba este venres tamén a través das redes sociais para subliñar que "por suposto que alí onde hai necesidades, deben estar os recursos que non son necesarios noutros territorios", pero tamén para recriminar o que interpreta como un "bucle de posverdade".
Caballero: "A cidadanía galega é solidaria e a oposición política galega, moito máis leal co goberno de Feijóo que o PP con Pedro Sánchez"
"En tempos de crise hai quen tenta relatar unha posverdade e xustamente os que recortaron o público e non apostaron pola sanidade pública tentan impoñer os seus relatos falaces", sinala o líder socialista. "Casualmente, enfócanme a min onte, cando Feijóo intervén sobre este asunto en resposta á intervención doutro grupo da oposición. Despois, Feijóo rotula en castelán e empeza a xerar o seu bucle de posverdade", censura. "Algún -conclúe Caballero- tenta xerar un relato nesgado, falaz en moitos aspectos, para poñerse medallas" cando "a cidadanía galega é tremendamente solidaria e a oposición política galega, moito máis leal co goberno de Feijóo que a oposición do PP a Pedro Sánchez", finaliza.
Feijóo insinúa que non lles "importa" que "morra xente fóra de Galicia"
Co debate lanzado nas redes, a cuestión estivo presenta tamén este venres nas rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta -ofrecida por internet, como nas últimas semanas, e na que os medios puideron formular cuestións pola mesma vía-. Tras unha intervención xeral en galego, Feijóo mudou ao castelán para afirmar que "iso de que se morre xente fóra de Galicia non nos importa (...), nós non estamos de acordo con isto" porque sería "ir contra" os principios "morais e éticos que debe ter calquera persoa", dixo.
Feijóo: "Probablemente non os imos necesitar ata a segunda ou terceira semana de abril"
A Xunta, asegurou, non vai "practicar" o "sálvese quen poida" a respecto dun material sanitario que, di, "probablemente non imos necesitar ata a segunda" ou "terceira semana de abril" e que "tiñamos nos depósitos". "Que galego non ten un familiar directo ou indirecto que traballa ou estuda en Madrid?", concluíu.
Na mesma intervención, e tras insinuar no mesmo pleno do Parlamento que o Goberno central podería estar pedindo a empresas que non vendan material sanitario ás comunidades autónomas, Feijóo foi tamén preguntado por se lle consta que se estean a producir ese tipo de instrucións aos provedores. Malia ser el mesmo quen o xoves lanzou a sospeita na Cámara, este venres Feijóo distanciouse: “Prefiro que estas cuestións se comenten cando remate a emerxencia”, dixo, asegurando que en todo caso a Xunta está a trasladar ao Goberno central todas as ineficiencias que considera que se están a producir na xestión da crise.