Este martes 24 de Marzo, a xerencia da área de xestión integrada Cervo, Lugo e Monforte, decidiu modificar as súas recomendacións para o uso da mascarilla por parte do persoal sanitario
Este martes 24 de Marzo, a xerencia da área de xestión integrada Cervo, Lugo e Monforte, decidiu modificar as súas recomendacións para o uso da mascarilla por parte do persoal sanitario. A partir de agora será xeralizado o seu uso (o da mascarilla quirúrxica concretamente) en todo o recinto hospitalario.
Esta medida tómase debido ao aumento de contaxios entre o persoal sanitario, e entende ao mesmo como colectivo en sospeita de estar infectado, intentando previr que durante a fase asintomática da infección transmitan o patóxeno a compañeiros e/ou doentes ingresados por outras patoloxías, algo que aínda non está comprobado científicamente.
Neste sentido, modifícase a orde anterior, que non indicaba o uso xeralizado de mascarillas, agás en determinadas situacións e dispositivos. É preciso sinalar que sucesivos cambios nos protocolos obedecen a criterios e recomendacións que, no estado actual de continuo cambio, mudan acotío.
A mascarilla quirúrxica, polo seu deseño, só é útil para filtra-lo aire exhalado, e polo tanto é útil para diminuír as posibilidades de contaxiar a terceiro, non así como protección contra o contaxio
A mascarilla quirúrxica, polo seu deseño, só é útil para filtra-lo aire exhalado, e polo tanto é útil para diminuír as posibilidades de contaxiar a terceiro, non así como protección contra o contaxio. E é por isto que o seu uso non está recomendado nin indicado na vía pública en persoas sas.
Non nos enganemos en pensar que países que están conseguindo controlar parcialmente a propagación da epidemia o están a conseguir só por un uso xeralizado das mascarillas. As diferenzas entre países posiblemente obedecen (a falta de estudos que o confirmen isto é unha hipótese) a múltiples factores culturais e socioeconómicos, por citar algúns exemplos: o grao de contacto físico nas interaccións sociais, a disciplina a hora de cumprir as recomendacións de confinamento e de limitación do contacto social, ou a continuidade da actividade en determinados sectores da economía, entre outros.
Non debemos sobreestimar a eficacia da mascarilla. Frear o contaxio depende máis do que podemos facer que do que levemos posto na faciana. Quedemos na casa
Como se dixo anteriormente, non debemos sobreestimar a eficacia da mascarilla, pois existe o risco de que isto nos leve a subestimar a importancia de accións como o lavado frecuente de mans ou a distancia social e o confinamento en casa que si se teñen demostrado como eficaces para frear a propagación da infección, nas que é importantísimo seguir facendo fincapé.
Sexamos responsables e axustémonos a norma, non saiamos a diario a facela compra, nin a pasear co can durante unha hora, non nos aproveitemos das excepcións para evitar a recomendación xeral. Frear o contaxio depende máis do que podemos facer que do que levemos posto na faciana. Quedemos na casa.