Galicia tiña este 11 de setembro un total de 234 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Vinte e oito delas (2 máis que o día previo) estaban en coidados intensivos e as restantes 206 (5 máis), en unidades ordinarias. Ata 63 destas hospitalizacións son da área da Coruña-Cee.
O hospitais galegos non acadaban esta cifra de persoas ingresadas coa COVID-19 ao mesmo tempo dende o pasado 7 de maio. Daquela, os ingresos eran 233 e o resto de indicadores da pandemia, notablemente diferentes aos coñecidos neste momento da segunda vaga.
O gran número de altas fai descender os "casos activos" (-25) mentres os novos positivos son 241, estables cunha lixeira tendencia descendente
Os datos divulgados este sábado 12 de setembro pola Consellería de Sanidade -correspondentes ao día anterior- indican que o número de casos "activos" por coronavirus en Galicia é de 4.366. Son 25 menos que na xornada previa debido ao gran número de altas (263, 107 delas da área sanitaria da Coruña-Cee, para un total de 14.933 "curacións"). Isto supón que a cifra de novos casos detectados se mantén estabilizada na contorna dos 250 cunha certa tendencia á baixa. Nesta xornada son 241 os casos novos, porque no cómputo se introducen tamén tres falecementos máis.
Dous dos tres novos falecementos son de persoas que vivían na residencia da Fundación San Rosendo no Incio
Dúas desas tres novas mortes das que informou a Xunta correspóndense con persoas que vivían en residencias de maiores. Unha morreu no propio centro residencial, un home de 92 anos usuario da residencia da Fundación San Rosendo no Incio. A outra, unha muller de 87 anos que fora trasladada ao Hospital Lucus Augusti de Lugo, dende ese mesmo centro. O terceiro falecido, alleo ás residencias, foi un home de 77 anos que estaba hospitalizado no CHUAC coruñés.
O número de casos novos diarios é semellante ao dos primeiros días de abril, pero a cifra de hospitalizacións é moito menor que daquela
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, mentres que as cifras de hospitalización son semellantes ás dos primeiros días do pasado maio, o número de casos novos da COVID-19 detectados cada día en Galicia é moito maior, cunha media semanal duns 250 casos ao día, cifra máis parecida ás de comezos do pasado abril. Daquela, ao contrario que na actualidade, as persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus superaban as 800 e unhas 140 estaban na UCI. Agora, o total de hospitalizacións sitúase en 234 no que, polo momento, é o nivel máximo da segunda vaga.
Por baixo do limiar do 5% de PCR positivas
Os anteriores datos indican, daquela, que a porcentaxe de casos positivos que requiren ingreso hospitalario está a ser, cando menos polo momento, moi inferior ao da primeira vaga. Isto sucede mentres, por primeira vez en dez días, o número de novos casos diarios -do que a Xunta non informa directamente, pero que é posible calcular a partir das cifras recollidas nos comunicados a da Consellería- equivale a menos do 5% das probas PCR realizadas, limiar fixado pola OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado.
A ausencia de datos abertos do Sergas obriga a observar con cautela a porcentaxe de positividade das PCR realizadas, 4.873 no último día
Atendendo aos datos do Sergas, nas últimas vinte e catro horas foron procesadas en Galicia un total de 4.873 probas PCR, polo que os 241 casos novos equivalen ao 4,95% dos test realizados. Este indicador, non obstante, debe ser observado con cautela no caso galego, toda vez que a ausencia dunha serie pública do Sergas, así como de datos abertos de Sanidade, impide coñecer se todos os casos novos foron detectados mediante esta técnica diagnóstica ou se todos os positivos son do mesmo día. Cómpre ter en conta, ademais, que cada paciente pode precisar máis dunha PCR.
Máis dun cento de altas na área da Coruña-Cee
No que atinxe á evolución por territorios -Galicia ten na actualidade un total de 14 municipios con restricións especiais para conter os contaxios-, a negativa da Xunta a publicar datos completos da pandemia por concellos ou comarcas dificulta a observación, toda vez que os partes xerais do Sergas apenas informan do número de "positivos activos" por áreas sanitarias. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]
O descenso de "positivos activos" no dato global de Galicia está impulsado por 107 altas da área sanitaria da Coruña-Cee
Malia a esta limitación, si é posible afirmar que na área da Coruña-Cee, que sufriu un forte rebrote dende mediados de agosto, a situación tende a mellorar. Nesa área os "positivos activos" descenden en 63, ata os 1.340, e a razón fundamental é a existencia de ata 107 altas, segundo confirma o CHUAC, de persoas que deran positivo durante as semanas máis intensas do rebrote.
Tamén descenden levemente os activos na área de Lugo, a que segue presentando unha maior incidencia -casos por cada 100.000 habitantes- neste indicador, con algo máis de 266. Ás áreas sanitarias coruñesa e lucense son as únicas que superan o limiar dos 200 activos por cada 100.000 habitantes.
Os maiores incrementos de "positivos activos" na última xornada danse noutras dúas áreas sanitarias cuxas principais cidades están tamén afectadas por restricións especiais: Pontevedra e Ourense. Na área de Pontevedra-O Salnés os "activos" son 26 máis que un día antes e na ourensá, 23. Isto non quere dicir que se rexistrasen só 26 e 23 positivos novos, respectivamente, xa que poden ser máis en función do número de altas en cada unha das áreas.