A Xunta permite a pubs e discotecas atender en terrazas tras o peche dos locais polo coronavirus

Terraza habilitada nunha rúa da Coruña nos espazos permitidos por mor da crise do coronavirus © Concello da Coruña

Dende mediados de agosto está a vixente a orde de peche xeral de pubs e discotecas, acordada por unanimidade entre as comunidades autónomas e o Goberno de España alegando a intención de frear os contaxios do coronavirus. No caso galego, os locais do denominado lecer nocturno levaban abertos dende principios de xullo agás na Mariña, onde non puideron reabrir ata apenas unha semana antes de ter que volver pechar por mor do brote da COVID-19 que afectou á comarca.

As terrazas dos locais de 'lecer nocturno' pasan a ter a mesma consideracións que as do resto da hostalaría dende este 11 de setembro en toda Galicia, con capacidade do 75% e peche a media noite

Pouco despois da entrada en vigor da devandita restrición xeral, a Xunta asegurou a representantes do sector que "as terrazas destes locais" poderían "comezar a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior". Esa autorización queda plasmada no Diario Oficial de Galicia deste venres, 11 de setembro, e rexe para o conxunto de Galicia. Tamén para os concellos onde o Goberno galego ten vixentes restricións especiais polo incremento dos contaxios.

En síntese, a orde equipara as terrazas de "discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas" e "salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores" coas dos locais de hostalaría e restauración. Fano, indican, porque "as dúas maiores preocupacións" que motivaron o peche destes locais, "o horario da actividade e que esta se poida desenvolver no interior", poden "evitarse" se só abren as terrazas e o fan con "límites" horarios.

Unha terraza en Santiago, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Deste xeito, dende este propio 11 de setembro, pubs e discotecas "poderán manter abertas ao público exclusivamente as terrazas ao aire libre para consumo e servizo sentado en mesa", cunha capacidade do 75% -na liña do fixado para os bares dende esta semana- das mesas que teñan autorizadas. "Non estará permitida a instalación de barras para consumo ou servizo", agrega a orde, que lembra que nestas instalacións rexerán as mesmas limitacións que nas terrazas dos bares, como o límite de 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas ou a prohibición de fumar sen distancia de seguridade. 

O réxime horario destas terrazas afástase das horas de funcionamento habitual destes establecementos. Así, terán que pechar á unha da madrugada e non poderán "permitir o acceso de ningún cliente dende as 00:00 horas", especifica a orde.

A situación das salas de concertos

"Ou atopamos unha solución que permita a actividade nas salas de concertos como noutros recintos culturais, ou Galicia queda sen salas de concertos en menos de seis meses"

Esta autorización para as terrazas de pubs e discotecas chega nun contexto no que o sector do lecer nocturno segue a reclamar poder reabrir, pero no que as salas de concerto alertan tamén dun posible "esmorecemento do sector" en Galicia por seren tratadas igual que pubs e discotecas. Neste sentido, a asociación Clubtura, que integra as salas de música ao vivo do país, vén reclamando "solucións viables" que deixen de tratalas mecanicamente como "locais de lecer nocturno, xa que, segundo a lei de espectáculos, a súa actividade se encadra no eido cultural.

"A situación do sector é demoledora; ou atopamos unha solución para que permita a actividade cultural nas salas do mesmo xeito que se permite noutros recintos culturais, ou Galicia quedará sen salas de concertos en menos de 6 meses", ilustra Alberto Grandío, presidente de Clubtura, da asociación estatal do sector e fundador do lucense Club Clavicembalo. O "peche obrigado das salas e cafés concerto" abócaos "á desaparición", afirman.

O Clavicembalo de Lugo, unha das salas de concertos máis emblemáticas do país © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.