O peche de pubs e discotecas aplicado na área sanitaria da Coruña dende hai unha semana e que estivo vixente na Mariña ata comezos de mes vaise estender a toda Galicia e ao conxunto do Estado por mor do incremento dos contaxios da COVID-19. Unha reunión extraordinaria do Consello Interterritorial de Saúde, o órgano que xunta o Ministerio de Sanidade cos departamentos sanitarios das comunidades autónomas, aprobou este venres "por unanimidade" o peche "á maior brevidade" destes negocios no marco dun paquete de medidas para procurar frear brotes e rebrotes da pandemia que agora a Xunta terá que traspoñer á súa propia normativa, incluíndo a súa publicación no DOG, para que sexan efectivas.
O permiso de quitar a máscara para fumar só con distancia de seguridade esténdese a todo o Estado e bares e restaurantes terán que pechar á unha da madrugada
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, foi o encargado de anunciar o plan de restricións que leva consigo tamén a regulamentación das excepcións de retirada da máscara para fumar, xa vixente en Galicia por iniciativa da Xunta dende este 13 de agosto. De agora en diante, tamén no resto do Estado, desaparece o limbo legal e só se permitirá retirar a máscara para fumar ou vapear en espazos abertos ao público, das rúas ás terrazas, se é posible gardar a distancia de 2 metros con outras persoas.
Igualmente no eido do lecer, as novas restricións atinxen tamén ao sector hostaleiro na liña que, no caso galego, xa está vixente na Coruña e foi unha das medidas fronte ao brote mariñao. "Todos os restaurantes e bares", adiantou Illa, terán que pechar á unha da madrugada e non poderán admitir "novos clientes dende as doce da noite". Estas medidas, subliñou o ministro, agréganse ás xa vixentes sobre a distancia entre mesas, que non poden acoller a máis de 10 persoas e ao recordatorio de prohibición do botellón. [A xustiza defende a “preponderancia do interese xeral” fronte á petición da hostalería coruñesa de paralizar as restricións polo coronavirus]
Restricións nas residencias de maiores
As medidas acordadas no Consello Interterritorial de Saúde atinxen tamén ao que foi un dos principais focos da primeira vaga da pandemia tamén en Galicia, aínda que no actual incremento de casos non o son polo momento no caso galego: as residencias de maiores. O pacto implica limitar, como norma xeral, as visitas a unha persoa por residente ao día a un máximo dunha hora e "limitar ao máximo as saídas" fóra dos recintos.
O pacto "limita ao máximo" as saídas das persoas que viven en residencias de maiores e impón as PCR obrigatorias para todo o persoal que se incorpora a elas, o que ata agora non se aplicaba en Galicia
Asemade, resaltou Illa, as autonomías comprométense a impoñer a realización de probas PCR "obrigatorias" a "todos os novos ingresos" nestes centros nunha marxe máxima de 3 días. O protocolo galego xa contempla esta proba, polo que non supón unha medida adicional para as persoas residentes pero si para o persoal, xa que de agora en diante -segundo o pactado-, realizaranse "PCR obrigatorias" tamén ao persoal "que regrese de vacacións e, naturalmente -enfatizou o ministro- aos que se incorporen de novo".
A ausencia de probas PCR para o novo persoal incorporado a estes centros foi, precisamente, denunciada nos últimos días pola CIG en referencia aos centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia da Coruña. O departamento do Goberno galego respondeu que os protocolos vixentes fixaban estas probas para persoal con síntomas do virus, se ben de agora en diante, segundo o pactado, terán que ser realizadas a todas as incorporacións.
"Recomendación" de "limitar os encontros" a 10 persoas
Alén destes centros, o acordo non implica regulamentacións adicionais para ningún outro ámbito laboral. Si inclúe o compromiso de facer "cribados" mediante probas PCR "en grupos específicos e poboacións de risco" en caso de brotes -o cal xa viña facéndose en varias autonomías, Galicia entre elas-.
O texto, segundo o avanzado polo ministro Illa, inclúe tamén outras medidas que polo momento teñen a consideración de "recomendación" e van na liña de "limitar ao máximo" os encontros aos "grupos de convivencia". Eses consellos, sinala, pasan por que as reunións se limiten a 10 persoas, en referencia ao lecer.