A Consellería de Sanidade vén de anunciar a adopción de "medidas preventivas" para limitar os contaxios de Covid-19 na cidade, comarca e área sanitaria da Coruña. O número de positivos na zona viñan aumentando nas últimas semanas, sobre todo a raíz da aparición dun brote ligado a un ximnasio de Meicende (Arteixo), que se espallou por varios concellos, sobre todo entre poboación nova.
O número de casos incrementouse "de forma notable" nas últimas 12 horas
O brote suma 58 positivos e o conxunto da área sanitaria da Coruña-Cee chegou este venres a 177 casos activos, con 22 casos novos en 24 horas. Porén, segundo indicou este venres ao mediodía o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o número de casos incrementouse "de forma notable" nas últimas 12 e 24 horas. Por iso, a Xunta decidiu adoptar novas medidas de control "de forma preventiva", ante o existente "risco dunha transmisión comunitaria".
Os responsables da Consellería de Sanidade destacaron que ademais do brote iniciado en Arteixo, a área sanitaria rexistra outros catro brotes de tipo familiar e dous importados dende outros territorios. A incidencia acumulada nos últimos 14 dias nos nove concellos da comarca da Coruña é de 33,8 casos por cada 100.000 habitantes, moi por riba da incidencia aumulada no conxunto de Galicia (13,67), aínda que por debaixo da media do Estado (75,29 casos). Os casos detectados na Coruña son, de momento, de pouca gravidade, con apenas unha ducia de persoas hospitalizadas.
As medidas
As medidas afectan especialmente ao ocio nocturno, ás festas e á hostalaría, enfocadas especialmente á mocidade, que rexistra unha parte importante dos casos actuais, pero tamén buscan protexer a colectivos vulnerables, en especial ás persoas usuarias das residencias de maiores. Así mesmo, adóptanse en tres niveis: un que atinxe a 5 concellos (A Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo e Cambre), outro que abrangue toda a comarca da Coruña (as cinco localidades anteriores e Sada, Abegondo, Bergondo e Carral) e, finalmente, a totalidade da área sanitaria da Coruña-Cee. [Consulta aquí a listaxe íntegra de medidas e os concellos aos que afectan]
- Na Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo e Cambre todas as actividades e eventos públicos terán limitada a súa capacidade ao 50%
- Nestas cinco localidades os bares e restaurantes deben pechar á unha da madrugada como máximo.
- Prohibición de festas e verbenas nos 9 concellos da comarca. A medida afecta, entre outras, ás festas de María Pita, que se estaban a desenvolver na cidade da Coruña, e a outras actividades, que veñen de ser suspendidas, coma o festival Noroeste.
- Prohibición do ocio nocturno nos 9 concellos da comarca (pubs e discotecas).
- As reunións sociais privadas entre persoas non convivintes fican limitadas a un máximo de 10 participantes nestes 9 concellos.
- No conxunto da área sanitaria da Coruña-Cee quedan prohibidas as visitas ás residencias de maiores e as saídas das persoas usuarias. Así mesmo, pechan todos os centros de día
Este conxunto de medidas, detalladas nunha edición extraordinaria do DOG publicada na tarde deste venres, entrará en vigor na medianoite. Está previsto que as medidas se revisen nun prazo de 5 días. Dende a Consellería de Sanidade pediuse desculpas aos sectores máis afectados polas restricións e pregouse "responsabilidade" a toda a cidadanía.
Os datos, ata este xoves
A media da última semana sitúase xa nos 39 casos diarios, a máis alta dende o pasado 21 de maio
Este venres a Consellería de Sanidade notificou 44 novos positivos de coronavirus en toda Galicia, correspondentes a este xoves, exactamente a mesma cifra que nos últimos dous días, que mantén a tendencia ascendente das últimas semanas. A media da última semana sitúase xa nos 39 casos diarios, a máis alta dende o pasado 21 de maio, case un mes antes da finalización do estado de alarma.
A área da Coruña-Cee tivera este xoves un total de 22 novos positivos
Os 44 positivos das estatísticas achegadas polo Sergas son o resultado de sumar o incremento de 'casos activos' notificados por Sanidade co aumento das 'altas' ou 'curacións' tamén comunicados pola Xunta. Os 'casos activos' pasan este venres de 412 a 444 e as altas chegan a 11.381, doce máis que o día anterior.
En principio, este incremento só recolle unha parte dos novos casos detectados na Coruña e que levaron á adopción das medidas extraordinarias de control. A área da Coruña-Cee, con todo, xa tivera este xoves un total de 22 novos positivos.
Hai 23 pacientes hospitalizados, dous deles na UCI
Do total de 444 pacientes positivos, 2 están na UCI (o mesmo número que o xoves) e 21 noutras unidades de hospitalización (catro máis que onte). Os 421 restantes atópanse nos seus domicilio.
O número total de PCR realizadas dende o inicio da pandemia chega xa ás 260.785, 1.787 máis que o xoves, mantendo nas últimas dúas semanas un ritmo semellante, próximo ás dúas mil probas diarias.
Nas residencias de maiores non se rexistra caso ningún entre os usuarios e usuarias e só dous entre persoal destes centros -un en Xove e outro, en Paradela-.
Por áreas sanitarias, dos 444 casos activos notificados polo Sergas, 177 son da área da Coruña (21 máis que o xoves), 72 da de Lugo (un menos que xoves), 34 da de Ourense (dous máis), 43 da de Pontevedra (dous máis), 78 da área de Vigo (tres máis), 35 da de Santiago (cinco máis), e 5 da de Ferrol (os mesmos).
A área sanitaria da Coruña continúa a ser a que rexistra un maior número de casos positivos e, ademais, unha tendencia máis negativa, provocada nomeadamente polo brote que tivo a súa orixe nun ximnasio de Meicende (Arteixo), que chega xa a 58 casos, dous máis que o día anterior. Este xoves leváronse a cabo 479 probas PCR nos contactos dos positivos deste brote.
Nas últimas 24 horas detectáronse un total de 22 casos novos na área sanitaria da Coruña-Cee. Nestes datos inclúense, ademais, os 7 positivos dun brote detectado en Vimianzo, 5 deles relacionados cunha empresa cárnica.
O outro brote que máis preocupou nas últimas semanas, o iniciado na Mariña nos últimos días de xuño, continúa a remitir. O número de casos activos baixa este venres a 26, con 9 altas e 342 contactos en seguimento.
No resto de Galicia, a área de Vigo rexistra varios brotes de tipo familiar ou que afectan a grupos pequenos de persoas e que se atopan, en principio, controlados. En Vilar de Barrio (Ourense) un brote iniciado hai uns días chega xa a 10 casos, entre os que hai algunhas persoas de idade avanzada.