A pandemia do coronavirus continúa nestes primeiros días de agosto transitando por unha lixeira tendencia á alza en Galicia no que atinxe aos casos novos detectados, aínda que sen dispararse como noutros puntos lugares do Estado. Iso é o que reflicten os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde nos seus comunicados, a partir dos que é posible calcular este 6 de agosto que nas últimas vinte e catro horas foron rexistrados ata 44 novos positivos, exactamente os mesmos que na xornada previa.
O incremento de "positivos activos" reláxase pola importante suma de altas, pero o número de novos casos supera os 40 por segundo día consecutivo e a media semanal de novos positivos diarios tamén se achega á corentena
O illamento de case unha trintena de profesionais do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por teren contacto cunha paciente que deu positivo na PCR previa a unha operación de cadeira é o punto a priori máis preocupante da xornada. Mentres, o que agora é o principal brote, o detectado en torno a un ximnasio de Arteixo semella "estabilizarse", segundo a área sanitaria da Coruña, dende a que indican que o número de positivos ligados a ese abrollo é de 56 (un máis) mentres seguen a "detectarse casos relacionados coa contorna familiar de positivos detectados" e "algún" outro illado".
Coa área sanitaria coruñesa como principal foco, a Consellería de Sanidade indicaba este 6 de agosto un novo incremento dos "positivos activos", o seu indicador de referencia, que nesta xornada avanza menos porque o Sergas xa comeza a computar altas -"curacións"- de persoas que deran positivo dúas semanas atrás. Así, os "activos" pasan de 406 a 412 (+6), pero o que o Sergas denomina "curacións" avanza ata as 11.369 (+38), polo que o saldo de casos novos é de 44. Mentres, os parte diario do Ministerio de Sanidade -que permanece varios días en revisión- informa de 35 novos diagnósticos na xornada previa en Galicia.
A base por inicio de síntomas do Ministerio, única pública para Galicia, chega agora ao 2 de agosto e sitúase nunha media semanal de algo máis dunha vintena de novos positivos ao día
Con estes valores, a media semanal de casos diarios segue ascendendo e xa se achega aos 40 -agora está en 37-, mentres que a media de cada tres días está agora en algo máis de 38 positivos novos por xornada. Son cifras sempre calculadas a partir dos partes do Sergas, que non informa directamente do número de casos novos da COVID-19 que detecta nin do tipo de test de cada caso.
Pola súa banda, a nova actualización da base de datos do Ministerio de Sanidade -a única pública para Galicia, en ausencia dunha do Sergas-, chega dende este xoves ata o día 2 de agosto e a media semanal de casos novos diarios está un chisco por riba da vintena, mentres que a media de cada tres días xa rolda a trintena. Cómpre ter en conta que a serie do Ministerio recoloca cada caso por data estimada de inicio de síntomas e non computa os positivos en test de anticorpos de persoas asintomáticas, que a Xunta si conta, pero directamente como persoas "curadas".
Unha vintena de altas amortece as cifras da área da Coruña
Por áreas sanitarias, a peor situación segue sendo a da Coruña-Cee por número de "positivos activos". Esta cifra, non obstante, descende con relación ao día anterior, pero non porque non existisen novos diagnósticos nas últimas vinte e catro horas. Pasa de 161 a 156 (-5) "positivos activos", pero nela -segundo informan dende a propia área sanitaria- rexistráronse ata 21 altas en vinte e catro horas, polo que houbo 16 novos diagnósticos.
Mentres, co brote da Mariña estabilizado -segue en 35 casos "activos", segundo o Sergas-, no resto de áreas o maior incremento de casos "activos" é o de Pontevedra-O Salnés (seis máis), seguida de Ourense (+3) e Vigo (+1). A evolución da área viguesa dependerá nos vindeiros días, non obstante, da evolución do persoal sanitario illado por estar en contacto cunha paciente que deu positivo na PCR preoperatoria. Segundo informa Faro de Vigo, a familia da muller asegura que alertou o Sergas con anterioridade de que padecía síntomas coa COVID-19 e advertiu da posibilidade de que persoal sanitario sufrise contaxios se non portaba proteccións específicas, pero a proba non chegou ata o preoperatorio.
Dezanove persoas ingresadas con test positivo
Estes incrementos no número de novos positivos están lonxe dos de marzo e abril e polo momento, tamén o está a cifra de persoas hospitalizadas con test positivo, que este 6 de agosto se reduce nunha e queda en 19 -dúas delas na UCI-. Do mesmo xeito, outra diferenza crucial a respecto da pasada primavera segue pasando polas residencias de maiores e persoas en situación de dependencia, toda vez que polo momento, segundo o Sergas, non se rexistra caso ningún entre residentes e só dous entre persoal destes centros -un en Xove e outro, en Paradela-.