Sanidade inclúe agora a Madrid na lista de control de viaxeiros e permite reabrir pubs e discotecas na Mariña

Sede central da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, no complexo administrativo de San Lázaro (Santiago) CC-BY-NC-SA CIG

Dende o pasado 29 de xullo, a Xunta ten en vigor a norma que "obriga" a comunicar ao Servizo Galego de Saúde as chegadas a Galicia de persoas procedentes de territorios con "alta incidencia da COVID-19". O Goberno galego considerou daquela como de "alta incidencia" os lugares que multipliquen por 3,5 ou máis o número de novos casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Para o resto de autonomías tomou como primeira referencia os datos recompilados polo Ministerio de Sanidade o 23 de xullo e non o 27, xornada en que está datada a norma.

A nova resolución considera territorio de alta incidencia calquera cunha incidencia do virus catro veces superior á de Galicia -non 3,5 como na anterior- e toma como referencia os datos do día previo, no canto de fixarse nos de catro días atrás

Esa elección do día 23 provocou que fosen considerados como territorios de "alta incidencia" comunidades autónomas como Aragón, Catalunya ou Euskadi. Non así a Comunidad de Madrid, que cos datos do día 27 xa superaba o limiar imposto e seguía á alza. A resolución, non obstante, tiña carácter revisable nun máximo de 15 días que non chegarán a cumprise neste primeiro ciclo: dende este 6 de agosto, apenas oito días despois, Sanidade "actualiza" a lista e a Comunidad de Madrid xa está dentro.

A nova resolución, publicada nun DOG extraordinario este 5 de agosto, está datada no propio día 5 e baséase nos datos do Ministerio para o día anterior, o 4. Non de catro días antes, como a pasada semana. Ademais, pasa a considerar como de alta incidencia os lugares cunha incidencia "4 veces superior" á galega, e xa non 3,5. Aplicando o novo criterio, dentro do Estado as autonomías de alta incidencia para a Xunta serían Aragón, Catalunya, Navarra, Euskadi e Madrid. Así o recolle a resolución [consulta aquí o texto íntegro].

Tras o malestar das autoridades portuguesas por non existir diferenzas para o Norte, cunha situación da epidemia moi semellante á galega, a Xunta exclúe agora do control de viaxeiros a Portugal no seu conxunto

A inclusión de Madrid é a principal novidade xunto á exclusión máis salientable. Despois de incluír na lista de territorios de alta incidencia a Portugal no seu conxunto, causando un notable malestar nas autoridades do país veciño por non estableceren diferenzas rexionais -a situación epidemiolóxica no Norte do país veciño é moi semellante á galega-, dende este 6 de agosto a Xunta toma a decisión contraria tamén para todo o territorio portugués. 

"As persoas procedentes do país veciño xa non estarán obrigadas a proporcionar os seus datos" ao Sergas, confirma a Xunta, que mantén como vías para completar o trámite un formulario web e o teléfono 881 00
20 21. A obriga rexe tanto para poboación residente en Galicia como para visitantes ocasionais ou turistas. Ata o pasado día 3, inscribíranse no rexistro 107.412 persoas, segundo a Xunta.

Alén do resto do Estado e Portugal, a nova orde impón a obriga de comunicar os datos persoais ao Sergas a calquera persoa que proceda de 17 países europeos, 27 americanos, 34 asiáticos e toda África [a listaxe completa está dispoñible aquí]. Como a anterior, esta resolución será revisada nun máximo de 15 días.

Reapertura do "lecer nocturno" na Mariña

A Xunta actualiza este listado nunha xornada na que dá, a efectos prácticos, por "controlado" o que ata agora foi o principal brote da COVID-19 dende a fin do estado de alarma por número de positivos detectados, o da Mariña, que sumou ata o momento cando menos 266 casos confirmados dos que quedarían "activos" só 35. Neste contexto de remisión do brote, Sanidade decide que nos catorce concellos do distrito sanitario mariñao poidan reabrir pubs e discotecas dende este 6 de agosto.

A vila de Burela foi a máis afectada polo brote da COVID-19 da Mariña CC-BY-SA Elisardojm

Esta reapertura, que no resto de Galicia xa fora permitida pola Xunta dende a fin do desconfinamento, terá que producirse coa capacidade destes locais limitada ao 50% en espazos interiores e ao 75% nas terrazas, indica a Consellería. Así permanecerán "cando menos ata a semana que vén, cando se volva revisar a situación epidemiolóxica destes concellos". 

O Sergas non puido determinar a "fonte de infección" de arredor de medio cento de casos ligados ao brote da Mariña, segundo un dos autos xudiciais que validaron as restricións para frear os contaxios

Sanidade xustifica esta decisión alegando que "os número de casos asociados ao brote inicial non creceron en máis dunha semana". Non obstante, a ausencia dunha base de datos aberta impide coñecer cantos positivos non están ligados a ese abrollo inicial. 

Os autos xudiciais cos que os xulgados de Lugo foron validando as restricións sanitarias ligadas ao brote, non obstante, citan informes da propia Consellería ofrecendo algunhas pistas ao respecto. Por exemplo, indican que Sanidade admitiu que ata o 27 de xullo detectara 263 positivos na comarca, dos que 216 estarían "vinculados entre si". Dos restantes "non se pode saber cal foi a súa posible fonte de infección", indicaba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.