O control da Xunta a viaxeiros pola COVID-19 inclúe Catalunya, Euskadi ou Portugal e exclúe Madrid pola mínima

A obriga de comunicar a chegada a Galicia atinxe turistas, pero tamén a persoas que viaxen por calquera outro motivo CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Goberno galego en funcións vén de ditar a orde que reforza os controis sanitarios pola pandemia do coronavirus para persoas que cheguen a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro. A orde, datada no 27 de xullo e publicada no DOG deste día 28, fixa a obriga de gardar corentena e poñerse en contacto co Sergas para calquera persoa que, con independencia da súa procedencia, teña síntomas da COVID-19. 

Tamén fixa un control reforzado para as persoas que viaxen dende "determinados territorios" con "alta incidencia da COVID-19", que terán que dar os seus datos á Xunta a través do teléfono ou por internet nada máis chegar por se están contaxiadas, con independencia de que sexan turistas, viaxeiros ocasionais ou residentes en Galicia. Faino con criterios que, cando menos durante as primeiras dúas semanas da medida, inclúen á poboación procedente de Catalunya, Euskadi ou Portugal, pero exclúe pola mínima a quen chegue dende Madrid, un dos territorios que, atendendo ás pescudas do Instituto de Salud Carlos III, máis influíron na expansión da doenza en Galicia durante as semanas previas ao pico, a pasada primavera.

A Xunta fixa como limiar para o control reforzado os territorios que tivesen unha incidencia do virus 3,5 veces superior á galega o pasado día 23, pero a resolución non inclúe Extremadura malia superar ese límite na data fixada

As normas para determinar que é o que considera a Xunta un "territorio con alta incidencia da COVID-19 en comparación coa existente" en Galicia son tamén fixadas este 27 de xullo nunha resolución da Consellería de Sanidade. A Xunta dá esa consideración a "países e territorios cunha incidencia acumulada (IA) de casos de COVID-19 por 100.000 habitantes nos últimos 14 días" que sexa, como mínimo, "3,5 veces superior" á de Galicia de acordo cos datos do Ministerio de Sanidade -no caso doutras autonomías- ou do Centro Europeo para Prevención e Control das Enfermidades (ECDC) -para o estranxeiro-.

O Goberno galego fixa, non obstante, unha diferenza en canto á referencia temporal de ambos indicadores. Ningún dos dous toma como referencia o propio día no que son ditada a orde e a resolución, o 27 de xullo. No caso doutras comunidades autónomas, opta polos datos do Ministerio correspondentes do 23 de xullo e para países estranxeiros, toma a información do ECDC do día 26 de xullo.

Deste xeito, no que atinxe ao resto do Estado, dado que a incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia era o pasado día 23 de 5,22 casos por cada 100.000 habitantes, teñen a obriga de dar os seus datos de contacto á Xunta todas as persoas que procedan de comunidades autónomas que tivesen unha incidencia acumulada igual ou superior a 18,27 o pasado día 23. Este era o caso de Aragón, Catalunya, Navarra, Euskadi, La Rioja e Extremadura, se ben a listaxe publicada pola Xunta no DOG deixa fóra á comunidade estremeña

Atendendo a ese criterio numérico, a primeira autonomía en ficar por baixo do limiar marcado pola Xunta sería, segundo os datos recompilados polo Ministerio entre as comunidades autónomas para o pasado día 23, a Comunidade de Madrid. Nesa xornada, o informe reflectía unha incidencia acumulada de 16,69 para a autonomía madrileña. Se se aplicasen os datos do día 24 -a Xunta indica que a referencia é o 23- quedarían fóra tanto Madrid como Extremadura. [Consulta aquí a listaxe completa de todos os territorios afectados pola medida]

Datos diferentes o día 27

Os datos do día 27, xornada na que está datada a nova norma, si deixan Madrid por riba do limiar para o control reforzado

A listaxe de comunidades autónomas afectadas por este control reforzado de viaxeiros por parte da Xunta serían outras se a referencia fosen os datos do Ministerio do propio día 27, no que están datadas tanto a orde da Consellería de Sanidade como a resolución que a desenvolve. O parte deste luns sitúa a incidencia acumulada de Galicia en 6,63 casos da COVID-19 por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas, polo que o limiar a ter en conta sería de 23,205, resultado de multiplicar o dato galego por 3,5. 

Neste caso, seguirían por riba do limiar Aragón, Navarra, Catalunya, Euskadi e La Rioja, pero entraría tamén Madrid. Ficaría fóra Extremadura que, en calquera caso, non está incluída na orde da Xunta malia superar o límite fixado. Esta resolución, non obstante, "será obxecto de actualización nun prazo máximo de 15 días naturais", momento no cal os territorios afectados poderían variar.

Unha vintena de países europeos, unha trintena de americanos e toda África

No que atinxe a outros Estados, a resolución da Xunta impón un control reforzado para unha vintena de países europeos, unha trintena de americanos e asiáticos e todos os Estados de África, aos que Sanidade di aplicar un principio de "precaución" por non dispoñer de "datos fiables sobre a súa situación epidemiolóxica". No caso de Europa resulta especialmente relevante que o Goberno galego inclúa na listaxe a Portugal, dado o continuo tránsito a través da raia non só por motivos turísticos, senón por razóns laborais, comerciais e de diversas relacións cotiás.

Sanidade fixa a obriga de comunicar os datos de contacto por teléfono, mediante un formulario web ou, no futuro, a través dunha aplicación que "poida habilitar a estes efectos

As listaxes completas pódense consultar na resolución xa publicada no DOG, que especifica as vías para comunicar os datos: o teléfono 881 00 20 21, o formulario web específico habilitado polo Sergas ou, no futuro, "a aplicación que para estes efectos poida habilitar a Consellería de Sanidade", esta última aínda non dispoñible. A Xunta establece tamén que aloxamentos turísticos ou axencias de viaxes pasan a ter a obriga de informar as persoas que viaxen a respecto desta nova normativa.

No que atinxe ás posibles sancións, a referencia é inconcreta. O Goberno galego outorga aos "servizos de inspección autonómicos ou municipais" a encarga de "vixiar o cumprimento das medidas" en cadanseus ámbitos de competencias e indica que "os posibles incumprimentos serán sancionados polas autoridades autonómicas competentes de acordo coa lexislación aplicable", sen maior concreción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.