Os brotes en diversos puntos, o incremento de contaxios detectados e o posible empeoramento da situación epidemiolóxica xeral cara ao outono provocou nos últimos días que, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, volvan ser de uso habitual nos medios de comunicación e no debate público xeral diversos termos e indicadores numéricos sobre a evolución da pandemia da COVID-19. Son cifras e termos que poden resultar confusos especialmente no caso de Galicia, onde os datos de referencia para a Xunta e o Servizo Galego de Saúde non son os mesmos que os que adoita ofrecer o Ministerio de Sanidade.
"Positivos activos", "curacións", "infeccións resoltas", "casos novos"... Velaquí unha pequena guía de consulta rápida sobre os principais termos que poden ser útiles repasar os datos dos últimos meses e observar o que poida estar por vir.
"Positivos activos"
É o indicador de referencia para a Xunta. É o total de persoas que teñen test positivo por COVID-19 nun día determinado, a foto fixa da pandemia en cada xornada obtida a través dos diferentes tipos de test. O seu incremento ou diminución depende de tres factores:
- Novos positivos
- Novas altas epidemiolóxicas ("curacións", en termos do Sergas)
- Falecementos
Unha diminución dos "positivos activos" non significa, necesariamente, que non haxa positivos novos nun territorio determinado. Os "positivos activos" diminúen cando a suma de altas e mortes -se as houber- é maior ao número de casos novos e aumentan se hai máis casos novos que altas+falecementos. Un paciente deixa de computar como "positivo activo" cando o seu test pasa a ser negativo, con independencia de que continúe tendo síntomas ou siga ou non hospitalizado -se é o caso-, ou en caso de falecemento.
Por exemplo, entre o 26 e o 27 de xullo, os "positivos activos" aumentan en 15, de 217 a 232:
Casos novos
Son os positivos por COVID-19 detectados polos diversos métodos diagnósticos en cada xornada. O Servizo Galego de Saúde non ofrece este dato directamente, pero é posible calculalo observando a variación da suma de "positivos activos"+"curacións"+falecementos. No caso do Sergas, os casos novos tamén inclúen persoas sen síntomas que deron positivo en test de anticorpos, pero a ausencia de información directa impide saber cantos son este tipo de casos.
O número de casos novos depende dos contaxios que se producen, pero tamén da capacidade de rastrexo do sistema sanitario. O Ministerio de Sanidade ofrece cada día -agás nas fins de semana- os novos diagnósticos do día anterior en datos fornecidos polas comunidades autónomas que son consolidados durante varios días ata ser situados nunha serie temporal por data estimada de inicio de síntomas. Dende o 10 de maio, a serie estatal inclúe só positivos por proba PCR ou positivos en test de anticorpos en pacientes con síntomas.
Os casos novos van conformando o total acumulado de casos de covid-19 nun determinado territorio. Computan con independencia de que deixen de ser "activos" por curación ou falecemento.
Por exemplo, atendendo aos datos incluídos nos partes do Sergas -que non ofrece este dato directamente, este 27 de xullo Galicia rexistra 23 casos novos:
"Curacións" e infeccións "resoltas"
Cada día, a Consellería de Sanidade informa tamén do número de "curacións" mediante comunicados. Esa cifra, que xa supera as 11.000 persoas, inclúe as persoas que foron computadas como "positivos activos" e despois como "curadas" por daren negativo, pero tamén a quen deron positivo en test de anticorpos pero non tiñan síntomas e por iso nunca foron "positivos activos". É o que internamente o Sergas considera "infeccións resoltas", indicador que o Ministerio de Sanidade agora non divulga.
Brote
Segundo os protocolos do Ministerio de Sanidade, un brote é "calquera agrupación de tres ou máis casos con infección activa" por coronavirus "nos que se establecese un vínculo epidemiolóxico" entre as persoas que a padecen. Un brote pode ser "aberto" se tivo casos nos últimos 28 días ou "pechado" se leva 28 ou máis días sen positivos novos. En centros para persoas maiores ou dependentes, un único caso ten a consideración de brote por afectar a poboación de especial risco fronte á enfermidade.