Continúa o goteo de novos casos de coronavirus en Galicia. Segundo vén de notificar o Sergas, nas últimas 24 horas detectáronse trinta máis, a mesma cifra que onte. Nos últimos cinco días rexistráronse no país un total de 143 novos positivos, confirmando o empeoramento da situación dende os últimos días de xuño.
Nos últimos dous días, ademais do incremento de casos no brote do Fuenlabrada na cidade da Coruña, rexistrouse un novo brote no Saviñao (Lugo), que suma xa 15 casos. Este foco tivo a súa orixe nunha comida familiar á que acudiu unha persoa procedente de Madrid. O brote, de momento, está limitado ao ámbito familiar inicial e non se produciron novos contaxios.
Con todo, de momento a situación de Galicia, iso si, está lonxe da gravidade doutros territorios, como Aragón, Navarra, Cataluña ou Madrid
O número total de 'casos activos' ascende de 196 a 217, un incremento de 21 'activos' que se suma aos de días anteriores (eran 163 o xoves)
O número total de 'casos activos', o indicador que adoita manexar a Consellería de Sanidade ascende de 196 a 217, un incremento de 21 'activos' que se suma aos de días anteriores (eran 163 o xoves). A cifra de novos casos notificada polo Sergas é produto dun cálculo a partir desta información de 'casos activos' facilitada polo Sergas.
O número de altas, ou 'curacións' nas últimas 24 horas foi de 9, pasando dun total de 11.211 a 11.220. Este indicador de curacións inclúe tanto a "positivos activos" que deixaron de selo como a persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero xa non teñen síntomas. Cabe deducir, polo tanto, que se produciron 30 novos positivos, tendo en conta o incremento de 21 novos casos activos e o descenso de 9 motivado polas altas producidas.
Dese total de 217 casos activos, 205 atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Os 12 restantes atópanse ingresados nos centros hospitalarios galegos, catro menos que este sábado. Ademais, un deses 12 pacientes permanece na UCI.
Hai 12 persoas enfermas de coronavirus ingresadas nos hospitais galegos, catro menos que este venres
Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 1.440 probas PCR en Galicia, unha cifra moi semellante á dos últimos días e que se mantén en niveis inferiores aos rexistrados nas semanas anteriores, cando medraban os datos do brote da Mariña.
Un día máis, seguen sen producirse novos falecementos en Galicia, fixada a cifra total en 619 dende o pasado 11 de xuño.
O brote da Mariña mantense en 51 casos activos, a mesma cifra que este sábado, cun positivo novo pero tamén unha 'curación' máis
Mentres, o brote da Mariña mantense en 51 casos activos, a mesma cifra que este sábado. Nas últimas 24 horas, segundo comunica o Sergas, rexistrouse un novo positivo, pero tamén se notificou a alta dunha das persoas infectadas, mantendo o número no mesmo nivel que o día anterior. Na última xornada realizáronse 185 PCR asociadas ao brote.
Dos 51 casos activos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos hai 338 persoas en seguimento domiciliario, unha máis que onte.
Por áreas sanitarias
Os positivos aumentan nas áreas sanitarias da Coruña e Lugo, por mor dos brotes do Fuenlabrada e da Mariña, pero tamén en Pontevedra, Vigo e Santiago
Dos 217 casos activos, 59 corresponden á área sanitara da Coruña, 85 son da de Lugo, 6 da de Ourense, 19 da de Pontevedra, 35 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.
Nas últimas 24 horas produciuse un importante incremento dos positivos activos na área da Coruña (pasan de 52 a 59) e na de Lugo (de 80 a 85), pero tamén hai aumentos na de Pontevedra (de 15 a 19), Vigo (de 32 a 35) e Santiago (de 11 a 13). No resto, os números permanecen estables e Ferrol mantense sen casos activos dende hai varios días.