Galicia suma 30 casos novos de coronavirus, cun ingreso na UCI

CC-BY-SA Praza Pública

Galicia segue sumando casos novos de coronavirus, confirmando o empeoramento da situación que se vén rexistrando dende os últimos días do mes de xuño. Este sábado a Consellería de Sanidade informou de 30 novos positivos, que se engaden aos 27 deste venres, e aos 39 e 17 de xoves e mércores. Un total de 113 casos en catro días que certifican un incremento da incidencia da enfermidade, provocada na maior parte dos casos por brotes de pequeno tamaño (as situación provocada polo Fuenlabrada na Coruña, o brote do Porriño...) e por casos importados dende Euskadi, Cataluña ou Madrid.

Galicia suma 113 casos novos en catro días

A situación de Galicia, iso si, está lonxe da gravidade doutros territorios, como Aragón, Navarra, Cataluña ou Madrid ou dos focos moito máis numerosos declarados en Almería ou Murcia. Nas estatísticas ofrecidas polo Ministerio de Sanidade este venres, de feito, Galicia seguía a ser a segunda comunidade cunha menor incidencia acumulada da enfermidade, só por detrás de Asturias.

16 pacientes de Covid están hospitalizados, fronte aos 10 do venres. Un deles está na UCI

A cifra de novos casos notificada polo Sergas é produto dun cálculo a partir da información de 'casos activos' proporcionada polo Ministerio de Sanidade. Neste sábado, estes casos activos ascenden de 180 a 196, un incremento que se suma aos de días anteriores (eran 163 o xoves). 

Ademais, o número de altas nas últimas 24 horas foi de 14, pasando dun total de 11.197 a 11.211. Este indicador de curacións inclúe tanto a "positivos activos" que deixaron de selo como a persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero xa non teñen síntomas. Cabe deducir, polo tanto, que se produciron 30 novos positivos, tendo en conta o incremento de 16 novos casos activos e o descenso de 14 motivado polas altas producidas.

Do total de 196 casos activos, 180 atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Os 16 restantes atópanse ingresados nos centros hospitalarios galegos, seis máis que este venres. Ademais, un deses 16 pacientes tivo que ser ingresado na UCI, despois dunha semana sen persoas enfermas de coronavirus nas unidades de vixiancia intensiva.

Un día máis, seguen sen producirse novos falecementos en Galicia, fixada a cifra total en 619 dende o pasado 11 de xuño.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 1.431 probas PCR en Galicia, unha cifra que se mantén en niveis inferiores aos rexistrados nas semanas anteriores, cando medraban os datos do brote da Mariña.

Na Mariña descenden os casos activos, que pasan de 56 a 51, grazas a cinco novas altas e a que non se rexistrou ningún positivo novo

Mentres, no brote da Mariña descenden os casos activos, que pasan de 56 a 51, grazas a cinco novas altas e a que non se rexistrou ningún positivo novo, segundo informa o Sergas.  

Dos 51 casos activos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Tres persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña

Na última xornada realizáronse 43 PCR asociadas ao brote e ningunha delas deu un resultado positivo, entre elas resultaron negativas todas as efectuadas na residencia de Maiores San Bartolomeu (Xove), onde nos últimos días se detectara un positivo entre o persoal traballador do centro

Todas as persoas cuxas probas deron resultado negativo nas últimas dúas semanas permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos hai 337 persoas en seguimento domiciliario, 13 menos que onte.

Houbo un importante incremento dos positivos activos na área da Coruña (pasan de 43 a 52)

Dos 196 casos activos, 52 corresponden á área sanitara da Coruña, 80 son da de Lugo, 6 da de Ourense, 15 da de Pontevedra, 32 da área de Vigo, 11 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Nas últimas 24 horas produciuse un importante incremento dos positivos activos na área da Coruña (pasan de 43 a 52) e tamén na de Pontevedra (de 11 a 15) e Ourense (de 4 a 6). No resto, os números permanecen estables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.