O Sergas rexistra 39 positivos novos de coronavirus cun novo brote de seis casos no Porriño

A comparación da evolución da pandemia entre marzo e a situación actual require diversas cautelas CC-BY-NC-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Comparar a situación actual da pandemia do coronavirus tanto en Galicia como no conxunto do Estado co acontecido nos pasados meses de marzo ou abril pode ser enganoso sen contexto. Nos días en que a epidemia se disparou, ata chegar ao pico, o crecemento exponencial do número de positivos e a gran presión sobre o sistema hospitalario provocaba que, na súa gran maioría, os casos detectados fosen sintomáticos e en persoas de maior risco, pasando por baixo do 'rádar' do sistema os casos máis leves ou sen síntomas.

A información do Ministerio de Sanidade acredita nos últimos días un incremento xeral do número de casos detectados, pero tamén que máis da metade son asintomáticos. Isto sucede especialmente dende o inicio das sucesivas fases do desconfinamento que comezou a mediados de maio. Así, por exemplo, en Galicia pouco máis do 40% de positivos detectados dende o 11 de maio e ata o pasado 17 de xullo tiñan síntomas. O acontecido nos sucesivos días e semanas deste novo período si é máis comparable entre si.

Comparar a situación actual da pandemia do coronavirus tanto en Galicia como no conxunto do Estado co acontecido nos pasados meses de marzo ou abril pode ser enganoso sen información de contexto como o gran número de casos asintomáticos (máis do 60%) que agora se detectan

Este é o contexto no que chegan os datos para Galicia deste 23 de xullo. Mentres o que ata agora foi o principal brote do desconfinamento, o da Mariña, continúa tendendo a remitir na primeira xornada de reapertura de Burela -malia seguir rexistrando casos novos-, a partir do parte divulgado pola Consellería de Sanidade é posible calcular -a Xunta non ofrece este dato directamente- que o Sergas rexistrou 39 positivos novos nas últimas vinte e catro horas. É o cuarto día dende finais de maio con 30 novos casos nunha xornada.

Nove deses trinta e nove casos novos sitúanse na área de Vigo, tal e como informa Vigoé citando información da propia xerencia sanitaria viguesa. Seis deles son dun único brote localizado no Porriño con 6 casos confirmados dentro dun mesmo núcleo familiar, en cuxa contorna continúan os rastrexos á procura de máis posibles positivos. Outros dous son do brote da Mariña. Esta sería a liña trazada polos casos novos calculados a partir dos partes do Sergas dende a fin do desconfinamento e a súa comparación coa serie por data estimada de inicio de síntomas, que o Ministerio de Sanidade ten actualizada polo momento ata o pasado día 16.

O xurdimento de brotes reflíctese tamén no número de probas PCR realizadas a diario, un dato que tamén é posible obter a partir dos partes diarios do Sergas, que continúa sen ofrecer series históricas completas e abertas da evolución da pandemia. Así, por exemplo, nas últimas vinte e catro horas foron procesadas ata 1.999 destas probas e practicamente todos os días dende finais de xuño, cando xurdiu o abrollo da Mariña, foron realizadas máis de 2.000. En numerosas xornadas da fin do desconfinamento eran poucas máis de 1.000 diarias.

Nos días do pico da pandemia, as cifras do partes do Sergas chegaron a reflectir máis de 400 casos novos nun só día

Sempre tendo en conta todas as cautelas anteriores, a situación actual da pandemia en Galicia sería, malia aos brotes, máis comparable coa do pasado maio que coa do pasado marzo. Non en van, os días con máis positivos detectados na actualidade roldan a corentena de casos novos e ademais, as hospitalizacións -8 nesta xornada, segundo o Sergas- son moitas menos. 

Daquela, en marzo e abril, Galicia pasou en apenas dúas semanas semanas de cero a máis de 1.000 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 e os casos novos rexistrados polo Sergas chegaron a ser, segundo os seus partes, chegaron a ser máis de 400 nun só día. Así o amosa o seguinte gráfico, tamén comparado coa serie por data estimada de inicio de síntomas do Ministerio de Sanidade, construída cos datos fornecidos polas comunidades autónomas e a única pública para Galicia, en ausencia dunha do Sergas.

Os casos novos fronte aos "positivos activos"

O número de novos positivos da COVID-19 é un indicador crucial para observar a evolución da pandemia, toda vez que fala de novos contaxios e tamén da capacidade do sistema sanitario para detectalos. É tamén un indicador clave para dotar de contexto ao indicador que a Xunta utiliza como referencia, o dos "positivos activos", isto é, o do total das persoas que teñen test positivo cada xornada, cuxa evolución pode ser enganosa sen comparala co dos casos novos e se, como adoita facer a Xunta, está influído por grandes oscilacións nos números de altas sen unha referencia temporal precisa.

O número de casos novos é unha cifra clave para dotar de contexto aos "positivos activos", que este 23 de xullo descenden (-17) impulsados por ata 56 "curacións" sumadas pola Xunta nesta xornada

Isto é o que acontece este 23 de xullo. Galicia rexistra 39 casos novos correspondentes ao día anterior e, ao mesmo tempo, os "positivos activos" que a Xunta manexa como principal indicador público descenden de xeito relevante, pasando de 180 a 163, dezasete menos. A razón é que os 39 casos novos son menos que as 56 "curacións" que Sanidade suma nun só día, chegando a 11.187 nun indicador que inclúe tanto a "positivos activos" que deixaron de selo como a persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero xa non teñen síntomas.

Os datos de "positivos activos" por áreas sanitarias, que a Xunta si divulga, ofrecen algunha pista ao respecto. Na que máis descenden é a de Lugo, que pasa de 98 a 74 (-24). Tamén diminúen en Ourense (-1) e Santiago (-1). Deste xeito, os sete "positivos activos" novos da área de Vigo, afectada polo brote do Porriño, e os 2 "positivos activos" novos da área da Coruña, atinxida polo brote importado polo club de fútbol Fuenlabrada, quedan amortecidos no global galego pola baixada de Lugo. Pero no interior destas cifras están os 39 casos novos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.