- DOCUMENTO | Orde que pon fin ao peche de Burela e mantén algunhas das restricións polo brote da Mariña
Dezaoito días despois, a veciñanza de Burela poderá entrar e saír do municipio e da Mariña con normalidade. A Consellería de Sanidade decidiu non prorrogar o peche do municipio burelao máis alá dos sete días dispostos na última prórroga, unha semana na que o brote de coronavirus da Mariña tendeu a remitir, atendendo ás cifras oficiais divulgadas polo Sergas e máis ás posteriores aclaracións sobre os días con máis casos nos que, segundo deu en admitir a Consellería, os totais difundidos foron inferiores aos reais. Nas últimas vinte e catro horas, indica a Xunta, foron realizadas 86 probas PCR no distrito sanitario "a persoas relacionadas co brote" e delas, só dúas detectaron casos positivos.
A Xunta decide non estender o peche de Burela alén da última prórroga de sete días tras detectar dous casos novos ligados ao brote e mentres as persoas de alta seguen aumentando
Deste xeito, con estes dous casos novos o número acumulado de persoas afectadas polo brote da Mariña chegaría a 248, das que 173 estarían xa de alta -doce máis- mentres continúan sendo "positivos activos" un total de 69 pacientes -dez menos-. Sempre segundo a información do Sergas, tamén continúan a reducirse as persoas "en seguimento domiciliario" por teren contacto con persoas que deron positivo no brote e agora son 361 en corentena, vinte e catro menos.
A Mariña ficará dende este xoves sen restricións de mobilidade e, na liña do solicitado por varios concellos, a Xunta autorizará tamén prolongar o horario dos locais de hostalaría alén das doce da noite. Poderán manter a apertura con normalidade ata as doce e media e terán que quedar baleiros á unha da madrugada.
Si continúan, polo momento, outras restricións como a prohibición de apertura de discotecas e celebracións de verbenas. Igualmente, continúa o límite de reunións de ata 10 persoas "non convivintes". As mudanzas concretas do novo período foron publicadas tamén no Diario Oficial de Galicia este mércores.
Dezasete positivos novos en toda Galicia
Sanidade anunciou o levantamento do peche da Mariña nunha xornada na que rexistra 17 novos casos de coronavirus para o total de Galicia nun cómputo que, cabe deducir, inclúe os seis do brote importado á Coruña pola expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada -a Xunta non especifica o número de casos novos por áreas sanitarias, comarcas ou concellos-. Na mesma xornada, o Sergas informa dun total de 15 "curacións" -de 11.115 a 11.131- e por iso o número de "positivos activos" só ascende en dous casos, de 178 a 180.
As 15 "curacións" que incorporan os datos do Sergas provocan que o número de "positivos activos" aumente en só dous para o global de Galicia, ata 180
Dando por suposto que o brote importado está neste cómputo xeral, o número de casos non difire en exceso dos dos últimos días e seguiría roldando a decena. Mentres, o Ministerio de Sanidade vén de actualizar a súa serie pública por data estimada de inicio de síntomas -en ausencia dunha do Sergas, a única dispoñible para Galicia- ata o pasado día 16 de xullo sen experimentar máis alteracións que os provocados por brotes xa coñecidos como os da Mariña ou Betanzos.
Os datos de hospitalización continúan tamén na senda das últimas semanas. Informa Sanidade de 8 persoas ingresadas con test positivo (unha máis) e de 172 illadas a domicilio -tamén, unha máis-. Este indicador está tamén afectado pola devandita quincena de altas, polo que cabe deducir que a maior parte dos casos novos están en illamento domiciliario. Mentres, o número de falecementos asociados á pandemia segue sen incrementarse por cuadraxésimo primeiro día consecutivo, polo que seguen sendo 619.
A área da Coruña, afectada polo brote importado, aumenta en 6 "positivos activos"
Por áreas sanitarias, o Sergas só informa en termos de "positivos activos" e este indicador só decrece na área de Lugo, influída polas altas da Mariña. Nesa área os casos "activos" quedan en 98 -8 menos-, polo que ademais dos dous casos novos no distrito mariñao, habería outros dous novos noutros puntos da provincia lucense, xa que o resto da área sanitaria pasaría de 27 a 29 "activos".
Mentres na da Coruña, afectada polo brote importado, aumentan en 6. Vigo e Santiago aumentan en cadanseus dous "positivos activos" mentres Pontevedra e Ferrol (esta última, con cero dende hai catro días) non experimentan variacións).
A estatística do Ministerio non reflicte ningún diagnóstico nas últimas 24 horas en Galicia
Fronte aos 17 novos casos de coronavirus que reflicten as cifras do Sergas divulgadas este 22 de xullo, a información divulgada polo Ministerio de Sanidade non reflicte ningún diagnóstico en Galicia nas últimas vinte e catro horas. A estatística do Goberno central, única con serie pública para Galicia en ausencia dunha pública do Sergas, constrúese con datos das comunidades autónomas e péchase con horario diferente á da Xunta. Ademais, permanece en revisión durante varios días, polo que o feito de que este 22 de xullo non asigne casos ao día 21 non implica necesariamente que, unha vez revisada e recolocado cada caso por día estimado de inicio de síntomas, esta xornada continúe a cero.