O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado día 17 de xullo a resolución na que a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, dependente do Ministerio de Transportes, oficializa as "directrices operativas para a xestión de pasaxeiros e persoal de aviación" durante a pandemia da COVID-19. Esta normativa aborda, entre outros aspectos, os requisitos que as persoas deben cumprir antes de acudir ao aeroporto e evitar, na medida do posible, que persoas potencialmente infectadas polo coronavirus cheguen a pisar estas instalacións.
Esa publicación oficial fixa o modelo de declaración que cada pasaxeiro dun voo debe cumprimentar, na que declara "non estar dentro dos supostos" nos que "non se debe acudir" ao aeroporto. Entre eles figura ter diagnóstico de coronavirus "nos 14 días anteriores ao voo" ou "estar en contacto estreito" cunha "persoa diagnosticada de COVID-19 nos 14 días anteriores" á viaxe.
A Axencia Estatal de Seguridade Aérea establece que "non se debe acudir" a un aeroporto no caso de ter "contacto estreito" cunha "persoa diagnosticada de COVID-19" nos 14 días previos á viaxe; o Fuenlabrada nega que o seu persoal se atopase nese suposto
Atendendo á información divulgada polo Servizo Galego de Saúde e tamén por varios medios, neste segundo suposto é no que se atopaban os xogadores do Fuenlabrada que viaxaron á Coruña para enfrontarse ao Deportivo o pasado luns. Non en van, segundo recollen os xornais As e Sport, o domingo deran positivo "tres membros do corpo técnico e un xogador". Nesta liña, o xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, confirmaba na tarde do martes que 6 das 46 probas PCR realizadas á expedición do Fuenlabrada deron positivo, 5 das cales "coinciden" coa "listaxe" facilitada polo club. Esas cinco persoas, daquela, estarían infectadas xa na viaxe.
Como acreditan as publicacións nas redes sociais do propio club madrileño, o plantel chegou á Coruña en avión -un voo chárter de Iberia- e desembarcou no aeroporto de Alvedro. Así o acreditan as imaxes do propio Fuenlabrada. Dende alí, viaxaron en autobús ata o hotel Finisterre, o céntrico establecemento hoteleiro onde tiveron que quedar illados tras confirmarse os positivos por COVID-19.
O Sergas afirma que a Liga lle comunicou os positivos do Fuenlabrada ás 20:17 do luns, menos de 45 minutos antes da hora fixada para o inicio do partido contra o Deportivo, cando o encontro xa fora suspendido
Non obstante, a través dun comunicado, o Fuenlabrada nega que os seus xogadores se atopasen no suposto que impediría pisar o aeroporto. A definición de "contacto estreito" é "calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso a distancia menor de 2 metros e durante 15 minutos", sinala o club nun comunicado. A entidade madrileña defende que "ningún compoñente da expedición" cumpría "os requisitos", porque "o protocolo" da Liga -que non é público- "impide que na dinámica dos adestramentos se produzan contactos tan prolongados".
O momento en que o Fuenlabrada e a Liga souberon dos novos positivos é clave nas dúas vertentes do conflito aberto, a deportiva e a sanitaria. Segundo a Consellería de Sanidade, a Dirección Xeral de Saúde Pública recibiu ás 20:17 do luns, día 20, un correo electrónico "da dirección legal da Liga de Fútbol Profesional no que se comunicaba a existencia de resultados positivos de probas PCR" no Fuenlabrada.
Aparentemente, referíanse ás probas previas ao partido fixadas no protocolo da Liga. Daquela, o Fuenlabrada tería viaxado sen coñecer o resultado desas segundas probas, pero si sabendo dos positivos do domingo. Atendendo ao protocolo do Ministerio de Sanidade, os positivos xa confirmados deben ser comunicado de maneira "urxente" á autoridade sanitaria correspondente -no seu caso, a Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid.
A comunicación á Xunta, daquela, produciuse cando faltaban menos de corenta e cinco minutos para a hora á que debería principiar o encontro e cando xa fora decidida a súa cancelación. Nese momento, o equipo levaba xa unhas dez horas na Coruña.
A Liga defende que "viaxou toda a expedición que non deu positivo" e insta a ter "máis coidado" antes de "falar de neglixencia"
Neste sentido, o presidente da Liga, Javier Tebas, declarou á canle de televisión Cuatro que o Fuenlabrada chegou á Coruña porque, tras "as probas PCR que se fixeron nos dous días anteriores", "viaxou toda a expedición que non deu positivo e estaba en perfecto estado para poder xogar". Admite deste xeito o mandatario da patronal do fútbol español que houbo persoal do club, o que non viaxou, que dera positivo e, polo tanto, o resto do plantel estivera en contacto con persoas que padecen a COVID-19.
Así e todo, Tebas considera que "falar de neglixencia, debería dicirse con moito máis coidado". Na súa opinión, son "os inspectores do club os que teñan que determinar se se incumpriron temas de protocolo". O fillo do presidente da Liga é avogado do Fuenlabrada, se ben a súa directiva vén defendendo nos últimos anos que non existe ningunha "incompatibilidade" por esta circunstancia.
O Concello da Coruña "resérvase as accións legais oportunas"
A posibilidade de que o Fuenlabrada viaxase á Coruña con persoal que tivera contacto directo con persoas que xa deran positivo é tamén sinalada dende o Concello da cidade a través da súa alcaldesa, Inés Rey. "Se se confirma que un xogador e tres integrantes do equipo técnico deran positivo horas antes de voar á Coruña, revela unha actitude irresponsable e inadmisible" tanto por parte do club como da Liga, di, un "perigo para a saúde pública" que "temos obriga de denunciar e esclarecer".
Por iso, o goberno local advirte de que "non desbota tomar medidas legais para que se depuren as responsabilidades que sexan necesarias". A últimas horas da tarde, a rexedora indicou en declaracións a eldiario.es que esas accións poden ir encamiñadas a trasladar o asunto á Fiscalía.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña: "Queremos saber cando lles fixeron as probas aos xogadores e se a Comunidade de Madrid, as autoridades sanitarias e a Liga tiñan constancia de que había un brote no Fuenlabrada"
"Hai prexuízos sanitarios, que son os que máis me preocupan, pero tamén hai un evidente prexuízo económico para a cidade, produto dunha irresponsabilidade" malia que "os protocolos sanitarios, ante a máis mínima sospeita de contaxio" fixen illamento e corentena. "Queremos saber cando lles fixeron as probas aos xogadores e se a Comunidade de Madrid, as autoridades sanitarias e a Liga tiñan constancia de que había un brote nas filas do Fuenlabrada". Cómpre aclaralo, subliñan, porque "os futbolistas non son diferentes ao resto da poboación" e "a Liga non ten un status especial nos protocolos sanitarios".
O Fuenlabrada, pola súa banda, censura as "declaracións da alcaldesa da Coruña" e "todas as informacións falsas aparecidas a raíz da súa comparecencia". No propio comunicado negan, por exemplo, que fixese "vida normal" no complexo do hotel Finisterre e asegura "reservarse o dereito de accionar contra as calumnias lanzadas sen fundamento".