Un shock futbolístico e social na Coruña. Mais tamén un descontrol sanitario en plena pandemia propiciado por unha sociedade anónima -deportiva- cun orzamento anual de 4 millóns de euros (o menor da Segunda) participante dun conglomerado empresarial aínda maior, La Liga, que move miles de millóns cada ano.
A afección do Deportivo da Coruña ficou estupefacta o serán deste luns ao certificar a información adiantada polo Diario de Cádiz: o encontro no que o conxunto coruñés ía xogar as súas opcións de ficar na Segunda estaba abocado á suspensión pola existencia de ata seis positivos por coronavirus no equipo rival, o Fuenlabrada, que viaxara á Coruña en avión na mañá do propio luns e non chegara a desprazarse a Riazor dende o hotel de concentración, o céntrico Finisterre.
O encontro foi suspendido tras confirmarse a existencia de cando menos seis positivos no equipo contra o que o Dépor ía xogar as súas opcións de permanencia na Segunda
Cando restaban apenas corenta minutos para o inicio do partido, La Liga ratificaba a súa aposta. O Dépor-Fuenlabrada ficaba suspendido "por causas sanitarias de forza maior" e o resto da xornada seguía adiante. A patronal futbolística española atribuía a decisión a un acordo coa Federación Española de Fútbol "coa presenza do Consello Superior de Deportes" no marco da comisión que supervisa o desenvolvemento da competición no marco da crise da COVID-19. Din "entender" que esa era "a solución que mellor protexe a saúde dos futbolistas" e "a integridade global da competición".
Tras a confusión inicial, as reaccións das entidades deportivas desencadeáronse mentres o Sergas activaba un mecanismo sanitario de emerxencia que aínda continúa en marcha este martes. O Deportivo anuncia "todas as accións legais necesarias" para reverter a decisión de que o resto da xornada se disputase, incluídos os partidos que influían nos descensos -como o do Club Deportivo Lugo ante o Mirandés, que finalizou coa permanencia do conxunto lucense-. O Fuenlabrada, pola súa banda, admitía "casos positivos en integrantes do noso club" e matizaba que "non tiveron sintomatoloxía ningunha" previamente.
O Fuenlabrada viaxou a Galicia tras deixar illado en Madrid un xogador cuxa proba da COVID-19 tivera resultados "alterados" e ficou confinado momentaneamente no hotel por orde do Sergas
Alén do conflito futbolístico, que cando menos de momento deixa o Dépor na Segunda B, o acontecido trouxo consigo un brote -o Ministerio de Sanidade considera tal "calquera agrupación de tres ou máis casos con infección activa nos que se establecese un vínculo epidemiolóxico- que a sanidade galega tivo que abordar de improviso. Segundo confirmou a TVG, o Fuenlabrada viaxou a Galicia tras deixar en illado Madrid un xogador cuxa proba PCR tivera resultados "alterados" e foron as probas PCR realizadas na mañá do propio luns -segundo o protocolo da Liga- as que revelaron a primeiras horas da tarde a existencia de, cando menos, media ducia de positivos no plantel fuenlabreño.
"Non se pode poñer en risco a saúde pública dunha cidade que leva meses combatendo unha pandemia que aínda non está controlada"
Nese punto, tamén segundo a información obtida pola canle pública -o luns non existiu comunicación oficial da Xunta ao respecto-, o Sergas desprazou un equipo sanitario ao hotel Finisterre e ditaminou o illamento dos xogadores do Fuenlabrada no propio local hoteleiro, do que marcharon algúns hóspedes ante o temor a ficaren confinados. Sanidade programou para este martes a realización de probas PCR ao conxunto da expedición do Fuenlabrada e a realización dun estudo de contactos dos empregados da entidade madrileña na súa estancia na Coruña.
Pola situación pide explicacións tamén o Concello da Coruña. "Non se pode poñer en risco a saúde pública dunha cidade que leva meses combatendo unha pandemia que aínda non está controlada", sinalou o goberno local nun comunicado feito público na noite do luns. "Por suposto, agardamos unha pronta recuperación dos xogadores do Fuenlabrada, pero de confirmarse a información publicada en varios medios, este equipo nunca debeu viaxar á cidade nin se debeu disputar a xornada de Liga", sinala o Concello, que tivo que suspender un acto no hotel Finisterre programado para este martes.