O Sergas rexistra 7 casos novos de coronavirus, tres do brote da Mariña

CC-BY-SA Praza Pública

Galicia rexistra nestes momentos 202 casos activos de coronavirus, segundo a última información notificada polo Sergas na mañá deste luns. A cifra total mantén o descenso dos últimos días e pasa de 207 a 202, aparentemente con sete casos novos, produto de poñer en contraste as cifras de positivos activos (cinco menos) e as 11.082 curacións (doce máis que o domingo). Non é posible coñecer cantos destes sete casos son resultados positivos en probas PCR e cantos, en test de anticorpos, xa que esa información tampouco é pública.

Os "positivos activos" no conxunto de Galicia quedan en 202, segundo o Sergas

Na Mariña, segundo o Sergas, os casos activos terían descendido de 112 a 86 casos activos, despois de rexistrarse 3 novos positivos (sobre un total de 32 probas PCR realizadas) e 29 altas. As persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio son nestes momentos 407, segundo o Sergas, 17 menos ca onte.

A área de Lugo segue a ser a que acumula máis "positivos activos"; as informacións sobre os brotes de Betanzos e Vilalba apuntan ao seu control

Aínda que a Consellaría de Sanidade non ofreceu datos específicos dos outros dous brotes que centran as preocupacións nos últimos días (Betanzos e Vilalba), as cifras por área sanitaria non amosan directamente incrementos en Lugo ou na Coruña (as zonas ás que corresponden os citados brotes). A área lucense segue a ser a que acumula un maior número de casos activos, con 136 (tres menos ca onte), mentres que A Coruña tamén baixa de 30 a 27. No resto, tan só a área de Santiago rexistra un ascenso no número de positivos activos (pasa de 7 a 8) e Ferrol segue, por segundo día consecutivo, sen casos de coronavirus.

Non obstante, os datos da área lucense si poderían convidar á preocupación no caso de que estivesen pechados á mesma hora do parte sobre o brote da Mariña. Se fose así, dado que os "positivos activos" da Mariña son 26 menos e o total da área de Lugo só diminúe en 3 (de 139 a 136), cabería deducir que o resto da área lucense suma 23 casos, pasando de 27 a 50. Non obstante, non é posible contrastar esta variación directamente, porque o Sergas non ofrece series de datos abertos nin no propio día nin en xornadas posteriores, e as cifras globais de Galicia apuntan a só 7 casos novos.

Nas últimas horas, as informacións difundidas sobre os brotes declarados en Galicia apuntan a que estas situacións estarían camiñando cara ao seu control. Por exemplo, este sábado non se rexistraron novos positivos na Mariña (pasando os casos activos de 119 a 112) e no último día houbo unicamente tres positivos máis (baixando ademais os casos activos de 112 a 86, despois de haber 29 altas.

De igual xeito, os alcaldes de Vilalba e Xermade destacaron que o brote que afecta aos dous concellos (cun total de seis casos) estaría xa "controlado", sen novos casos nos últimos días. E unha situación semellante vívese aparemente en Betanzos, sen novos positivos este domingo que engadir aos 10 casos existentes.

Dos 202 casos activos, só 7 están hospitalizados (ningún na UCI), mentres que o resto se atopa en illamento nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Galicia segue con 619 persoas falecidas con coronavirus dende o inicio da crise.

Nas últimas 24 horas Galicia levou a cabo 1.251 probas PCR, a cifra máis baixa dende o pasado 23 de xuño, xusto antes de declararse o brote da Mariña. Nas últimas catro semanas, a loita contra a enfermidade nesta comarca levou a incrementar notablemente o número de probas realizadas, que chegou a superar en varias xornadas as tres mil.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.