A Xunta comunicou ao xulgado máis positivos dos que fixera públicos no brote de coronavirus da Mariña ata o pasado 10 de xullo. Como informaron Xornal da Mariña e Praza.gal, o auto do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo que avalou o peche dos concellos mariñaos para conter os contaxios da covid-19 acreditou que cando, a pasada semana, as cifras públicas do goberno galego permitían concluír que o abrollo da Mariña aínda estaba por baixo dos 200 positivos acumulados, en realidade xa superara esa cifra.
Inicialmente, a Consellería de Sanidade atribuíu a discordancia a unha mala interpretación da información por parte dos devanditos medios, tanto ao ser cuestionada por este diario como nunha nota oficial. "Non se pode falar de diverxencia entre uns datos e outros, simplemente se trata de datos diferentes", resumiu. Pouco despois, non obstante, unha fonte oficial de Sanidade indicou a Praza.gal que realmente si existira esa disparidade na información e atribuíuno a varios factores. Entre eles, a varios erros.
Unha fonte oficial de Sanidade asegura a Praza.gal que a orixe na discordancia dos datos está en que o 10 de xullo as altas non eran 27, senón 36, e en que o cómputo total de persoas afectadas polo brote incluía 6 persoas máis das referidas nas notas públicas
Sempre segundo esta fonte oficial, aínda que o auto do xulgado que se refire a un total de 224 positivos no brote da Mariña citando un informe do Sergas data esa cantidade no 9 de xullo, en realidade son "datos do 10 de xullo". Nesa xornada, o total acumulado do que informou o Sergas publicamente era de 209 casos, quince menos dos indicados ao xulgado. É nese punto onde, segundo estes matices e aclaracións da Xunta, entrarían os devanditos erros.
O primeiro "erro", indican agora dende a Consellería, ten que ver co dato de altas dese 10 de xullo. Mentres que a información pública se refería a 27, realmente eran 36. Iso deixaría o total en 218 e non os 224 comunicados ao xulgado. A razón desa cifra, engade esa mesma fonte oficial, é a existencia de 6 casos máis contaxiadas no brote pero "non residentes na Mariña" e, por ese motivo, rexistradas en cadansúas áreas sanitarias. Así se chegaría aos 224 referidos no informe do xulgado, segundo aclara a Xunta para o 10 de xullo.
Todos estes matices traen consigo varias implicacións. A primeira, que o número de persoas afectadas polo brote sería de, cando menos, 15 máis que as referidas nos sucesivos comunicados da Xunta ao respecto. Ata o 16 de xullo o total acumulado sería de 237 persoas, 91 delas de alta. A suma do indicado nas sucesivas notas oficiais indica pola contra, un acumulado de 222 persoas ata o 16 de xullo, con 82 delas de alta. A ausencia dunha serie pública do Sergas sobre a evolución da pandemia impide, en calquera caso, contrastar estes datos directamente.
Estas aclaracións elevan o número de persoas afectadas polo brote da Mariña ata, cando menos, 237 ata o pasado 16 de xullo. A suma de casos divulgados pola Xunta ata esa data non pasaba de 222
Ademais, estas aclaracións implican que a pasada semana houbo varios días con máis casos novos dos coñecidos. Adicionalmente, supón que o método de cómputo público exclúe dos partes oficiais referidos aos brotes ás persoas que si se infectan da covid-19 neles pero viven noutras áreas sanitarias, porque formalmente son computados nelas.
Estas discordancias entre os datos transmitidos ao xulgado sobre o total de persoas afectadas polo brote e os comunicados á cidadanía en xeral veñen concordar coas alertas lanzadas a pasada semana por persoal sanitario e concellos da Mariña, en cuxa opinión o Goberno galego minoraba a dimensión do abrollo pola proximidade das eleccións do 12X. Mentres, a Consellería de Sanidade subliñaba este xoves que "a información sobre os datos de persoas afectadas por covid-19 no distrito sanitario da Mariña, que cada día ofreceu o Sergas e a Consellería de Sanidade aos medios de comunicación, son reais e transparentes".