O brote de coronavirus na Mariña medra en 36 casos novos. Ou, o que é o mesmo, rexistra este 9 de xullo o seu maior incremento en vinte e catro horas dende que comezou.
Os positivos acumulados no brote da Mariña son xa 190, con 25 persoas xa de alta e 5 hospitalizadas
Contra o mediodía deste xoves, a Xunta informou a través dun comunicado de que "o brote de coronavirus da Mariña conta hoxe con 21 casos activos máis" que o día anterior, cando este indicador se situaba en 144. Isto fai que o total de "positivos activos" chegue a 165. Pero o Sergas tamén indica que o número de "altas epidemiolóxicas de persoas que eran positivas" a causa do brote ascende xa a 25, quince máis.
Como fai dende o comezo da pandemia para o total de Galicia, Sanidade pasa agora a obviar no brote da Mariña o número de casos novos nos seus comunicados. Pero é posible calculalo a partir das cifras acumuladas de activos e altas: se ambos indicadores sumaban 154 persoas o 8 de xullo e 190 o 9 de xullo, o número de novos casos detectados nesta xornada é 36.
Especifica a Consellería que "a maioría" dos casos "activos" son persoas "asintomáticas" ou con sintomatoloxía "leve", pero tamén que cinco persoas afectadas polo brote están ingresadas no hospital de Burela con "evolucón favorable. A Xunta deixa tamén de indicar o total de persoas en corentena na comarca afectada e o número de probas realizadas na zona na última xornada. Si indica que "máis de 300 persoas" que estiveran en corentena por teren contacto con persoas que deran positivo "xa recibiron a alta epidemiolóxica" por non desenvolver síntomas da covid-19.
Esta evolución á alza do brote da Mariña prodúcese nun contexto no que, segundo a Xunta, o número de "positivos activos" no conxunto da área sanitaria de Lugo aumenta en 24 casos, pasando de 166 a 190. Daquela, a suba de "activos" no resto da provincia sería de tres casos (de 22 a 25).
Os "positivos activos" no resto da provincia de Lugo aumentan en 3, pero os datos do Sergas impiden coñecer con exactitude se houbo máis casos novos
Neses 190 inclúense os devanditos 36 novos casos da Mariña. Non é posible afirmar con exactitude, non obstante, se os novos casos no resto da provincia son máis de tres, xa que a Xunta non o especifica e o total de novas "curacións" en toda Galicia aumenta en 36 casos -de 10.844 a 10.880-. Dado que as áreas nas que diminúen os "positivos activos" (-10 en Vigo, -3 na Coruña, -1 en Ourense) suman 14 curacións, quedarían 22 das que algunhas poderían ser ou non de Lugo.
Cómpre ademais ter en conta que a suma de "curacións" non inclúe só persoas que antes foran "positivos activos". A Xunta tamén computa como "curadas" a persoas que dan positivo en test de anticorpos, pero non teñen síntomas e daquela, son consideradas directamente "curacións. [Dúas mil persoas que figuran como "curadas" de coronavirus no Sergas nunca foron "positivos activos"]
O Ministerio notifica once novos diagnósticos en Galicia
Na tarde deste xoves, poucas horas despois de que o Sergas divulgase o seu parte sobre o brote da Mariña, o Ministerio de Sanidade publicou a súa actualización diaria sobre a evolución da pandemia. Os datos do Ministerio, consolidados cada día ás dúas da tarde coa información remitida na xornada previa polas comunidades autónomas, indican 11 diagnósticos novos de coronavirus en Galicia nas anteriores vinte e catro horas e 164 nos últimos sete días.
Esta base de datos continúa en depuración durante varios días ata que cada positivo é recolocado na súa data estimada de inicio de síntomas, polo que tanto o total de casos diario pode variar. Así, por exemplo, parte dos 35 novos diagnósticos notificados o pasado 8 de xullo semella que xa foron recolocados por data de inicio de síntomas no día 1 deste mes. Con 44 casos novos, esa xornada convértese no día con máis diagnósticos da covid-19 en Galicia dende o 8 de maio (45). O gráfico baixo estas liñas reflicte esa serie revisada ata o día 5.
Na exposición destes datos, o director de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, sinalou o brote da Mariña como un dos que "preocupan" no departamento estatal, se ben matiza que é dos que "van reducindo o seu interese". O brote mariñao, agrega Simón, presenta "un número importante de casos", pero "un gran número son asintomáticos" e ademais, matiza, nos últimos días "estase reducindo o número de casos notificados" polo Sergas ligados a ese abrollo.