A Mariña, entre a incerteza, o temor e o enfado: "Non penso ir votar; e coma min, moitos máis"

Praia de Portelo, co núcleo urbano de Burela ao fondo © Deputación de Lugo

"Se non podo ir traballar, non penso ir votar tampouco". Con contundencia responde unha muller do Vicedo, e co negocio en Viveiro, sobre as eleccións do vindeiro domingo na Mariña. Confinada na casa polo positivo dunha compañeira de traballo, pero con resultado negativo nos seus tests, ten claro que non acudirá á cita coas urnas. Tomou a decisión entre o "temor" a un posible contaxio e a protesta, di, "contra quen di que aquí está todo controlado, que non pasa nada e que se pode ir a un colexio electoral sen problema ningún". 

"Se non podo ir traballar, non penso ir votar tampouco; coma min farán moitos máis, non creo que a xente na Mariña vaia votar coma se non pasase nada"

"Coma min van facer moitos máis; non creo que a xente na Mariña vaia votar coma se non pasase nada", insiste esta moza que poderá volver abrir o seu negocio catro días despois dos comicios, cando acabe a corentena obrigada de 14 días logo de que unha compañeira, de Xove, dese positivo nunha PCR. "Deberían suspenderse as eleccións na comarca, pero se non se fai, se cadra a forma perfecta de dicirlle á Xunta como estamos é non acudindo", engade. 

Praza de Pastor Díaz, en Viveiro, nunha foto de arquivo previa á pandemia de covid © Concello de Viveiro

É un testemuño máis, coincidente con moitos outros pero diferente doutros tantos nunha Mariña que se reparte entre a incerteza, a preocupación e o enfado. Ou todas á vez. En Burela, coas rúas case baleiras, as reaccións son semellantes. "Os meus amigos son de ir votar sempre, pero agora mesmo non queren ir. Non ten sentido que estean confinados pero poidan ir aos colexios sen ningunha medida particular", expresa María, en referencia aos compañeiros que gardan corentena por contactos con positivos. "Están e estamos enfadados", insiste quen ve "electoralismo" na decisión de limitar o confinamento perimetral da comarca a cinco días, ata xusto antes dos comicios. 

"É surrealista porque na Mariña todo o mundo sabía que tiña que pasar e que había que fastidiarse se era por preservar a saúde, pero non é normal que as medidas acaben xusto antes das eleccións", insiste a muller. "Iso foi a gota que rebordou o vaso, indignou moito", engade. 

"Todo o mundo aquí no bar fala mal desa decisión", explica Teresa, traballadora nun establecemento do Vicedo. "Pechamos A Mariña e aplicamos restricións pero só ata o venres para logo poder ir votar? Cinco días cando o normal son 14? Non ten sentido, é indignante", engade quen recomendou á súa filla, confinada por contacto cun positivo, que non acudise ás urnas o 12X: "Ten dous nenos pequenos e non baixa nin ao portal, así que tampouco creo que deba". "Tiñan que adiar as eleccións como xa pediron varios alcaldes", opina.

Agora, dez, e de maneira oficial, tras o escrito que os rexedores de PSdeG e BNG da comarca remitiron advertindo de que "non se dan as garantías suficientes nin existe protocolo sanitario adecuado á situación acutal" e piden "a suspensión das votacións no distrito sanitario". 

"Pechamos A Mariña e aplicamos restricións pero só ata o venres para logo poder ir votar? Cinco días cando o normal son 14? Non ten sentido, é indignante"

"O tema das eleccións agravou moito a sensación de enfado", volve contar María, que coincide con Teresa ou Antón, un mozo de Viveiro, no diagnóstico. "É máis que probable que baixe a participación. Xa o pensaba antes e máis agora que deixaron claro que non poden prohibir que os que deron positivo vaian votar. Non saber se vas estar ao carón dunha persoa que pode estar co virus fará que moitos pensen que facer, sobre todo en Burela e Foz", explica este home, que advirte tamén de que "moita xente que está fóra da comarca por traballo ou ocio e tiña pensando vir para a votación pode que tampouco o faga". 

Tamén cre que o confinamento foi unha medida "coa que está de acordo a inmensa maioría da cidadanía", pero considera "un pouco triste" que se "tardase tanto en facelo cando desde o xoves pasado xa se vía claro". Ademais, e respecto da posible apertura da zona occidental ou oriental da Mariña antes do venres, deixando só algún concello illado, Antón cre que "as administracións van ter que darlles moitas explicacións aos hostaleiros de Viveiro ou Ribadeo". 

Praia de Fomento, no Vicedo © Deputación de Lugo

É este sector, di, o "máis afectado" na comarca. "Viron como se lles marchaban a maioría dos turistas que tiñan hospedados e como tamén lles baixa a clientela por medo e porque moitos veraneantes habituais abandonaron a súa residencia". Ratifícao Teresa. "Nunha mañá normal, ata as 11, levo 60 cafés servidos... Hoxe conto dez", explica. 

"Quérennos facer crer que o brote está controlado pero dreo que non o deron controlado nunca de todo"

 "Coma min están o resto, desesperados porque o negocio vai fatal; teño tres ou catro persoas de aquí perto e pouco máis", engade Teresa, que no seu local entrega e garda as chaves dos pisos dun edificio de alugueiro para o verán. "Houbo xente que marchou e aínda tiña pagada unha semana máis, e outros que anularon reservas", explica.

Pola súa experiencia, di, é imposible dicir que o brote "está controlado". "É o que nos queren facer crer pero creo que nunca o deron controlado de todo", explica quen non sabería atribuír a repunta de casos de covid a unha causa única: "É certo que houbo moitas celebracións de San Xoán en casas, tamén moitas mobilizacións por Alcoa...". 

"É lamentable o intento de criminalización"

Desde Viveiro, Antón indígnase co "lamentable intento de criminalización": "Primeiro a mocidade da Mariña e logo a eses 'dous ou tres bares de Burela". "O primeiro contaxio produciuse moito antes de San Xoán, xa que o primeiro positivo confirmado data do día 23, así que poden dicir que puido axudar a que se expandise, pero non que empezou o brote polas supostas festas privadas dese día", explica. 

"A xente nova séntese moi criminalizada, sinalada co dedo", di unha muller de Burela

En Burela, María coincide en que "a xente nova séntese moi criminalizada, sinalada co dedo". "A cidadanía fai autocrítica por un posible relaxamento, pero é certo que moitos rapaces teñen a sensación de que os apuntan", explica quen resume en "rara" unha sensación que na vila mariñá inclúe "a solidariedade cos negocios que tiveron que pechar". Rara, di, como a que relatan outros testemuños na comarca. Entre a preocupación polo impacto económico, a indignación con algunha das medidas adoptadas --ou non adoptadas--, o temor ao coronavirus e o sentimento de se sentir ollados. "A xente está cabreada", resume Teresa.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.