As eleccións do vindeiro domingo preséntanse como as máis incertas dos últimos anos en Galicia. A pesar de que todas as enquisas publicadas durante a campaña apuntan a unha clara vitoria do Partido Popular, que obtería unha ampla maioría absoluta segundo todas as sondaxes, a situación xerada pola epidemia do coronavirus incrementa as dúbidas sobre o resultado final, sobre todo no que atinxe á participación do electorado.
O medo ao coronavirus fará que os e as votantes menos "motivadas" aposten pola abstención ou non terá un efecto destacado?
Se antes de cada convocatoria electoral, boa parte das dúbidas se dirixen ás posibles transferencias de voto entre unha e outras forzas ou ao comportamento do denominado 'voto dual' (persoas que votan unha ou outra forza en función do tipo de elección) nestes comicios é a mobilización ou non do electorado, máis que nunca, a base da incerteza ante o resultado. O medo ao coronavirus fará que os e as votantes menos "motivadas" aposten pola abstención ou non terá un efecto destacado? Este posible electorado abstencionista será o de maior idade, o que debe temer máis directamente un posible contaxio? Ou serán aquelas persoas (sobre todo electorado das zonas urbanas) que a pesar de votar nas eleccións xerais e municipais adoitan absterse nas eleccións ao Parlamento galego?
A historia electoral en Galicia nas últimas dúas décadas está marcada por un fenómeno que se repite en todos os comicios. A participación nas eleccións xerais (máis aínda nas municipais) adoita ser moi superior que nas eleccións ao Parlamento Galego. Mesmo en comicios que se celebraron moi próximos no tempo as diferenzas son notables: case 9 puntos entre as xerais 1996 e as galegas de 1997, 5 puntos entre o 2000 e o 2001, case 7 entre o 2004 e o 2005, 6 puntos entre o 2008 e o 2009, 7 puntos entre 2011 e 2012 e 5 puntos no ano 2016.
A participación nas eleccións xerais adoita ser moi superior que nas eleccións ao Parlamento Galego. Esta diferenza prodúcese, sobre todo, nas zonas urbanas e aparentemente prexudica ás formacións de esquerda
Esta diferenza de participación prodúcese, sobre todo, nas zonas urbanas (cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas) e aparentemente prexudica ás formacións de esquerda, principalmente a PSdeG-PSOE e nos últimos anos tamén ao espazo de AGE/Unidas Podemos/En Marea/Galicia en Común, que adoitan obter mellores resultados nos comicios xerais que nas convocatorias ao Parlamento galego.
No ano 2016, fronte aos algo 5 puntos de diferenza na participación no conxunto de Galicia entre os comicios xerais e autonómicos, na cidade da Coruña a marxe foi de 9, en Vigo foi de 8,5 puntos e en Cambre, Arteixo, Culleredo ou Narón roldou os dez puntos.
Ademais, nas eleccións xerais celebradas dende o ano 1996 en Galicia a suma dos votos dos partidos de esquerda (PSdeG, BNG, EU, UP, En Marea...) foi sempre superior á suma dos votos dos partidos de dereita (PP, Cs, UPyD, VOX...), agás no 2000, no 2011 e no 2016. Pola contra, nas eleccións ao Parlamento galego convocadas dende 1997 a dereita sempre sumou máis votos que a esquerda, agás no 2005, cun 'empate' no ano 2009.
As únicas eleccións ao Parlamento galego nas que a esquerda se impuxo á dereita, no ano 2005, coincidiron cunha elevada mobilización
A importancia da mobilización xeral do electorado no resultado final fica clara ao comparar os resultados de cada convocatoria coa porcentaxe de participación. o seguinte gráfico amosa como as únicas eleccións autonómicas recentes nas que a esquerda se impuxo á dereita, no ano 2005, coincidiron cunha elevada mobilización do electorado. A participación (64,21%) foi catro puntos superior á das eleccións precedentes de 2001 e case 11 puntos superior á dos últimos comicios de 2016.
En xeral, adóitase destacar que unha elevada mobilización do electorado facilita os cambios de Goberno (aínda que tamén poden chegar por unha desmobilización do partido no poder). En Galicia, os dous últimos cambios de cor política coincidiron con importantes incrementos da participación: as eleccións de 2005 e 2009 foron as de maior mobilización nas últimas décadas.
Que pode pasar o vindeiro domingo? Temos poucos indicadores que nos axuden a predicir o nivel de mobilización, tanto no conxunto de Galicia como nas zonas afectadas polo brote de coronavirus da Mariña. A participación nos actos electorais está sendo necesariamente menor que noutras ocasións por mor das medidas de prevención aplicadas para evitar contaxios e o propio formato dos mitins.
O voto por correo medrou notablemente nesta campaña, pero as solicitudes están por debaixo das que se produciron nas xerais do 2016, tamén celebradas no verán
O voto por correo medrou notablemente nesta campaña. O pasado venres Correos informou de que admitira un total de 76.907 solicitudes, fronte ás 46.000 peticións do ano 2016. Cómpre ter en conta, iso si, que nas eleccións xerais de 2016, celebradas tamén no inicio do verán (26 de xuño) o número de peticións foi aínda maior (máis de 86.000) e que a tendencia nos últimos anos é que as solicitudes de voto por correo sexan cada vez máis numerosas. Cómpre lembrar, igualmente, as maiores facilidades postas en marcha nesta ocasión para alentar este voto a distancia. En Euskadi, o incremento das solicitudes foi mesmo maior que en Galicia, cun aumento do 140%, mentres que en Galicia o ascenso foi do 67%.
O único indicador ao que podemos botar man é o das enquisas electorais, que están a preguntar pola disposición dos e das votantes para acudir o domingo ás urnas. O CIS, no estudo que presentou hai case dúas semanas, incluíu esta pregunta, amosando que o 69,4% dos e das entrevistadas sinalaban que acudirían a votar "con toda seguridade". Ao tratarse dunha pregunta que sempre se inclúe nos barómetros preelectorais do instituto público, podemos facer unha comparación con anos anteriores.
Na enquisa do CIS un 69,4% dixo que iría votar "con toda seguridade". Case 4 de cada 10 votantes non decidiron o seu voto ou se negaron a contestar
A porcentaxe é catro puntos inferior á de 2016 (os comicios cunha participación máis reducida nas últimas décadas: 53,63%) e sería o segundo valor máis baixo dende 1997. Con todo, é superior á de 2012, onde houbo unha participación lixeiramente superior á de 2016 (54,91%). Aínda que participación final difira notablemente do indicador proporcionado polo CIS, cómpre ter en conta que a participación sen ter en conta o censo de residentes ausentes (CERA) adoita ser dez puntos superior.
O CIS achega tamén un indicador de votantes que aínda non decidiron o seu voto (31,6%) e tamén unha importante cantidade de respostas que non contestaron á pregunta (9,9%). En conxunto suman catro de cada dez votantes, unha porcentaxe lixeiramente superior á das tres últimas eleccións ao Parlamento galego.
Así foron as eleccións de 2016
As eleccións ao Parlamento galego de hai catro anos supuxeron unha nova maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo e nelas o PP non só aumentou os seus votos en relación aos comicios de 2012, senón tamén con respecto ás eleccións xerais de 2015 e de xuño de 2016. En Marea superou o PSdeG-PSOE por unha marxe moi pequena, mentres que o BNG obtivo un resultado mellor do agardado, a pesar de descender con respecto ao ano 2012.
Os populares asentaron a súa clara vitoria no dominio exercido nas zonas rurais e nos concellos menos poboados. O PP obtivo máis do 50% dos votos en 215 concellos do país e noutros 34 a suma de populares e Ciudadanos superou a maioría absoluta dos sufraxios. Posteriormente, o estudo post-electoral do CIS amosou que por primeira vez dende 2005 o PP non foi a forza máis apoiada entre a poboación menor de 35 anos.
Con todo, a realidade é que a esquerda perdeu 40 mil votos nas sete cidades con respecto ás eleccións xerais celebradas apenas tres meses antes. Con respecto ás eleccións de 2012, as tres formacións progresistas mantivéronse nas cidades, pero o PP recuperou 37.000 votos que foron fundamentais para asegurar a súa maioría absoluta.
O PP creceu en 42 das 53 comarcas, especialmente da provincia de Ourense: O Carballiño, Terra de Celanova, Terra de Caldelas, Ourense e Allariz-Maceda. Os populares só caeron en Terra Chá, Vigo, Verín, A Mariña Occidental, Barbanza, A Paradanta, Quiroga, Noia, O Condado, Terra de Trives e O Baixo Miño.
En Marea mellorou moito a implantación territorial de AGE: creceu nas cidades (agás Santiago), pero sobre todo medrou nas comarcas rurais. A candidatura creceu 15 puntos en Terra de Trives, 10 no Condado e O Morrazo, 9 no Baixo Miño e 8 en Viana, Vigo, A Limia e A Mariña Occidental. O PSdeG-PSOE descendeu en case todo o territorio, mellorando a súa porcentaxe de voto unicamente na Baixa Limia, Eume, Terra de Melide e Noia. Finalmente, o BNG creceu en varias comarcas coruñesas: Arzúa, Muros, Santiago ou Ordes, o mesmo que en Sarria ou Viana; pola contra, descende na maior parte do resto do país.