O presidente do Goberno central lembra que “a política sanitaria está en mans das comunidades autónomas e quen ten que ofrecer esa información é o presidente da Xunta”
O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, mantivo este luns unha reunión en Lisboa co primeiro ministro portugués, António Costa, para acordar unha postura común ante a Unión Europea coa que afrontar a crise do coronavirus. Na rolda de prensa posterior ao encontro Sánchez foi preguntado pola situación que se vive na Mariña e a súa posible repercusión nas eleccións do domingo, ao que respondeu desviando a responsabilidade ao presidente Feijóo.
“Dado o que está pasando en Lugo, no País Vasco, foi precipitado convocar as eleccións agora? Pódese votar seguro o domingo en España?” foi a pregunta. Na súa resposta Sánchez obviou calquera referencia a Euskadi e puxo o foco na Xunta.
“Vivimos en España nun Estado descentralizado, a gobernanza da política sanitaria está en mans das comunidades autónomas e quen ten que ofrecer esa información e dar a transparencia que demandan os galegos e galegas neste caso é o presidente da Xunta de Galicia”, foi a súa resposta. A pregunta e a resposta poden escoitarse no vídeo colgado pola Moncloa en Twitter a partir do minuto 42 e 40 segundos.
O delegado do Goberno central en Galicia ofrece "o apoio necesario ás medidas de confinamento que a Xunta adoptou" e divulga imaxes de controis policiais na zona
A resposta de Sánchez prodúcese tras semanas de reproches de Feijóo contra el pola súa xestión da crise sanitaria reclamando máis competencias. Agora, coa autoridade en mans da Xunta, o Goberno central intenta evidenciar a súa colaboración co Goberno galego e o delegado do primeiro en Galicia, Javier Losada, ofreceu publicamente este domingo “a total coordinación e o apoio necesario ás medidas de confinamento que a Xunta adoptou” na Mariña. Ao tempo, divulgou imaxes dun control policial na zona para evidenciar que as forzas de seguridade do Estado están a facer cumprir a decisión da Xunta.