A Consellería de Sanidade di que as persoas en illamento non poderán abandonalo “agás autorización expresa do servizo sanitario”
O brote de coronavirus na Mariña lucense xa ten 59 casos confirmados tras sumar 12 na última xornada. Pero xa son máis de 500, segundo a última cifra oficial ofrecida o xoves, as persoas "en seguimento nos seus domicilios". Esa corentena, segundo os protocolos que viña manexando ata agora a Xunta, debe durar máis días dos que quedan para as eleccións do 12 de xullo, polo que á espera de que poidan seguir aumentando as persoas en illamento, xa son varios centos as que teñen no aire a posibilidade de votar se non solicitaron previamente o voto por correo, opción que rematou este xoves. Mentres, PSdeG, BNG e Galicia en Común xa anunciaron que suspenden os seus actos de campaña na zona.
Á espera de posibles decisións xudiciais ao respecto -o pasado ano o Supremo autorizou por exemplo a que a policía enviada a Catalunya puidese votar en mesas electorais distintas das que lles corresponderían- a Xunta emitiu este venres unha nota de prensa na que incide na necesidade de respectar o illamento “agás autorización expresa do servizos sanitario”.
Foi nun comunicado no que a Consellería de Sanidade puxo o foco nos alcaldes e alcaldesas da Mariña, aos que pediu que multen a quen incumpra as normas sanitarias establecidas fronte ao coronavirus. Petición que responsables de Sanidade formularon directamente nunha reunión por videoconferencia a seis rexedores e rexedoras dos 14 concellos que a Xunta considera afectados polo brote da Mariña, os socialistas de Foz, Burela e Viveiro, os populares de Xove e Cervo e o nacionalista de Ribadeo. A reunión produciuse entre queixas dos non convocados como a rexedora de Barreiros, tamén do BNG e tras peticións dos concellos á Xunta de máis recursos para poder cumprir coas normas ditadas desde a administración galega.
"As autoridades sanitarias -entre as que se inclúen os alcaldes-, poderán, tras ter informado a súa poboación, incoar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas”, salienta Sanidade
Nese encontro, segundo sinala a propia Xunta na súa nota, Sanidade solicitoulles aos alcaldes e alcaldesas “novamente a súa colaboración, que xa están prestando, á hora de velar polo cumprimento das medidas de control e vixilancia establecidas por mor da Covid-19”. Sanidade di que ante os rexedores incidiu en que “as autoridades sanitarias -entre as que se inclúen os alcaldes-, poderán, tras ter informado a súa poboación, incoar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas”.
Na mesma nota a consellería lembra que “as persoas que sexan consideradas como un caso sospeitoso de infección por Covid-19, xa estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas, ou ben sexan casos positivos confirmados, deberán seguir as indicacións de illamento ou corentena que lle sexan sinaladas desde os dispositivos asistenciais ou desde saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio -ou lugar de illamento-, agás autorización expresa do servizo sanitario”.