A partir deste luns, finalizado o estado de alarma e a Fase 3 en Galicia, comezouse a permitir a apertura dos parques infantís. Porén, as medidas de seguridade e prevención ante posibles contaxios fixadas pola Xunta están obrigando a boa parte dos concellos a adiar esta apertura, ante a limitación de recursos cos que contan para executalas e o escaso ou nulo apoio que recibiron do Goberno galego.
A Fegamp critica á Xunta "a imposición de medidas inasumibles" e sinala que "a falta de concreción das medidas e de tempo e para a súa implantación xera malestar entre os concellos"
O DOG do pasado sábado condicionaba a apertura dos parques infantís á súa limpeza diaria, a que neles "se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto" e recomendaba que neles se dispoñan dispensadores de xeles hidroalcólicos.
Este martes pronunciouse a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), despois de manter conversas nos últimos días cun gran número de Gobernos locais. A Fegamp critica á Xunta "a imposición de medidas inasumibles" e sinala que "a falta de concreción das medidas e de tempo e para a súa implantación xera malestar entre os concellos, que ademais carecen do persoal e da dotación económica necesaria".
Cuntis, Caldas, Portas, Moraña e Barro non abrirán os parques infantís en todo o verán por non contar "cos medios necesarios para garantir ao 100% o cumprimento das normas"
A Fegamp refírese sobre todo á apertura dos parques infantís, "xa que os concellos que contan cun considerable número destas infraestruturas quéixanse do sobrecusto económico e o aumento de persoal necesario para poder facer unha limpeza e desinfección diaria en todos eles". Os concellos "consideran que a Xunta está a conferirlles unhas funcións de xeito pouco realista, sen ter en conta as necesidades económicas e de recursos humanos que a posta en marcha de ditas medidas require e, en moitos casos, sen dispor incluso do tempo necesario para a súa implantación".
Varias localidades xa advertiron de que os parques infantís (e outros, coma parques biosaludables ou instalacións deportivas) non abrirán en todo o verán. É o caso, por exemplo, de Cuntis, Caldas, Portas, Moraña e Barro, que sinalan que non contan "cos medios necesarios para garantir ao 100% o cumprimento das normas".
O Concello de Vigo esixiu que a Xunta asuma o custo das medidas de seguridade esixidas para os parques infantís, "ao ser un gasto derivado da pandemia"
A apertura atrásase mesmo nas cidades, pois Santiago, Lugo ou Ferrol xa anunciaron que aínda levará uns días garantir o cumprimento de todas as normas. Tamén en Vigo, onde o seu alcalde, Abel Caballero, anunciou este martes a apertura "nuns días" dalgunha destas instalacións, advertindo que unha parte dos parques infantís e biosaludables permanecerán pechados.
Caballero salientou que a apertura dos 142 parques infantís da cidade respectando as condicións establecidas pola Xunta de Galicia custará medio millón de euros ao mes, 6 millóns de euros anuais, unha cantidade que medra ata os 12 millóns de euros de engadirse os parques biosaudables e as pistas deportivas situadas en zonas verdes, que suman un total de 305 espazos. O Concello de Vigo esixiu que a Xunta "asuma este custo, ao ser un gasto derivado da pandemia".