Os parques infantís comezan a abrir esta semana con críticas á Xunta pola escasa marxe de tempo dada aos concellos

A Policía Local desprecinta un parque infantil en Cambre © Concello de Cambre

A Xunta autorizou a apertura dos parques infantís a partir deste luns. A fin do estado de alarma e o paso da Fase 3 á 'nova normalidade' eliminou as restricións que impedían o uso destas instalacións. Iso si, o DOG do pasado sábado, que publicou as normas que rexerán esta nova normalidade, condicionaba esta apertura dos parques infantís á súa limpeza diaria, a que neles "se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto" e recomendaba que neles se dispoñan dispensadores de xeles hidroalcólicos.

Os parques comezaron a abrir na Coruña, pero na maior parte dos concellos só se puido comezar cos traballos de desinfección e de anuncio da capacidade máxima permitida para os parques

En todo caso, a derradeira palabra é sempre dos concellos, que son a administración competente nestes espazos. E este luns asistimos a situacións moi distintas nunhas e noutras localidades. Houbo cidades e vilas que decidiron abrir os parques infantís (previa desinfección), outros que adiaron esta apertura ata a aplicación de medidas de control de capacidade e de limpeza e outros que os mantiveron pechados, sen confirmar o momento da súa apertura. 

Tamén se viviron situacións nas que a rapazada e os seus proxenitores entraron en parques e comezaron a usalos mesmo sen que os concellos confirmasen que isto era posible, probablemente despois de ver novas procedentes de lugares nos que isto si se permitía. Varios gobernos locais criticaron á Xunta por ter anunciado a apertura dos parques sen dar tempo suficiente aos concellos para que preparasen as condicións necesarias para facelo con seguridade e outros afeáronlle ao Goberno galego a ausencia de instrucións claras.

Moitos concellos decidiron non abrir os parques infantís ata que se poidan garantir as medidas de prevención e seguridade © Concello de Ames

A capacidade máxima permitida nos parques infantís non pode exceder de 1 persoa por cada 4 metros cadrados

A Coruña está entre as cidades que si abriron os parques infantís. Iso si, antes procedeu a desinfectalos. Na cidade herculina colocáronse uns carteis provisionais que informan sobre a capacidade de cada parque. Ademais, o Goberno local coruñés pediu á veciñanza que "use as instalacións con prudencia e sentidiño, porque aínda que a evolución é boa, o virus segue activo e hai que evitar posibles brotes".

Tamén se desinfectaron en Ferrol, Monforte, O Porriño, Cambre ou Melide, pero os parques aínda tardarán uns días en abrir na maior parte dos casos. Na cidade naval o Concello decidiu adiar a apertura dos parques "cando menos dous días", xa que “previamente era necesario levar a cabo unha nova quenda de desinfeccións para poder reabrir con maior seguridade”. Ademais, o Goberno local está calculando "os aforos dos parques" para cumprir coa norma publicada pola Xunta o pasado sábado. O Concello de Monforte xa procedeu a colocar, pola súa banda, carteis que informan da capacidade máxima permitida nos parques infantís, e que non pode exceder de 1 persoa por cada 4 metros cadrados.

O Concello de Ames di que "é imposible adoptar estas medidas en dous días xa que a resolución saíu publicada no DOG o pasado sábado 13 de xuño"

Foron varios os concellos que tiveron que anunciar publicamente que os parques permanecerán pechados polo momento, para evitar que a xente comezase a utilizalos ante a espectativa creada polo anuncio da Xunta. Ames, por exemplo, explica que se ve "na obriga de manter pechados" os máis de 30 parques infantís que ten no termo municipal e mais os parques biosaudables "ata que se poidan garantir as medidas de prevención e seguridade establecidas pola Xunta". O Concello explica que "é imposible adoptar ditas medidas en dous días xa que a resolución saíu publicada no DOG o pasado sábado 13 de xuño". "Os parques iranse abrindo de xeito gradual, en función de que se cumpran os requisitos establecidos pola Xunta", indica o Goberno municipal amesán.

O mesmo sucede en Ribeira, onde os parques permanecerán pechados ata o día 22 de xuño. E en Boiro, onde o Concello decidiu "que non se abriran estas infraestruturas até que se vexa claramente como evoluciona a situación epidemiolóxica".

Desinfección dun parque infantil na Coruña © Concello da Coruña

O Concello de Lugo critica "a escasa marxe de manobra que se deixou ás administracións locais para poder levar a cabo estas actuacións"

De igual xeito, o Concello de Vigo está a estudar a nova normativa publicada no DOG sobre parques para a súa apertura. A cidade olívica dispón de 305 espazos que poden ser abertos, polo que a administración local está analizando “a forma de garantir o aforo e quen o ten que garantir” e asegura que xa empezou a xestionar a contratación dunha empresa para aplicar “as medidas de hixiene e prevención establecidas". 

Tamén en Lugo o Goberno local iniciou as xestións para a aplicación das normas de seguridade esixidas e durante as vindeiras xornadas procederá á instalación de dispensadores de solución hidroalcohólica en todos estes espazos recreativos, así como á colocación de carteis indicadores das limitacións de capacidade nos recintos. Ademais, garantirase a desinfección e limpeza diaria das instalacións e do mobiliario urbano que conteñen. O concelleiro Álvaro Santos solicita a "comprensión" da cidadanía "se estas tarefas se estenden máis aló do fin de semana", debido ao elevado número de parques que hai no concello, á dispoñibilidade que poida haber no mercado de existencias suficientes destes produtos e á escasa marxe de manobra que se deixou ás administracións locais para poder levar a cabo estas actuacións".

Os parques infantís de Monforte abren cunha capacidade limitada a 1 persoa por cada metro cadrado © Concello de Monforte

O PSdeG denuncia que os concellos "unha vez máis atopan unha Xunta que os informa vía DOG de novas obrigas sen transferir nin un só euro para levalas a cabo"

A situación creada foi tamén criticada polo PSdeG-PSOE, que acusou á Xunta de anunciar a reapertura dos parques infantís “sen protocolos nin recursos”. A formación denunciou que os concellos "unha vez máis atopan unha Xunta de Galicia que os informa vía DOG de novas obrigas sen transferir nin un só euro para levalas a cabo". Para os socialistas, o anuncio da apertura dos parques con tas escasa antelación "é un novo exemplo de improvisación desta Xunta caracterizada pola confrontación constante co Goberno de España e a ausencia total de diálogo e cooperación coa administración local". 

De igual xeito, o candidato socialista Gonzalo Caballero salientou que “cada día é máis evidente que Feijóo dedicábase a poñerlle deberes ao goberno de España, pero agora quedou sen escusas” e acusou o candidato do PP de "eludir as súas responsabilidades poñendo os deberes aos concellos”.

Desinfección dun parque infantil en Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.