DOCUMENTO | Consulta aquí o DOG coas novas normas ditadas pola Xunta para a fin do estado de alarma
“Verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras” quedan condicionadas a unha futura decisión do Goberno galego “sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle”
As novas medidas de desconfinamento progresivo que a Xunta publica este sábado no Diario Oficial de Galicia (DOG) de cara ao levantamento a partir do luns do estado de alarma céntranse en insistir en medidas de hixiene e flexibilizar a capacidade de determinados espazos de uso público, pero mantendo as restricións na mobilidade, o ensino ou os servizos sociais. E, a maiores, fan fincapé en salientar actividades que non están aínda permitidas e para as que o propio Goberno galego, malia solicitar a saída xa do estado de alarma, non prevé tomar ningunha decisión cando menos ata o 1 de xullo, como as festas, as ludotecas ou as discotecas.
O acordo aprobado este venres polo Consello da Xunta e publicado este sábado no DOG ten como obxectivo a súa entrada en vigor o luns, pero antes o Goberno central deberá autorizar formalmente a saída de Galicia do estado de alarma e despois o presidente Feijóo publicar un decreto que estableza a entrada en vigor das normas avanzadas este sábado. Os seus efectos, di a Xunta, “manteranse ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego”.
Nesas normas avanzadas este sábado sinálase tamén que “sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo”, posibilidade que non dá por segura, e “nas condicións que previamente ela estableza” de tres tipos de actividades:
- “Os establecementos que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís”
- “Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre” xa permitida con condicionantes de capacidade como o resto de establecementos
- “As festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras”