“Sete días antes ou sete días despois a situación será igual en toda España”, xustifica Feijóo, que confronta unha nova tarxeta autonómica para que familias sen ingresos merquen produtos de necesidade durante tres meses co ingreso mínimo vital estatal
“Sete días antes ou sete días despois a situación será igual en toda España”. Así restou importancia este venres o presidente Feijóo ao feito de que o próximo luns 15 de xuño, coa saída de Galicia do estado de alarma, deixen de ser aplicables aquí diversas medidas de protección económica e social da cidadanía máis vulnerable ditadas polo Goberno central, como a prohibición de que as empresas subministradoras de electricidade, gas ou auga corten o servizo por falta de pagamento.
Fronte a esa situación, o presidente galego volveu anunciar a creación dunha nova tarxeta autonómica, agora dirixida a familias sen ingresos, precargada para a compra de produtos de primeira necesidade durante tres meses. Será, dixo, mentres esas persoas non teñen acceso á Risga ou ao ingreso mínimo vital estatal.
Feijóo critica ao Goberno central que as “prestacións” á cidadanía non poden estar vinculadas a un “estado de alarma sen límites”
Tras anunciar Feijóo a saída do estado de alarma e salientar o feito de que Galicia sexa a primeira comunidade en facelo, o presidente foi preguntado sobre que pasará coas medidas de protección da cidadanía ligadas a esa situación. O presidente galego derivou a responsabilidade ao Goberno central dicindo que “todas as cuestións sociais, de límites doutro tipo de prestacións, deben estar reguladas no decreto lei” que ditou para a denominada “nova normalidade” que chega tras o estado de alarma. “Se non o están é que o Goberno non tiña previsto mantelas”, dixo, engadindo que “cinco días antes ou cinco días despois, sete días antes ou sete días despois, a situación será igual en toda España”.
Feijóo incidiu nas súas críticas ao Goberno central pola situación en que quedará Galicia tras a saída do estado de alarma argumentando as “prestacións” á cidadanía non poden estar vinculadas a un “estado de alarma sen límites”.
O presidente foi repreguntado sobre se a Xunta vai levantar o estado de alarma o luns sen saber se os galegos empobrecidos pola crise quedan desprotexidos, ao que contestou dicindo que “os galegos teñen un bono eléctrico e son das persoas que máis protección teñen, porque está suplementado con diñeiro adicional da comunidade autónoma” ao que pon o Estado para ese tipo de protección enerxética da cidadanía máis vulnerable. “O estado de alarma entendo que se plantexou para levantalo, non para mantelo”, concluíu.
A nova tarxeta para compra de produtos de primeira necesidade servirá de "ponte", segundo Feijóo, ata que os seus beneficiarios obteñan o ingreso mínimo vital ou a Risga
Fronte a esa situación, o presidente Feijóo volveu anunciar este venres novos detalles do plan social da Xunta aínda pendente de concreción e que nos últimos días focalizou nunha nova tarxeta precargada para que familias sen ingresos poidan facer compras de produtos de primeira necesidade. En 2015, tras criticar o denominado cheque bebé do Goberno central de José Luís Rodríguez Zapatero, a Xunta creou a Tarxeta Benvida, uns cen euros ao mes como norma xeral durante o primeiro ano para mercar produtos para os bebés. Agora, tras poñer o Goberno central en marcha o ingreso mínimo vital, coa aspiración de chegar a onde non chega a actual Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), a Xunta anuncia unha tarxeta da que Feijóo dixo este venres que ten o obxectivo servir de “ponte” ata que os seus beneficiarios obteñan o ingreso vital ou a Risga.
Segundo avanzou o presidente, están pensadas para unha duración de tres meses (hai un ano a espera pola Risga podía chegar ata os cinco meses nalgunha cidade) e serán xestionadas en colaboración coa Cruz Vermella. As súas contías oscilarán dos 450 euros (150 euros ao mes) para as persoas soas ata os 900 euros (300 ao mes) para as familias de tres membros ou máis.