PSdeG, BNG e Galicia en Común cancelan a campaña na Mariña polo brote de coronavirus

Vista aérea de Burela, onde está o Hospital da Mariña CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral, Xunta de Galicia

O PP garda silencio e as tres formacións botan en cara que Feijóo apurase a celebración das eleccións

Anunciouno primeiro Galicia en Común este xoves, seguiu o BNG e este venres o propio candidato do PSdeG confirmou que a súa formación tampouco celebrará actos de campaña na Mariña lucense polo brote de coronavirus que alí se está a rexistrar. Praza.gal preguntou ao PP pola súa postura ao respecto sen obter resposta.

Hospital da Mariña en Burela © Google

Desde Anova, que participa na coalición Galicia en Común, Xosé Manuel Beiras, que tiña previsto participar nun mitin en Viveiro este sábado, puxo o foco na decisión do presidente Feijóo de acelerar a celebración das eleccións e fixalas o 12 de xullo polos “seus intereses oportunistas”. A candidata do BNG, Ana Pontón, pediu á Xunta que aclare “onde está o protocolo para actuar ante un rebrote” como o da Mariña e censurou que o presidente “siga de brazos cruzados, como se nada pasara”.

Pola súa banda, o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, lembrou que a decisión de celebrar as eleccións o 12 de xullo foi “unilateral de Feijóo” e pediulle información directa sobre a situación na Mariña. Caballero tamén apelou á responsabilidade da cidadanía e asegurou que a súa formación extremará as precaucións en todos os seus actos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.