O brote de coronavirus declarado a pasada semana na Mariña lucense segue estendéndose e incrementando o número de persoas infectadas. Son xa 59, despois de sumar outros 12 novos positivos nas últimas 24 horas, segundo informou a Consellería de Sanidade na mañá deste venres.
En nove días realizáronse xa un milleiro de probas PCR, atopando un total de 59 positivos. Dúas persoas están hospitalizadas, mentres que o resto ten síntomas leves e atópase nos seus domicilios
O primeiro caso detectouse na tarde do martes 23 de xuño en Xove e dende entón os equipos de control epidemiolóxico do Sergas veñen investigando e reastrexando os contactos da persoas infectadas. En nove días realizáronse xa un milleiro de probas PCR, atopando un total de 59 positivos. Na súa maior parte, non presentan síntomas ou teñen unicamente síntomas de carácter leve e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.
Apenas dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. As restantes persoas que estiveran en contacto con estes positivos e que foron investigadas, dando as súas probas un resultado negativo, máis de 500, deben permanecer tamén en corentena nos seus domicilios durante estas dúas semanas.
As 500 persoas que deron negativo nos seus test tamén se atopan en corentena
A pesar da aplicación dos protocolos de vixilancia e da gran cantidade de probas realizadas para rastrexar os posibles contaxios, o brote da Mariña non está en absoluto controlado e mesmo afectou xa a Asturias. En cambio, o primeiro brote que se detectara en Galicia trala finalización do estado de alarma, declarado no Barbanza, foi controlado de inmediato e nuns poucos días deixou de sumar novos casos de persoas contaxiadas.
O brote da Mariña está a incrementar nos últimos días o número total de 'casos activos' en Galicia, que este venres se sitúa en 318, segundo as cifras do Sergas, dez máis que hai unha semana, a pesar de que un gran número de positivos pasaron neste tempo a figurar como 'curados'.
A área sanitaria de Lugo pasou de 17 a 77 casos en tan só nove días
O aumento é especialmente evidente na área sanitaria de Lugo, que pasou de 17 a 77 casos en tan só nove días. O pasado mércores 24 a provincia sumaba 17 positivos, que dende entón se multiplicaron case por cinco. Pola contra, no resto de áreas sanitarias o número de casos activos permanece á baixa. Aínda que Vigo segue a ser a área con máis casos activos (122), trátase na súa maior parte de positivos antigos, a diferenza dos de Lugo, que xa superou á Coruña (con moita máis poboación) como a segunda área con máis persoas con coronavirus.
O Sergas destaca que está a actuar "con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, realizando un rastrexo masivo de todos os contactos, coa fin de controlar e acotar o antes posible este brote". Así mesmo, destaca o "intenso traballo" realizado tanto polos centros de saúde coma polos centros hospitalarios "para detectar rapidamente os novos casos relacionados co brote e realizar todas as probas diagnósticas necesarias no menor tempo posible".
Dende o Concello de Barreiros criticouse a ausencia de comunicación directa por parte da Xunta, que non convidou o Goberno local a participar nunha videoconferencia "para informar sobre a evolución do coronavirus na Mariña"
Con todo, dende o Concello de Barreiros criticouse a ausencia de comunicación directa por parte da Xunta, que non convidou o Goberno local a participar nunha videoconferencia "para informar sobre a evolución do coronavirus na Mariña". "Ante a falta de ningún tipo de información oficial durante a pandemia, e o coñecemento extraoficial de que neste intre existen casos positivos e persoas en corentena neste concello, consideramos pouco acaído que se obvie a convocatoria á Alcaldía de Barreiros", sinala a rexedora, Ana Belén Ermida.
En efecto, representantes da Consellería de Sanidade reuníronse cos rexedores de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro co obxectivo que "reforzar a colaboración no control e vixilancia da pandemia". Sanidade lembroulles aos alcaldes que poderán "intervir como autoridade sanitaria", primeiro informando e se fora necesario "establecer sancións no caso de que sexa preciso garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía".
Varias cadeas de transmisión ou "dous ou tres bares"
A Xunta admitiu que "non se pode afirmar" que exista "unha única cadea de transmisión" no brote da Mariña, porque "non se pode descartar" que sexa "froito da confluencia de máis dunha cadea"
Este mércores, a Xunta admitiu que "non se pode afirmar" que exista "unha única cadea de transmisión" no brote de Covid-19 na Mariña, porque "non se pode descartar" que sexa "froito da confluencia de máis dunha cadea", o que suxeriría "un nivel superior de transmisión previa do virus", coa posibilidade de que exista "unha certa transmisión comunitaria". Fronte a esta versión, Alberto Núñez Feijóo sinalaba este xoves, ao remate do Consello da Xunta, que o da Mariña é "un brote localizado maioritariamente en bares. Serían, agregou "dous ou tres bares, que por certo pechamos onde os camareiros estaban infectados".
Porén, Feijóo sinalou que o da Mariña é "un brote localizado maioritariamente en dous ou tres bares"
A Xunta decidiu adiar a reapertura de discotecas e a autorización de verbenas en 14 concellos da comarca mentres mantiña a luz verde para estas actividades no resto de Galicia. Así mesmo, ante a situación sanitaria na comarca, Galicia en Común e BNG suspenderon os seus actos da campaña electoral que tiñan previsto realizar.
A candidata do Bloque, Ana Pontón, criticou "a improvisación e a frivolidade" de Alberto Núñez Feijóo ante o brote na Mariña e pediu "un protocolo urxente de actuación". “Que o presidente da Xunta despache o tema dicindo que é cuestión de dous ou tres bares é intolerable nun asunto de saúde e cunha pandemia”, sinalou.
Este xoves detectáronse 11 novos diagnósticos de coronavirus, a cifra máis elevada das achegadas polo Ministerio dende o pasado 15 de maio
O Ministerio de Sanidade vén de notificar que este xoves se detectaron 11 novos diagnósticos de coronavirus, a cifra máis elevada das achegadas polo Ministerio dende o pasado 15 de maio, mantendo a tendencia á alza dos últimos día. De feito, o número de novos positivos na última semana se eleva a 58, e a 86 nas últimas dúas semanas.
A incidencia acumulada (número de casos nos últimos 14 días) crece en Galicia ata os 3,19 casos por cada 100.000 habitantes, un indicador que non se superaba dende finais do mes de maio.
Dende o 11 de maio, un total de 34 profesionais sanitarios infectáronse en Galicia. Entre marzo e comezos de maio foran 1.708 os positivos
O Ministerio tamén proporcionou este venres o dato de profesionais sanitarios contaxiados dende o pasado 11 de maio. Nestes case dous meses dende que entrou en vigor o novo protocolo de vixilancia, un total de 34 traballadores e traballadoras infectáronse en Galicia, aínda que só dúas nos últimos 14 días e ningunha na última semana. Son cifras moi inferiores ás que se rexistraban nos primeiros meses da pandemia, confirmando o presidente da Xunta a comezos de maio a existencia de 1.708 positivos entre o persoal sanitario galego.
O número de PCR realizadas dende o inicio da pandemia chega xa ás 191.945. No último día leváronse a cabo máis de 3.600, dende as 188.328 notificadas este xoves. Nos últimos días as autoridades sanitarias están a realizar un número de probas moito máis elevado, probablemente relacionado coas accións de rastrexo na Mariña, superando os dous mil tests diarios dende o pasado sábado, cifras que non se producían dende a última semana de abril, hai dous meses.
Seguen sen rexistrarse novos falecementos, cunha cifra fixada en 619 dende o pasado 11 de xuño, hai 22 días
O Sergas informou este venres pola mañá de 318 casos activos de coronavirus no conxunto de Galicia, un máis que onte e dez máis que o pasado venres. E iso a pesar de que tamén se incrementou notablemente o número de 'casos resoltos' ou 'curados', que no último día pasan de 10.649 a 10.665. En total, o número de positivos declarados en Galicia dende o inicio da pandemia elévase a 11.602.
Dos 318 casos activos, 4 atópanse hospitalizados (ningún deles en UCI) e o resto están illados nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Seguen sen rexistrarse novos falecementos, cunha cifra fixada en 619 dende o pasado 11 de xuño, hai 22 días.
A situación nas residencias segue igualmente controlada, cun único caso no conxunto de instalacións para a terceira idade e centros de atención á discapacidade, correspondente a un traballador da Coruña. Entre os usuarios e usuarias non hai positivos.