Poden votar as persoas infectadas por Covid-19?

CC-BY-SA Elisardojm

Nunha rolda de prensa dada o pasado domingo día 5, ao explicar a decisión de adoptar un confinamento perimetral da Mariña luguesa, o Conselleiro de Sanidade expresou unha opinión inquedante: que as persoas doentes por COVID-19, a seu xuízo, non poderían votar nas vindeiras eleccións autonómicas do día 12.

Trátase dunha cuestión inédita –unha máis das moitas que nos deparará ainda a “nova (a)normalidade”– que non se levantou en parte ningunha do Reino: poden as persoas con PCR positivas, ou sometidas a cuarentena preventiva, seren privadas do seu dereito a votar en eleccións? Como pode suspenderse este dereito por causas sanitarias, e con que garantías?

Á diferenza do que acontece coa Resolución catalá do 4 de xullo, pola que se reconfina á comarca do Segrià, no caso galego, ao estarmos en plena campaña electoral, e afectar a Orde de 5 de xullo non só ao seu desenvolvemento, senón tamén, con toda probabilidade, ao día de votación, a referencia ao dereito de sufraxio era inevitable. Mais a referencia que introduce a Orde de 5 de xullo ao tema electoral é manifestamente insuficiente. O que di, dío así no seu preámbulo: 

Non obstante, dada a proximidade das eleccións autonómicas do domingo día 12 de xullo, resulta oportuno aclarar que as limitacións á mobilidade previstas nesta orde non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o de sufraxio, polo que se considerará en todo caso xustificada a entrada ou saída do ámbito territorial delimitado para o exercicio deste dereito. Así mesmo, polas mesmas razóns, cómpre indicar, tanto para o caso do distrito sanitario da Mariña como para o resto do territorio da Comunidade Autónoma, que as medidas específicas para contactos estreitos, previstas nesta orde e, con carácter xeral, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 2020, antes citado, consistentes no illamento ou corentena “salvo causas debidamente xustificadas”, non impiden tampouco o exercicio do dereito fundamental de sufraxio, por considerarse, evidentemente, unha causa xustificada para a saída do domicilio, sen prexuízo de que deban cumprirse as medidas de seguridade establecidas e, en particular, o uso de máscara cirúrxica en todo momento, e a saída se limite ao tempo estritamente necesario para o exercicio deste dereito ao voto. Para estes efectos, a Consellería de Sanidade cursará as oportunas instrucións para que esta cuestión se aclare nas comunicacións que teña o Centro de Seguimento de Contactos do Servizo Galego de Saúde con estas persoas”.

Mais, á hora de establecer medidas de prevención específicas, a Orde esquece a xornada electoral do día 12 de xullo. 

A Lei Orgánica Electoral Xeral en vigor non recoñece ningunha supresión do dereito de voto polo feito de padecer enfermidades. De feito, no ano 2018 aprobouse unha modificación (LO 2/2018) pola que se eliminaba a exclusión do sufraxio activo no caso de persoas discapacitadas ou internadas en hospitais psiquiátricos

En particular, esquece modular, na liña que anunciaba o preámbulo, o punto 1.2 das medidas de prevención específicas que se recollen no Anexo da Orde: “Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles co COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario coa maior brevidade”.

Cómpre aclarar se esta obriga pública de permanecer no domicilio elimina o dereito dos doentes de Covid-19 a exerceren libremente o seu dereito de voto o vindeiro día 12 de xullo (sempre e cando, obviamente, así o decidan e o corpo llelo permita). O cal é unha cuestión ben relevante, na medida en que afecta ao sufraxio activo dun número indeterminado de persoas que, polo seu número, ben pode chegar a alterar o resultado electoral na circunscrición luguesa e no conxunto do País.

Pois ben, a premisa da que debemos partir nunha rápida análise xurídica é a de que o dereito de sufraxio activo é un dereito fundamental constitucionalmente protexido polo artigo 23 CE. Da súa posición reforzada derívase que a interpretación do seu alcance deba sempre realizarse en termos de maior vixencia e extensión da súa protección e recoñecemento.

Sería necesario que un eventual auto do xulgado se pronunciase expresamente sobre a supresión do exercicio individual do dereito fundamental como o de voto, que é un dereito fundamental distinto do de libre circulación

A Lei Orgánica Electoral Xeral en vigor non recoñece ningunha supresión do dereito de voto polo feito de padecer enfermidades. De feito, no ano 2018 aprobouse unha modificación (LO 2/2018) pola que se eliminaba a exclusión do sufraxio activo no caso de persoas discapacitadas ou internadas en hospitais psiquiátricos. En consecuencia, non hai habilitación legal algunha que permita restrinxir desde as administracións, unilateralmente, o dereito de sufraxio activo de persoas que atravesen un proceso infeccioso como a COVID-19.

A única posibilidade de suprimir temporalmente este dereito sería mediante a autorización xudicial individualizada, emanada polo xuíz contencioso administrativo (art. 8.6 da Lei 29/1998), en contestación a unha medida de confinamento forzoso -igualmente individualizada– solicitada pola autoridade sanitaria (ergo, a Xunta de Galicia), en función da urxente protección da saúde pública perante un potencial contaxio non controlable por outros medios. Nestes casos, "corresponderá aos Xulgados do Contencioso administrativo a autorización ou ratificación xudicial das medidas que as autoridades sanitarias consideren urxentes e necesarias para a saúde pública e impliquen privación ou restrición da liberdade ou de outro dereito fundamental" (negra nosa). Nestes momentos, descoñecemos se a Xunta someteu a ratificación xudicial “xeral” a Orde do 5 de xullo. Cataluña sí o fixo verbo da súa Resolución do 4 de xullo.

Se hai alternativas para que a persoa doente de Covid-19 poida votar en condicións de seguridade, é obriga dos poderes públicos garantir o seu exercicio de dereito a voto

En todo caso, consideramos que non abondaría coa ratificación ou autorización "xeral" dun confinamento domiciliario forzoso: sería necesario que un eventual auto do xulgado se pronunciase expresamente sobre a supresión do exercicio individual do dereito fundamental como o de voto, que é un dereito fundamental distinto do de libre circulación. 

Desde a posición preferente que ocupa o dereito de voto no noso ordenamento, calquera interpretación restritiva fundada na capacidade de contaxio a terceiros debería ir precedida dun xuízo de proporcionalidade, que descarte a existencia dunha modalidade de exercicio do dereito a voto que non entrañe tal risco. Isto é, que valore a necesidade da supresión do dereito de voto en urna como única medida idónea para garantir a saúde pública. 

Dito de maneira máis clara, e para concluír: se hai alternativas para que a persoa doente de Covid-19 poida votar en condicións de seguridade (ampliando distancia de seguridade, máscara e guantes obrigatorios, etc.), é obriga dos poderes públicos (dos xuíces, da administración electoral, incluídos os membros das mesas) garantir o seu exercicio de dereito a voto. Rematado o prazo de voto por correo o pasado venres, e inexistente a posibilidade de voto telemático, só queda a alternativa de que a Xunta aprobe o correspondente protocolo de seguridade para esta continxencia. 

Restan cinco días para que a autoridade sanitaria competente, a Xunta de Galicia, elabore, publique, e transmita tal protocolo a todas as mesas electorais da Mariña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.