Serei claro: a suspensión das eleccións galegas (e con máis razón, das bascas, onde xa hai medidas de confinamento colectivo) será unha das consecuencias inevitables que terá a evolución da epidemia de coronavirus no noso país durante os vindeiros días.
Se a convocatoria das eleccións foi iniciativa de Urkullu que Feijoo seguiu inmediatamente, tamén na suspensión os galegos constituiremos unha joint venture cos irmáns bascos.
Durante o vindeiro mes, os poderes públicos (todos, desde Moncloa até o último concello) estarán absorbidos na resposta a unha crise sanitaria sen precedentes coñecidos
Tendo en conta como se comporta o virus (permanece asintomático no corpo durante varios días, durante os cales as persoas portadoras transmíteno con moita facilidade), o incremento exponencial dos casos producirase da mesma maneira que en China, Italia, Irán ou Franza.
Durante o vindeiro mes, os poderes públicos (todos, desde Moncloa até o último concello) estarán absorbidos na resposta a unha crise sanitaria sen precedentes coñecidos.
Pola súa parte, para reducir a probabilidade de contaxio, a poboación –e en especial a poboación máis vulnerable–, deberá someterse, voluntariamente ou por disposición das autoridades, a un réxime de confinamento domiciliario. A nosa vida cotidiana verase necesariamente alterada.
O pico da epidemia producirase con toda probabilidade a partir da primeira semana de abril. Tendo en conta o número de persoas de avanzada idade no noso país, coas súas rutinas de Sintrom, misa e partida na taberna, cabe esperar unha ampla incidencia da epidemia.
Se estas previsións son realistas –que o son–, non ten sentido facer campaña a partir do día 20 de marzo, mantela 15 días, e votar o día 5
Daríase o paradoxo de que a propia actividade electoral contribuiría a elevar os contaxios. A abstención dispararíase con seguridade; o medo dos membros das mesas a contaxios podería causar desobediencias masivas
Daríase o paradoxo de que a propia actividade electoral contribuiría a elevar os contaxios. A abstención dispararíase con seguridade (vaino facer nas vindeiras eleccións locais francesas, segundo as sondaxes previas). O medo dos membros das mesas a contaxios podería causar desobediencias masivas a comparecer ás 8:00 da mañán do día 5 nos colexios electorais. É demasiado tarde para votar masivamente por correo, e non hai previsión de montar en tan curto espazo un sistema de voto electrónico fiable.
En definitiva: o exercicio do dereito de sufraxio veríase tan condicionado por unha serie de factores, que moi probablemente o resultado da votación tornaría tan distorsionado que carecería da necesaria lexitimidade política democrática.
Así as cousas, considero que a única resposta responsable dos poderes públicos –tanto do punto de vista sanitario como democrático– é a suspensión dos procesos electorais previstos.
O exercicio do dereito de sufraxio veríase tan condicionado que moi probablemente o resultado da votación tornaría distorsionado e carecería da necesaria lexitimidade
A partir de aquí, suscítase o problema de como parar un proceso electoral en marcha.
Porque, efectivamente, non hai precedentes en España. A Lei Orgánica Electoral Xeral (LOREX) non prevé nada ao respecto, agás a suspensión dunha votación puntual nalgunha mesa, por causa de forza maior, baixo a decisión da pesoa que a presida. Non cabería utilizar tampouco o Real Decreto-Lei para modificar a LOREX urxentemente, por prohibilo expresamente a Constitución no artigo 86.1.
Ao meu xuízo, a solución ao problema da falta de habilitación legal expresa debe darse desde o uso das potestades extraordinarias que habilitan os estados excepcionais previstos polo artigo 116 da Constitución, desenvolvidos pola Lei Orgánica 4/1981, de estados de alarma, excepción e cerco.
En concreto, o Real Decreto que aprobe o Consello de Ministros para declarar o estado de alarma por causa da crise sanitaria epidémica do coronavirus, deberá concretar, entre as medidas adoptadas, a de suspender durante quince días os prazos electorais desde o momento de entrada en vigor deste Real Decreto.
Ao meu xuízo, a solución ao problema da falta de habilitación legal expresa debe darse desde o uso das potestades extraordinarias que habilitan os estados excepcionais previstos polo artigo 116 da Constitución
En función da duración da epidemia, este prazo de suspensión será prorrogado con autorización expresa polo Congreso de los Diputados, que neste caso poderá establecer o alcance e as condicións vixentes durante a prórroga. Coido que esta sería a alternativa xuridicamente idónea, necesaria e proporcional para facer valer o vello brocardo “Salus publica, suprema Lex”.
Trátase dunha solución máis pertinente, ao meu entender, que a utilización da Lei 33/2011, xeral de saúde pública, lei de rango ordinario, e da Lei Orgánica 3/1986, de 14 de abril, de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública, que habilita potestades de adopción de medidas de policía destinadas ás autoridades sanitarias, sendo esta unha cuestión de natureza distinta, ainda que xustificada por unha emerxencia sanitaria.
Este é tamén, entendo, o enfoque da asesoría xurídica xeral da Xunta de Galicia, que por boca do Presidente da Xunta expresou onte o criterio de que a competencia para paralisar as eleccións galegas e bascas non é nin da Xunta electoral central, nin da Xunta electoral de Galicia: é unha potestade que recae exclusivamente no Goberno central, pois só él pode declarar os estados extraordinarios que limitan o exercicio de dereitos fundamentais, determinando o seu alcance e contido. Concordo plenamente con este criterio.