O órgano de supervisión dos comicios rexeita peticións do Defensor del Pueblo e o PSdeG para que se esixise a rúbrica e lembra que o propio persoal de Correos “deberá comprobar a identidade de dito elector”
A Xunta Electoral Central vén de rexeitar dúas peticións formuladas polo Defensor del Pueblo e o PSdeG para que os carteiros esixisen a súa sinatura ás persoas ás que entregan a documentación precisa para votar por correo. O órgano de supervisión dos comicios desbótao argumentando que o propio persoal de Correos debe comprobar a identidade desa persoa co seu DNI ou documento de identificación equivalente, polo que a sinatura é só unha opción a maiores de ratificar esa identidade pero non obrigatoria xa que iso dificultaría o voto ás persoas que non saben escribir. A identificación da persoa por parte do carteiro e non a súa sinatura é a clave para a Xunta Electoral.
Ademais dos socialistas galegos, o Defensor del Pueblo estatal pediu á Xunta Electoral “que se esixa a sinatura do elector para a recepción da documentación electoral do voto por correo”. Porén, a Xunta Electoral optou por non variar a súa decisión previa de que “o persoal de Correos deberá comprobar a identidade de dito elector mediante a exhibición polo mesmo do DNI ou de calquera outro documento oficial acreditativo da súa identidade, debendo anotar o número de dito documento, dando fe desa recepción persoal, sen que en consecuencia sexa imprescindible que o elector asine persoalmente a entrega”.
A Xunta Electoral considera que a non esixencia desa sinatura non “desvirtúa o carácter personalísimo da entrega, xa que esa condición sería igualmente verificada” polo carteiro
A Xunta Electoral salienta que a propia lei electoral establece que a sinatura deberá “recollerse previa acreditación da identidade do destinatario, esixindo por tanto que a personalidade sexa verificada de xeito primordial -antes de que se estampe sinatura algunha-”, polo que o órgano de control considera que a non esixencia desa sinatura “en ningún momento desvirtúa o carácter personalisimo da entrega, xa que esa condición sería igualmente verificada” polo carteiro.
A Xunta Electoral lembra un acordo dela mesma de 1993 para facilitar o voto por correo de persoas que non saben escribir: “se mediante a fotografía [do DNI] ten o funcionario de Correos por acreditada a súa identidade, ha de cursar [a solicitude] facendo constar nela que o elector, debidamente acreditado, non sabe asinar”.
Para defender a súa postura a Xunta Electoral lembra un acordo dela mesma de 1993 sobre a recollida da documentación por parte de persoas analfabetas: “Persoado un elector que non saiba ler nin escribir, que desexe solicitar o voto por correo nunha Oficina de Correos, para formular a solicitude, ha de acreditar a súa identidade ante o funcionario de Correos mediante a presentación do orixinal do DNI no que conste a fotografía do titular aínda que non a súa sinatura”. E engade que “se mediante a fotografía ten o funcionario de Correos por acreditada a súa identidade, ha de cursar [a solicitude] facendo constar nela que o elector, debidamente acreditado, non sabe asinar”.
Unha vez entregada a documentación para votar e as papeletas ao solicitante, nestes comicios do 12 de xullo e para evitar riscos polo coronavirus, o elector ten a opción de entregarlle o seu voto xa no mesmo momento ao carteiro, sen ter que desprazarse a unha oficina de Correos como ocorría antes. O carteiro non entrará no domicilio para recoller ese voto, pero persoal de Correos a expresou as súas dúbidas sobre a viabilidade e seguridade do procedemento.