As do 12 de xullo serán unhas eleccións anormais. A pouco máis dun mes para a súa celebración, Galicia está aínda inmersa no proceso de desconfinamento e non chegará á Fase 4, no mellor dos casos, a partir do 22 de xuño. As medidas de precaución para evitar posibles rebrotes manteranse durante a campaña eletoral e na propia xornada de votacións e unha das grandes preocupación nestes momentos é que a pandemia non provoque grandes niveis de abstención, por medo á enfermidade ou pola ausencia de ambiente electoral.
O persoal de Correos e os seus sindicatos expresaron dúbidas e críticas sobre a viabilidade e a seguridade do proceso de recollida de votos nos domicilios
Para iso, dende o Goberno galego propúxose dar maiores facilidades para exercer o voto por correo, mesmo sen saír do domicilio ou da residencia de maiores, para as persoas que aí viven. Ata agora, o habitual era acudir en dúas ocasións ás oficinas de correos, unha para solicitar o voto (previa acreditación co DNI) e outra -previa recepción da documentación e papeletas na casa- para entregalo (de novo exercendo o funcionariado de garante da legalidade do voto).
Nesta ocasión, a solicitude poderá realizarse a distancia sen ter que acudir a unha oficina se un dispón de sinatura electrónica coa que pedilo na páxina web de Correos. E, ademais, a propia entrega do voto poderá facerse tamén no domicilio, comprobando o persoal de Correos a identidade do elector mediante a exhibición polo mesmo do DNI (e mesmo agardando uns minutos para recoller o sufraxio). É este punto o que está a espertar dúbidas e críticas sobre a viabilidade e a seguridade do proceso, tanto por parte do persoal de Correos e os sindicatos que os representan, como por parte de partidos da oposición e mesmo da Fegamp.
Este martes os sindicatos representativos do persoal de Correos en Galicia e Euskadi mantiveron unha xuntanza co empresa para tratar os varios aspectos que critican neste procedemento
Este martes os sindicatos representativos do persoal de Correos en Galicia e Euskadi mantiveron unha xuntanza co empresa para tratar os varios aspectos que critican neste procedemento. No encontro, Correos afirmou que a súa prioridade é garantir a integridade do voto e a seguridade dos traballadores e, así mesmo, comunicou que está a elaborar un protocolo para "dar garantías".
Os sindicatos esixen, en primeiro lugar, "medios materiais e humanos" para poder desenvolver esta nova función. Ata agora, moitos carteiros xa viñan recollendo os votos en zonas rurais, pero a cantidade de posibles votantes en zonas urbanas e vilegas é moi superior. A CIG reclama que se contrate persoal para cubrir todas as prazas que estean sen titular pola causa que sexa e que, ademais, se realicen reforzos. "Sen contratación sería imposible afrontar cun mínimo de garantías estas eleccións tendo en conta que no proceso de entrega e admisión do voto por correo pódese tardar entre 20 e 30 minutos por cada entrega e a isto hai que engadir que o carteiro ten que repartir a propaganda electoral e resto de envíos ordinarios", indica o sindicato.
Os sindicatos esixen, en primeiro lugar, "medios materiais e humanos" para poder desenvolver esta nova función
Así mesmo, a CIG pide contar cunhas "instrucións claras e precisas para os empregados de Correos que non deixen lugar a dúbidas nin a interpretacións, coa finalidade de evitar presións dos partidos políticos". E, por motivos de prevención ante o coronavirus, o sindicato esixe que "en ningún caso" o carteiro teña que entrar "no domicilio para entregar documentación electoral a persoas encamadas, nin acceder a residencias xeriatricas nin hospitais ou sitio análogo". "Todas estas persoas deben utilizar a un representante legal para exercer o seu dereito a voto", engade.
CCOO e UGT piden que se explique "como se vai a garantir a custodia do mesmo se simultaneamente hai que realizar o resto de tarefas"
Para CC.OO e UGT, a decisión da Xunta Electoral "supón que o carteiro/a-repartidor/a asume unha nova e enorme responsabilidade -pola que por certo ninguén lle paga-" e critican que "este experimento chega no peor momento para implantarse, aínda en estado de alarma e co risco de contaxio pola COVID-19 moi presente". Os dous sindicatos esixen que se garanta "a seguridade persoal e a saúde" dos traballadores, reclamando que non se teña que entrar en domicilios ou residencias de maiores.
E, así mesmo, demandan que se garanta a súa seguridade xurídica detallando un procedemento que evite en calquera caso que a admisión de voto a domicilio supoña a responsabilidade dese sufraxio, e que se explique "como se vai a garantir a custodia do mesmo se simultaneamente hai que realizar o resto de tarefas".
Tamén a CGT sinalou nos últimos días a necesidade de contratar máis persoal para poder desenvolver estas novas funcións. O sindicato lembra que "xa nos anteriores comicios Correos tivo graves dificultades para levar adiante a xestión do voto por Correo, chegando a solicitar até duas prórrogas ante a Xunta Electoral Central nas municipais de 2019 onde, ademais, os tempos de espera para ser atendidos nas últimas xornadas previas ao remate do prazo foron especialmente longos, chegándose a producir colas importantes nalgúns centros de atención ao cliente".
"Poñeríase en risco o proceso electoral se Correos non realiza unha contratación masiva de persoal para levar a cabo o procedemento coas debidas garantías e seguridade",
"Podemos estar nunha situación incluso peor, o que poñería en risco o proceso electoral se Correos non realiza unha contratación masiva de persoal para levar a cabo o procedemento coas debidas garantías e seguridade", alerta a CGT. Ademais, o sindicato alerta de que o feito de os traballadores teñan que recoller o voto "pode crear algún tipo de dúbida legal sobre o propio procedemento ou incluso a indefensión do persoal de Correos ante calquera tipo de reclamación ou indidencia". Así mesmo, expresa as súas "dúbidas ao respecto da custodia posterior do voto unha vez recollido polo persoal de reparto", indicando que "debería ser necesario habilitar mecanismos extraordinarios para esta custodia" pois "os carros ou motocicletas de reparto habitual poderían non ser os máis axeitados para este tipo de documentación tan sensible".
Os sindicatos, qua na súa totalidade reclaman tamén o pagamento de "pluses" e gratificacións ao persoal que teña que ocuparse destas novas funcións, indican que na xuntanza a empresa comunicou que a partir da semana que vén estará dispoñible na web a posibilidade de solicitar o voto por correo a través dun certificado dixital. Ademais Correos está valorando a opción de contar cun precinto especial para garantir a seguridade do voto.
Dúbidas nos concellos
Este martes a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) expresou as dúbidas existentes nos concellos de cara a garantir a normalidade das votacións "cos medios e as instrucións actuais sinalados pola Xunta". O seu presidente, Alberto Varela, reuniuse con representantes das catro deputacións provinciais e mais das sete grandes cidades, que expresaron a súa preocupación por "garantir a seguridade sanitaria e a normalidade democrática", pois consideran que "o protocolo elaborado pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento dos comicios deixa cuestións por resolver que poden dar lugar a contratempos que, sobre o terreo, terían que enfrontar os concellos baixo dubidoso amparo legal por cuestións competenciais".
Críticas do BNG
O BNG sinalou hai uns días que a proposta do Goberno da Xunta de expandir o voto por correo “é ambigua, perigosa e pode xerar fraude”. En resposta, a formación nacionalista propón que as oficinas de correos teñan un horario estendido e abran os sete días da semana, en xornada de mañá e tarde, para poder solicitar e emitir o voto, pero rexeita que se poida entregar os sufraxios nos domicilios.
O Bloque considera que, ademais de non estar prevista na lei a universalización desa modalidade de sufraxio, o servizo postal “non ten persoal suficiente” para atender un voto por correo masivo coas debidas garantías democráticas. “Defendemos que haxa unha participación masiva, que poida votar o maior número posible de galegos e de galegas pero o que non se pode é cambiar as regras de xogo de tal xeito que se pretenda converter en xeral o voto por correo previsto na lei para determinados circunstancias”, di o BNG.