Na fotografía, tirada este pasado martes, oito traballadores de Correos nunha unidade da provincia da Coruña traballan apiñados nun pequeno espazo organizando cartas e paquetería. É unha imaxe coa que o sindicato CGT advirte da "grave e reiterada falta de distancia de seguridade" entre o persoal da empresa pública, desta vez nunha vila da área metropolitana coruñesa pero unha problemática denunciada noutras localidades galegas e do Estado.
CGT denuncia ante Inspección de Traballo a "ausencia das medidas de seguridade mínimas" en varios centros de Correos da provincia da Coruña
Así, o mesmo sindicato presentou xa unha denuncia urxente en Inspección de Traballo na Coruña contra Correos pola "ausencia das medidas de seguridade mínimas esixidas para as actividades laborais" durante a pandemia da Covid-19. O caso únese ás protestas levadas a cabo desde o principio da crise sanitaria por uns traballadores que lembran que forman parte do "segundo colectivo público máis afectado" polo coronavirus, só por detrás do persoal sanitario.
A mediados de abril, e xusto antes de que Correos deixase de facilitar datos, o cadro de persoal acumulaba máis de 900 contaxiados ou sospeitosos de estar infectados e 2.300 traballadores postos en corentena, ademais de catro persoas falecidas. En Galicia, o número de casos confirmados pola empresa pública eran de preto de 40 daquela.
A mediados de abril, Correos xa puxera 2.300 traballadores en corentena e tiña 900 casos positivos ou sospeitosos; en Galicia había preto de 40 casos
Desde o 15 de marzo, Correos prestaba o seu servizo coa metade do persoal ata que desde o pasado luns 11 de abril indicou que se realizaría co 100% dos traballadores, agás persoal de risco, e no horario habitual. "Correos pretende entrar directamente na fase 2 de desescalada prevista no seu protocolo interno", di CGT.
Así, e segundo o sindicato, esta "brusca desescalada" efectuouse este pasado luns "sen que Correos cumpra a normativa de distanciamento interpersoal" e sen adaptar os centros de traballo nin reorganizar os horarios, tal e como se viña facendo sen mudar a produtividade laboral. Foi o que comprobou a central en varias oficinas da provincia da coruña, de Ortigueira a Padrón, pasando por Ferrol, Fene, A Coruña ou Oleiros.
"Isto está a crear graves e constantes aglomeracións de persoal nos centros especialmente no horario de traballos comúns o que entendemos que supón un grave risco de propagación da Covid-19", denuncia CGT, que cre que Correos "está a precipitarse vulnerando con claridade e impunidade as instrucións da orde emitida polo Ministerio de Sanidade o pasado día 9" e "por un desmedido interese empresarial".
Persoal denuncia que a desescalada aplicada por Correos provoca aglomeracións e grave risco; en Arteixo xa pechou a oficina pola sospeita dun caso de coronavirus
Segundo puido saber Praza.gal de fontes do persoal, o novo protocolo de traballo en Correos creou xa problemas nunha das súas unidades, a de Arteixo, que amenceu este martes pechada e sen xente logo de que un dos seus traballadores manifestase o pasado martes problemas respiratorios e febre. A compañía mandou fechar as instalacións e enviar os profesionais a casa ante a sospeita dun caso de Covid-19. "A irresponsabilidade axiña pode crear problemas", din as mesmas fontes, que advirten de que no caso de que a sospeita vire en positivo, as preto de 30 persoas da unidade terían que poñerse en corentena ante os contactos estreitos que se produciron nas últimas horas.
A CGT lembra que na orde ministerial indícase que se tomarán as medidas axeitadas nas empresas "para garantir a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal mínima de dous metros entre os traballadores". No entanto, segundo o sindicato, Correos négase a poñer en marcha estas medidas e alega que o persoal xa ten EPIs (equipos de protección individual), así como unha presunta "imposibilidade" para levalas a cabo por "falta de espazo".
De feito, a empresa anunciou a súa desescalada a fijnais de abril e lanzouse ao mercado para obter máscaras, luvas e pantallas faciais, proteccións nas que investiu 15 millóns de euros. Desde este pasado 11 de maio, Correos entrou na terceira fase deste proceso, polo que recuperou xa o seu horario habitual, reincorporou todo o persoal e incorporou tamén o persoal de máis de 60 anos sen patoloxías.
A desescalada, advertira, faríase "baixo o cumprimento escrupuloso das medidas de seguridade e prevención, e na garantía da provisión de material de protección suficiente para todo o cadro de persoal".
"A solución era ben fácil: manter as quendas e evitar aglomeracións", insisten desde a central, que advirte de que aínda que hai unidades onde si se aplican medidas de precaución que evitan aglomeracións e contactos estreitos, hai moitas outras onde situacións como as denunciadas tamén ocorren. Ademais, a situación en Galicia é aínda máis complexa, con moita dispersión da poboación e centros de traballo pequenos onde traballan moitos carteiros e carteiras pola cantidade de núcleos e casas nas que repartir.
CGT cre que Correos debeu manter as quendas e os traballo en días alternos, como fixo desde o 15 de marzo, para asegurar a distancia entre traballadores
"Correos fixo moi mal a xestión do coronavirus", contan desde a CGT, que critica que a empresa obviase que a orde do Ministerio indica con total claridade que a organización das quendas tamén deben ser modificados para evitar as aglomeracións alá onde sexan previsibles, tal como son as tarefas comúns de clasificación da correspondencia e a entrada e a saída ao centro. "Correos debe evitar estas aglomeracións organizando os horarios do persoal para cumprir coas normas de protección do persoal e da sociedade, tal como están a facer numerosas empresas privadas e públicas e a inmensa maioría das administracións públicas", insisten, tras lembrar que o traballo en días alternos desde o 15 de marzo e ata o pasado luns "non supuxo alteración significativa ningunha no servizo".
Agora, e ante a "falta de diálogo" denunciada, a CGT decidiu poñer unha denuncia e iniciar unha campaña de "conciencación do persoal". "É importante lembrar que os carteiros e carteiras conectan cada día a toda a poboación, visitan as nosas casas e teñen contacto directo con centos de persoas, o que debería levar a Correos a precisamente o contrario: actuar coa maior das precaucións e non empregar subterfuxios para tentar saltarse as normas", conclúe.