Así deben traballar as perruquerías: con distancia social, sen compartir tesoiras e sen revistas para a espera

Primeiro día de actividade tras o confinamento no salón de peiteado Marijt Peluqueros (Santiago) CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dende este luns as perruquerías, entre outros establecementos comerciais, poden recuperar a súa actividade, dentro das accións da Fase 0 do desconfinamento. Porén, deben cumprir cunha serie de medidas de seguridade para previr os contaxios de coronavirus. Ademais das obrigas que todos os establecementos deben seguir (cita previa, distancia de seguridade, a obriga de evitar aglomeracións de persoas, medidas de hixiene e desinfección a necesidade de fixar horarios de atención preferente para as persoas maiores de 65 anos...), a Xunta elaborou e distribuíu unha guía con recomendacións específicas elabora polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

Cando non sexa posible manter a distancia de seguridade, será necesario o uso de máscaras e reorganizar as áreas de traballo deixando un posto baleiro entre clientes nas zonas de tocadores e lavacabezas

O documento especifica que, cando non sexa posible manter a distancia de seguridade, será necesario o uso de máscaras e reorganizar as áreas de traballo deixando un posto baleiro entre clientes nas zonas de tocadores e lavacabezas. Tamén recomenda que cada estilista teña o seu propio material de traballo desinfectado, que non poderá compartir, ao igual que non se poderán compartir os produtos empregados salvo que estean hixienizados. De igual xeito, aconsella valorar se se poden manter as zonas de espera e suxire retirar todas as revistas para evitar a súa manipulación por distintas persoas.

As perruquerías deben operar exclusivamente con cita previa e aplicar medidas de seguridade © Xunta

Algunhas das medidas recomendadas

As perruquerías deben atender sempre con cita previa para controlar o aforo e establecer un horario de atención preferente para as persoas maiores de 65 anos

  • A empresa deberá elaborar, con carácter previo, un plan de limpeza e desinfección. E, igualmente, establecer protocolos para evitar o contaxio no caso de que xurdan síntomas da enfermidade estando no traballo.
  • As persoas traballadoras especialmente sensibles á Covid-19 deberán ser valoradas polo persoal sanitario do Servizo de prevención de riscos laborais. As traballadoras e traballadores que presenten febre (> 37ºC) ou síntomas respiratorios deben quedar no seu domicilio. De igual xeito, as que estiveron en contacto estreito, entendido como máis de 15 minutos a distancias inferiores a 2 metros, cunha persoa enferma tampouco deben ir traballar, mesmo en ausencia de síntomas durante polo menos de 14 días.

Deben valorar se se poden manter as zonas de espera e recoméndase que retiren todas as revistas para evitar a súa manipulación por diferentes persoas

  • Distancia de seguridade e máscaras: As autoridades sanitarias recomendan respectar, sempre que sexa posible, a distancia de 2 metros. Nas tarefas nas que non se poida respectar (a maior parte das que se realizan nunha perruquería) será necesario utilizar unha máscara de protección.
  • Cita previa: Atender sempre con cita previa para controlar o aforo. 
  • Establecer un horario de atención preferente para as persoas maiores de 65 anos.
  • Reorganizar as zonas de traballo deixando un posto baleiro entre clientes nas zonas de tocadores e lavacabezas.

Recoméndase non compartir entre estilistas os produtos (xampús, xeles, máscaras, etc.) e non usar a bandoleira para portar as ferramentas

  • Valorar se se poden manter as zonas de espera. Retirar todas as revistas, tablets e catálogos de información para evitar a súa manipulación por diferentes persoas.
  • Lavar as mans con frecuencia durante 40-60 segundos con auga e xabón
  • Recoméndase non compartir entre estilistas os produtos (xampús, xeles, máscaras, etc.). De ter que facelo hixienizar o envase entre usuarias. Recoméndase non usar a bandoleira para portar as ferramentas.
  • Débense ventilar con máis frecuencia os locais de traballo. Débese aumentar a frecuencia da limpeza/ desinfección de espazos de traballo e superficies, en especial as que se tocan máis.
  • Fomentar o pago por medios electrónicos (tarxeta, móbil). Se non é posible, ter un recipiente para depositar os cartos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.