A crise do coronavirus empeza a amosar o seu duro impacto no mercado laboral. Se as consecuencias da pandemia, da declaración do estado de alarma e da parálise económica a partir de mediados de marzo non se plasmaron con claridade na primeira EPA post-covid-19, os últimos datos si deitan luz sobre o golpe.
O paro rexistrado aumenta en máis de 17.000 persoas no mes de abril, no que se destruíron case 28.000 empregos
No pasado mes de abril, o paro rexistrado aumentou en Galicia en 17.148 persoas, alcanzando unha cifra total de 191.629, 25.403 máis que hai un ano. Neste mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 27.853 persoas, caendo notablemente do nivel do millón de afiliacións ata as 974.770; 35.821 menos que doce meses antes.
O aumento interanual do paro rexistrado sitúase en niveis de outono de 2008, e o da destrución do emprego, nos de comezos de 2009
Máis de 17.000 novos parados e case 28.000 empregos destruídos en abril, fondas variacións que non se deran nun só mes en toda a crise anterior, nin tan sequera nas peores etapas. De feito, o aumento interanual do paro rexistrado, de máis do 15% e unhas 25.000 persoas, sitúase en niveis do outono de 2008, pouco despois da quebra de Lehman Brothers e do comezo da dura recesión.
A diferenza é que a ese incremento úneselle o intermensual, de case un 10% e de máis de 17.000 persoas nesta altura, mentres que naqueles primeiros meses da crise en 2008 o aumento absoluto do paro rexistrado situábase nas 11.000 persoas.
En canto á destrución de emprego, a situación é semellante, situándose en niveis de comezo da anterior crise, pero con datos aínda peores. O descenso interanual de afiliacións á Seguridade Social, con case 36.000 menos en doce meses, está nunha situación semellante á dos inicios de 2009. No entanto, mentres daquela a destrución de emprego intermensual era duns 19.000, as cifras deste mes de abril achéganse xa aos 28.000.
O paro rexistrado aumentou, especialmente, nos servizos en Galicia. Dos máis de 25.000 parados rexistrados máis, a metade (12.425) corresponden a estes sector, unha vez máis o lado máis feble dun mercado laboral demasiado centrado no turismo, no ocio e na restauración. Na industria houbo 2.176 desempregados máis e case 2.000 máis na construción.
Os datos, como aclaran os sindicatos, "reflicten a finalización dos contratos temporais e os empregos perdidos polos despedimentos, individuais ou colectivos, a pesar de contar coa posibilidade de utilizar ERTE". Ademais, como destacan, as cifras amosan tamén "a fraxilidade do mercado laboral, cunha alta porcentaxe de contratación temporal e precaria, que é capaz de destruír emprego dun xeito masivo en poucos días".
Así, e no que ten que ver cos contratos, asináronse 32.043 menos no pasado mes de abril con respecto ao mes de maio e uns 60.000 menos que un ano antes. Ademais, dos case 24.000 contratos formalizados, o 90% foron temporais, teimando, mesmo nesta etapa de pandemia, na precariedade e temporalidade do mercado laboral galego.
Ademais, e malia que Galicia rexistra a quinta maior suba porcentual do paro e está por riba da media estatal, a Xunta preferiu buscar o dato positivo ao destacar que é "a terceira comunidade na que o seu mercado laboral resiste mellor a parálise económica derivada da covid-19".
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou que a suba do paro nos últimos doce meses é de case seis puntos menos que no resto do Estado e que as afiliacións "baixan a un ritmo inferior que no conxunto de España pero mantéñense por riba dos niveis de hai oito anos".
De sumar as persoas rexistradas nas oficinas de emprego e as afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego, unhas 400.000 persoas --"arredor dun terzo da poboación activa galega", segundo destaca a CIG-- atópase en situación de paro ou en ERTE.