A EPA revela a destrución de 13.000 empregos en Galicia no primeiro trimestre, un dato que non reflicte o duro golpe do coronavirus ao mercado laboral
Os primeiros e temperáns efectos do coronavirus vanse albiscando no mercado laboral, aínda que o impacto non se plasme polo momento e de maneira real en datos e estatísticas. As cifras do paro rexistrado, a principios do mes de abril, revelaron o aumento do desemprego en máis de 8.000 persoas en Galicia. Agora, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) revela unha destrución de 13.000 empregos no primeiro trimestre de 2020 respecto ao trimestre anterior. Nin unha nin outra reflicten o golpe real que o coronavirus está a supoñer.
De feito, de ampliar a panorámica, o número de persoas ocupadas nos últimos doce meses aumentou en Galicia en 2.800 persoas. En canto ao paro, a EPA reflicte un aumento do paro no primeiro trimestre de 2020 en 11.000 persoas, 2.900 máis con respecto ao primeiro trimestre de 2019.
Non é de todo real. As estimacións da EPA, como aclara o Instituto Galego de Estatística (IGE) calcúlanse como media de todas as semanas de cada trimestre. As enquisas nas que se basea están repartidas uniformemente, neste caso entre as 13 semanas do primeiro trimestre. "Os efectos do estado de alarma sobre o emprego son apreciables a partir da semana 11, polo que a súa influencia sobre a totalidade do trimestre queda diluída", aclara.
"A influencia dos efectos do estado de alarma sobre a totalidade do trimestre queda diluída", advirte o IGE
Do mesmo xeito, o impacto dos ERTE tampouco se aprecia nesta EPA. Os afectados con suspensión de emprego clasifícanse como ocupados cando esta suspensión sexa inferior a tres meses. Se é superior ou igual a ese período e o traballador continúa percibindo polo menos o 50% do salario, tamén segue considerándose ocupado na enquisa. Neste caso, todos os ERTE teñen unha duración inferior a tres meses, polo que os afectados por este expediente a causa do virus considéranse ocupados na EPA do primeiro trimestre.
No caso do paro, e na actual situación de alarma co cesamento de moitas actividades e o confinamento da poboación, o IGE aclara que é posible que moitos traballadores que perderan o o seu emprego non poidan utilizar ningún método de busca por estar pechadas as empresas que poderían contratalos, imposibilitados para exercer a súa actividade como autónomos ou que non poidan incorporarse a un hipotético traballo por ter que permanecer na casa coidando das persoas dependentes da famili. O incumprimento dalgunha destas dúas condicións da definición de paro -busca de emprego e dispoñibilidade para traballar- determina que a persoa non se clasifique como parada na EPA, senón como inactiva, o que "pode contribuír ao incremento da categoría de inactivos neste trimestre e pon de manifesto a borrosa fronteira entre o paro e a inactividade".
Sexa como for, segundo a EPA, no primeiro trimestre de 2020, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 4.900 unidades e sitúase en 57.200 fogares en Galicia. Respecto ao primeiro trimestre de 2019, ncreméntase un 4%.
Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 8.000 unidades. O número de fogares nesta situación é de 604.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior son 3.000 máis.
No conxunto do Estado, o paro subiu en 121.000 persoas no primeiro trimestro do ano e a ocupación baixou en 285.600. Tanto as cifras de España como de Galicia supoñen os peores rexistros de paro e emprego desde 2013.