As empresas que xa conten coa regulación de emprego autorizada pola Xunta e estean pendentes de que o Goberno central autorice os pagamentos serán as encargadas de tramitar as solicitudes de adianto
Seis días despois de anuncialo, o pasado martes día 21 de abril, a Xunta regula este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o procedemento para que o persoal afectado por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) polo coronavirus poida recibir un anticipo do seu soldo á espera de que o Goberno central autorice os pagamentos. O traballador ou traballadora deberá solicitalo á súa empresa ou empregador, que será quen tramite a solicitude ante a Xunta, que avala o anticipo ante as entidades bancarias.
Segundo o procedemento establecido polo Goberno galego, poderán pedir o anticipo para o seu persoal as empresas ou autónomos con empregados “cun expediente de regulación temporal de emprego presentado como consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19 e debidamente autorizado e comunicado pola autoridade laboral da Xunta de Galicia, en favor das persoas traballadoras afectadas polo dito expediente que queiran formalizar un anticipo”.
Segundo anunciou a Xunta, os adiantos que avalará, a través de convenios con entidades bancarias, serán dun máximo de 1.500 euros por traballador e cun tope mensual de 750 euros
A empresa terá que presentar, por vía electrónica, unha solicitude ante a Xunta cunha declaración responsable de que, entre outras cuestións, presentou un ERTE como consecuencia da crise económica provocada polo coronavirus que xa foi aprobado e comunicado pola Xunta ao servizo estatal de emprego e que as persoas traballadoras que comunica como interesadas en recibir o adianto están incluídas nese ERTE. A orde do DOG non establece o procedemento co que o persoal debe previamente solicitar á súa empresa que esta tramite o anticipo.
Para o pagamento destes anticipos, dun máximo de 1.500 euros por traballador e cun tope mensual de 750 euros, a Consellería de Economía subscribiu convenios con varias entidades financeiras para avalar ditas contías á espera de que o Goberno central libre os pagamentos.