O Consello de Ministros aprobou este martes un novo paquete de medidas económicas con varias novidades no eido laboral. No real decreto lei inclúense algunhas ben reclamadas por sindicatos, como o acceso á prestación por desemprego das persoas despedidas durante o período de proba dos seus contratos durante esa crise polo coronavirus. Ademais, prorrógase a prioridade do teletraballo e recóllese a posibilidade de que empresas de servizos esenciais poidan facer ERTE sobre aquela parte do cadro de persoal que non cumpre con esas tarefas.
Por outra banda, Feijóo asegurou ete martes que a Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraran as prestacións do Goberno central, que serán abonadas, segundo o Ministerio de Traballo, o vindeiro 3 de maio para todos aqueles traballadores pendentes.
A Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraran as prestacións do Goberno central
A medida chega, segundo di a Xunta, "despois de que o Executivo galego leve semanas pedindo ao Goberno de España que axilice o pago das prestacións aos traballadores, máis de 200.000 afectados por ERTE no país. E tamén logo de que o Goberno autonómico se acollese á flexibilización de prazos para tramitar estes expedientes, tal e como informou eldiario.es.
“Hai miles de familias que aínda non cobraron e necesitan liquidez”, dixo Feijóo, que avanzou un acordo coas entidades financeiras para que os traballadores poidan solicitar un anticipo das súas prestacións de forma inmediata, de xeito que a Xunta avalará 1.500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros.
Ademais desta medida, o paquete do novo decreto lei do Goberno central inclúe estoutras medidas laborais.
Paro para despedidos en período de proba
Segundo explica o Ministerio de Traballo, permítese "acceder á prestación ás traballadoras e traballadores cuxo contrato se extinguiu durante o período de proba, desde o 9 de marzo". Era unha medida moi reclamada ao ser un tipo de despedimento moi frecuente durante a crise pola pandemia.
O Goberno central permite "acceder á prestación ás traballadoras e traballadores cuxo contrato se extinguiu durante o período de proba, desde o 9 de marzo"
Tamén "se permite acceder á prestación aos traballadores que deixara un emprego para acceder a outro que non chegou a materializarse a raíz da crise". Era outra das situacións máis denunciadas polos sindicatos e persoas afectadas.
Fixos discontinuos
O mesmo Ministerio explica que tamén se habilita "unha maior protección para os traballadores que teñen un contrato fixo discontinuo" para que poidan incorporar se aos ERTE e poidan percibir prestacións por desemprego aínda que esgotasen o seu dereito a cobralo. Refírese a casos como os de moitos empregos de temporada que empezan nesta altura e traballan só uns meses, como no turismo.
Aínda que xa fora regulado que terían dreito a esta prestación de 90 días, aídna que consumisen o paro ou tivsen o mínimo cotizado, houbo problemas de acceso á prestación que queren ser amañados cun decreto lei que inclúe máis supostos.
ERTE en empresas de sectores esenciais
O decreto lei recolle a "posibilidade de acollerse a ERTE por parte da actividade que non estea afectada por ese carácter esencial". Só afecta, aclara Traballo, a aquela parte das actividades esenciais que as autoridades sanitarias permitisen reducir.
As empresas de sectores esenciais poderán acollerse a ERTE na actividade que non estea afectada por ese carácter esencial
Medidas para as cooperativas
Permítese que durante a crise as cooperativas flexibilicen os fondos cooperativos para "poder facer fronte ás dificultades de funcionamento orixinadas polo virus". Ademais, desenvólvese tamén a "flexibilización das esixencias de constitución e funcionamento das sociedades laborais".
Prórroga á prioridade do teletraballo
"Prorrógase durante dous meses máis o carácter preferente do traballo a distancia", explica o Ministerio de Traballo respecto dunha das medidas fundamentais para manter a actividade produtiva durante a crise. A idea, como desde o inicio do estado de alarma, é conseguir que sexa prioritario traballar desde a casa "fronte ao cesamento temporal ou a redución da actividade", tal e como se decretou o 17 de marzo.
O carácter preferente do traballo a distancia prorrógase durante dous mese máis, ao igual que a posibilidade de acollerse a medidas para conciliar
Prórroga das opcións para conciliar
Tamén se prorrogan dous meses os dereitos de adaptación do horario e a modalidade de traballo e da redución de xornada --de ata un 10%-- para coidar persoas dependentes, o denominado Plan Mecuida. O obxectivo era e é o de paliar o peche de centros educativos e outros que dan servizo a xente da terceira idade.
Reforzo da Inspección de Traballo
O Goberno central decide "reforzar os mecanismos da Inspección de Traballo e Seguridade Social para perseguir aqueles RETe que poidan resultar fraudulentos". Desta maneira, intensifícanse os mecanismos de control e sanción para "evitar casos de fraude nunha situación de crise sanitaria". Ademais, tal e como adiantou a ministra Yolanda Díaz, unha vez que pase a emerxencia sanitaria revisaranse "un a un" todos os expedientes temporais aprobados.
Aprazamento no pago de alugueiro de locais
Alén destas medidas laborais, o Goberno cetnral aprobou tamén medidas extraordinarias para o pagamento dos alugueiros de locais. Dirixida a autónomos, profesipnais e pemes "cuxa actividade económica se suspendese ou reducise drasticamente", beneficiará máis de 222.000 inmobles no conxunto do Estado.
Os inquilinos de locais comerciais poderán solicitar unha moratoria no pagamento das rendas; o alugueiro non pagado poderase abonar nun prazo de dous anos
Non supón a suspensión das mensualidades, pero si que os afectados poidan solicitar aos caseiros unha moratoria das rendas. As condicións cambian segundo o tipo de arrendador. No caso de que o propietario sexa unha empresa, unha entidade pública de vivenda ou un gran arrendador, o inquilino pode solicitar unha moratoria, que se aplicará de maneira automática e que durará o que dure o estado de alarma, as súas prórrogas e, de ser necesario, ata catro meses máis. O propietario non poderá aplicar intereses nin penalizacións e o alugueiro que non se pagase abonarase mediante o fraccionamento de cota nun prazo de dous anos.