O informe prevé que Galicia perda entre un 5,6% e un 7,4% do seu PIB de forma inmediata
O coronavirus está a provocar unha freada en seco da economía, cuxos efectos aínda tardaremos unhas semanas en coñecer con exactitude. O Foro Económico de Galicia publicou este mércores un informe de urxencia no que analiza o impacto da epidemia no noso país, calcula o seu efecto sobre o PIB e valora as posibilidades de comportamento futuro da economía, unha vez superada a crise.
O informe prevé que Galicia perda entre un 5,6% e un 7,4% do seu PIB de forma inmediata, entre 3.500 e 4.600 millóns de euros, dependendo de se o confinamento chega unicamente ata o 26 de abril ou se se alonga outras dúas semanas, ata o 10 de maio.
"A efectividade das medidas sanitarias, das políticas económicas, monetarias e fiscais será clave para que a recuperación da economía sexa máis rápida e intensa"
O Foro Económico prevé, ao igual que outras institucións e entidades, que esta brusca caída sexa caída por un "rebote" da economía, pola execución das decisións de gasto aprazadas. Porén, advirte de que esta recuperación pode ser máis rápida ou lenta e máis ou menos importante, e que isto dependerá "de que a crise sanitaria se resolva pronto e de forma exitosa". Ademais, lembra que o impacto será moi distinto nuns e noutros sectores, situando o turístico e o da aviación civil como os máis prexudicados.
Ademais, conclúe que "a efectividade das medidas sanitarias, das políticas económicas, monetarias e fiscais, e a capacidade de xestionar a confianza empresarial e dos consumidores" será "clave para que a recuperación da economía sexa máis rápida e intensa".
Segundo Funcas, a caída da economía do Estado español podería roldar o 3% do PIB no conxunto do ano, cunha suba do 2,8% no 2021, e que a recuperación sería en forma de "U" (máis lenta) e non de "V",
O informe, realizado por Fernando González Laxe (que o coordina), José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago Peñas, parte das previsións de impacto económico realizadas pola OCDE, o FMI ou entidades como a Fundación Funcas, e analiza o efecto que o coronavirus e o obrigado confinamento están tendo sobre a actividade económica en Galicia a partir de indicadores sobre os ERTE presentados e de entrevistas cualitativas realizadas a expertos e empresarios de diversos sectores. Os resultados das análises do Foro Económico amosan unha redución media da actividade económica global do 44% nunha semana de confinamento moderado e dun 61% nunha semana de confinamento estrito.
Neste senso Funcas prevé que no conxunto do ano, a caída da economía do Estado español podería roldar o 3% do PIB no conxunto do ano, cunha suba do 2,8% no 2021, e que a recuperación sería en forma de "U" (máis lenta) e non de "V", como apuntan outras previsións máis optimistas, debido á estrutura sectorial da economía española, moi dependente do turismo. Ademais, o efecto sobre o emprego sería aínda máis negativo, segundo Funcas, e a súa recuperación sería máis lenta.
O Foro aposta por plans de recuperación adaptados á situación de cada sector e o establecemento de "redes de seguridade nos ámbitos financeiros, empresariais e sociais"
O Foro Económico conclúe que "hai que estar preparados para asumir unha forte contracción do PIB na primeira parte do ano e facer todo o posible para que, a partir do segundo semestre, se materialice unha recuperación notable da actividade económica". Sinala que a recuperación será "paulatina e con distinta intensidade nas diferentes ramas de actividade", apostando pola aplicación de plans de recuperación que deberán contar "con novos recursos e con solucións creativas", establecéndose "redes de seguridade nos ámbitos financeiros, empresariais e sociais; así como mallas de protección que permitan evitar fortes desaxustes disruptivos nos sectores e actividades básicas da economía de Galicia".
Así mesmo, o Foro reclama que as medidas a adoptar conten "cun amplo apoio ao redor dunha proposta integral de accións baixo a cal sería necesaria acadar un sólido compromiso social e político". Isto requirirá "liderados fortes, transparencia nos datos que permitan deseñar as políticas necesarias e a súa avaliación a moi curto prazo e unha estreita colaboración de todos os axentes implicados que transmitan así confianza ás familias e ás empresas".