A patronal galega, que leva máis de dous anos sen presidente, continúa a pronunciarse publicamente e a criticar con dureza o Goberno central. Tamén desde que a crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus bateu con forza no Estado. Co presidente da póla coruñesa e ex-máximo dirixente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, na portavocía, os comunicados chegan agora para criticar as medidas aplicadas, logo de pronunciarse hai meses contra a tardanza na formación do Executivo.
A patronal galega, sen presidente desde hai máis de dous anos, critica en duros comunicados as medidas económicas do Goberno central contra o coronavirus
"As medidas do Goberno ameazan con crear unha crise económica e social sen precedentes", aseguraba Fontenla hai unha semana sobre o endurecemento das medidas de confinamento, que cría que chegaban "con total inoportunidade" por producirse a final de mes. Tan só uns días despois, a CEG volvía emitir un comunicado para unirse á Xunta nas súas críticas á xestión do Executivo de Sánchez, denunciando a decisión que posibilita que os ingresos derivados da cotización por formación profesional que achegan empresas e traballadores poidan aplicarse ao financiamento de caqluera das prestacións e accións do sistema de protección do desemprego.
O Goberno de Feijóo e a patronal galega coincidiron en sinalar que a medida podería supor a perda de 100 millóns de euros para políticas activas de emprego en Galicia, ao contar cos chamados fondos de formación. "É pouco razonable que recursos das políticas activas de emprego poidan dedicarse a financiar subsidios", dixo, en liña co argumentario da Xunta, Fontenla, quen fora presidente da CEG entre 2001 e 2013.
Antonio Fontenla, quen fora presidente durante máis dunha década, exerce de portavoz da CEG
Foi un dos últimos presidentes que tivo a patronal nos últimos anos. Hai algo máis de dous anos, Antón Arias dimitiu do cargo ao que chegara no medio dunha profunda división da organización, con manobras para destituílo por mor de declaracións públicas a respecto de subir soldos ou pola súa opinión a prol dun referendo pactado en Catalunya. "Se non segues o guión, es un proscrito", afirmara en Praza.gal.
A patronal cre que as medidas do Executivo de Sánchez "ameazan con crear unha crise económica e social sen precedentes"
Un dos que manobrabara para destituír a Arias fora o anterior presidente, Antonio Diéter. Durou dez meses no cargo e dimitiu tras perder o apoio das direccións provinciais da patronal e no medio dunha complexísima situación económica. Esa profundísima crise económica herdáraa dos seus antecesores, Antonio Fontenla e José Manuel Fernández Alvariño, que substituíu este último en 2013 e permaneceu no cargo ata 2016.
Desde o verán de 2018, a CEG segue dividida e esfarelada, sen presidente, sen estrutura, sen ser quen de elixir nova dirección e, xa que logo, sen un interlocutor afianzado nestes tempos onde os debates, as negociacións e a busca de solucións á crise entre os diferentes axentes sociais son claves.
Naquel verán de hai dous anos, o intento de elixir nova presidencia ficou deserto ao non se prsentar ninguén. O intento de reconducir a crise mediante a aprobación duns novos estatutos, a comezos de 2019, tampouco funcionou e a Confederación de Pontevedra acabou desvinculándose da patronal galega.
Isto non impide que a CEG continúe a dar as súas receitas contra a crise económica derivada da pandemia, como suspender as obrigas de pagamento de impostos nas empresas golpeadas polo descenso da actividade.
Ante a paralización de toda actividade non esencial co obxectivo de deter a expansión do virus, Antonio Fontenla optou por criticar o que, na súa opinión, "non fixo máis que contribuír ao desconcerto e á incerteza do empresariado e dos traballadores". Para a patronal galega, nin os ERTE valen. "Non resultaron ser un cheque en branco de flexibilidade como a que se precisa nestes momentos", dixo. Tamén se amosou en contra da prohibición de despedimentos que aleguen como causa o coronavirus.
Desde hai meses, os comunicados da CEG son continuos e variados. Desde que se comezou a argallar un goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, cada vez máis habituais. Coa crise do coronavirus, tamén habituais. E sen presidente.