A historia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) nos últimos anos é un relato de débedas, enfrontamentos internos, despedimentos e dúbidas sobre a mesma continuidade da estrutura que agrupa e representa o empresariado galego. A organización tiña este luns dúas citas fundamentais para o seu futuro -reunión da súa Xunta Directiva e Asemblea- con dous grandes retos: a aprobación das contas de 2014 e 2015 (aínda pendentes) e, sobre todo, a ratificación dun plan de viabilidade ligado aos orzamentos para 2016, imprescindible para obter financiamento bancario, renegociar a débeda e evitar un concurso de acredores.
A Xunta Directiva negouse esta mañá a incluír na orde do día da Asemblea o plan de viabilidade para 2016 e 2017 proposto polo equipo do actual presidente, Antonio Dieter Moure. A situación é de tal gravidade que nos últimos días algúns vogais da organización xa anunciaran que, de non ser aprobado o plan de viabilidade nesta xornada, dirixiríanse aos tribunais para solicitar o concurso voluntario, por mor da actual situación de insolvencia da entidade. A Asemblea si aprobou os orzamentos de 2014 e 2015. O plan de viabilidade e os orzamentos para este ano volverán debaterse o vindeiro 17 de xuño
A Xunta Directiva negouse esta mañá a incluír na orde do día da Asemblea o plan de viabilidade para 2016 e 2017, imprescindible para reconducir unha situación económica crítica que pode levar a entidade a un concurso de acredores
Cales son as cifras desa insostible situación? A CEG arrastra importantes débedas, produto da deficiente xestión que nos últimos anos levaron a cabo os seus sucesivos equipos directivos, dende Antonio Ramilo (presidente ata o 2001), Antonio Fontenla (2001-2013), José Manuel Fernández Alvariño (2013-2016), ata chegar á actual dirección de Antonio Dieter Moure (no cargo dende o pasado mes de xaneiro), que non semella que estea sendo capaz de reconducir o rumbo.
Unha das grandes dores de cabeza da entidade é a súa sede, un edificio situado na cidade vella de Compostela, e que foi adquirido en 1992 por un prezo que, segundo as fontes, situaríase entre os 250 e os 600 millóns de pesetas, dos que o 40% foron pagados pola Xunta de Galicia. Mesmo así, a CEG aínda debe 300.000 euros do crédito que solicitou nese momento. Agora quere solicitar un novo crédito de 1,5 millóns de euros, co aval do inmoble, unha operación que lle permitiría contar con liquidez para os vindeiros meses e que xa conta co visto de Santander, BBVA, Pastor, Abanca e Sabadell. Pero, iso si, coa condición de que a organización aprobase este luns os seus orzamentos de 2016 e o seu plan de viabilidade, unha posibilidade que foi adiada.
Ademais, ten débedas con provedores que suman 140.000 euros. A CEG, cuns gastos mensuais de case 200.000 euros (dos que máis dun terzo corresponden a pagamentos da hipoteca da súa sede), sobrevive grazas á subvención anual de 600.000 euros que recibe do Estado. Asegura que non dispón de efectivo nin sequera para pagar o soldo dos seus traballadores e traballadoras e prevé realizar un importante número de despedimentos. Durante o mandato de José Manuel Fernández Alvariño recortou o seu cadro de persoal de 43 a 18 empregados, e agora podería prescindir (cando menos) doutros cinco. Iso si, a CEG sinala que se trata de traballadores con "moita antigüidade" e "salarios elevados" polo que o seu despedimento podería ter un custe de 100.000 euros. Tendo en conta que en 2014 e 2015 a entidade non presenta perdas, polo que non podería acollerse á fórmula de despedimento por causas obxectivas.
Debe devolverlle 650.000 euros á Xunta por gastos irregulares
Durante o mandato de José Manuel Fernández Alvariño recortou o seu cadro de persoal de 43 a 18 empregados, e agora podería prescindir (cando menos) doutros cinco
O outro gran problema da organización é a débeda que, en principio, mantén co Goberno galego, que lle reclama a devolución de case 650.000 euros, debido á realización de gastos irregulares no marco do convenio Pexga. O Plan Pexga foi ideado polo IGAPE para favorecer a internacionalización das empresas galegas, e a través del a Confederación de Empresarios dispoñía en 2012 de ao redor de 4 millóns de euros para levar a cabo distintas accións e financiar unha rede de oficinas no exterior. A CEG imputou gastos por un total de 832.870 euros con cargo a fondos públicos que a Xunta non acepta por considerar que non se empregaron para os fins fixados no convenio. Segundo o Goberno galego, a Confederación de Empresarios podía imputar ao Pexga unha porcentaxe dos gastos en concepto de "estrutura", de ao redor do 3%, pero esta proporción chegou ao dez por cento nalgúns proxectos.
Entre estes gastos que a Xunta considera inxustificados e que agora quere obrigar á CEG a reingresar ás contas públicas está unha viaxe a Brasil para 24 persoas, realizada durante o mandato de Antonio Fontenla
Entre estes gastos que a Xunta considera inxustificados e que agora quere obrigar á CEG a reingresar ás contas públicas está unha viaxe a Brasil para 24 persoas, realizada durante o mandato de Antonio Fontenla, e que tivo un custe de 80.000 euros. A Confederación presentou un recurso contra a reclamación do Goberno galego, co obxectivo de gañar tempo, aínda que algunhas voces no interior a organización empresarial poñen en dúbida a oportunidade de manter a liorta coa Xunta, tendo en contra que a CEG depende esencialmente do financiamento público para a súa supervivencia.
Un pasado de escándalos e opacidade. Un futuro de dúbidas
Non é o único asunto escuro na historia recente da CEG. En 2000 Antonio Ramilo dimitiu tras recoñecer un "desfase" duns 1.000 millóns de pesetas (uns seis millóns de euros), unha débeda que seguiron pagando nos anos seguintes e que procedía duns fastuosos gastos de representación do seu presidente, de alugueiros desorbitados, todo no marco dunha contabilidade opaca, caracterizada pola existencia de facturas falsas ou duplicadas para xustificar gastos en cursos pagados con fondos públicos. Estas irregularidades, con todo, nunca foron levadas a xuízo, e resolvéronse en privado, no seo da propia CEG.
En 2013 a remuda de Fontenla por Fernández Alvariño á fronte da Confederación de Empresarios produciuse no medio dun duro enfrontamento no que o novo presidente acusou ao seu antecesor de deixar 800.000 euros en gastos sen xustificar. Fontenla devolveulle as acusacións, denunciando que Fernandez Alvariño "duplicara" a partida "de gastos de xestión con empresas externas”, e criticando a contratación dun chófer e dun novo servizo externo de comunicación. Estas e outras cuestións levaron a que os afíns a Fontenla bloqueasen a aprobación dos orzamentos de 2014 de entidade, pendentes ata hoxe.
Ante unha situación insostible e cada vez con menos apoios, Fernandez Alvariño tivo que convocar novas eleccións cando só levaba dous anos no cargo. O gañador foi o ourensán Antonio Dieter Moure, que asumiu a Presidencia en xaneiro. Os últimos catro meses, con todo, estiveron inzados de grandes dificultades para el, tendo na súa contra as confederacións provinciais de empresarios (sobre todo Pontevedra, Lugo e Ourense) e contando unicamento co apoio das patronais sectoriais. Unhas dificultades confirmadas este luns.
Os clubs financeiros de Vigo, A Coruña e Santiago ultiman a constitución do Círculo Financiero de Galicia, que podería converterse nun forte competidor para ocupar ese papel de representante da clase empresarial galega
No horizonte inmediato os problemas para a CEG fanse cada vez meirandes, coa posibilidade dun concurso de acredores e coa posta en cuestión da propia organización. Os clubs financeiros de Vigo (Círculo de Empresarios de Galicia), A Coruña (Club Financiero Atlántico de A Coruña) e Santiago (Club Financiero de Santiago) ultiman a constitución do Círculo Financiero de Galicia, ao que se poderán adherir empresarios de fóra destas tres cidades. A CEG podería manter as súas función legais de representación formal do empresariado (por exemplo á hora de negociar convenios colectivos ou para realizar actividades formativas), pero este novo Círculo podería converterse nun forte competidor para ocupar ese papel de representante da clase empresarial galega.
A CEG, en defensa do emprego precario
Nos últimos anos escoitamos os sucesivos presidentes da CEG, nomeadamente Antonio Fontenla e José Manuel Fernández Alvariño, ofrecer publicamente a súa visión sobre a evolución da economía, a xestión do goberno e as receitas que consideraban máis axeitadas para asegurar un maior crecemento ou deixar atrás a crise. Fontenla e Fernández Alvariño fixeron especial fincapé na liberalización do despedimento.
Nos últimos anos Fontenla e Fernández Alvariño demandaron en varios momentos a liberalización do despedimento, afirmando que os sindicatos se "trabucaban" ao pedir "emprego de calidade"
En marzo do pasado ano o daquela aínda máximo dirixente da CEG, Fernández Alvariño, preguntado pola progresiva precarización do emprego afirmaba que "non quero facer un apelido da contratación" e sinalaba que esperaba un ano "importante" para o emprego, pero que lle preocupaba que o puidese "tumbar" un goberno de "esquerda radical". Un ano antes Fernández Alvariño apostaba por buscar "fórmulas imaxinativas" para incentivar a contratación e afirmaba que os sindicatos se "trabucaban" ao pedir "emprego de calidade".
Na súa etapa como presidente dos empresarios galegos Antonio Fontenla realizara valoracións e demandas semellantes, apostando xa en 2006 por reducir as indemnizacións por despedimento de traballadores indefinidos. En 2011 Fontenla pedía intensificar "as reformas", en referencia aos recortes, e rebaixar este pagamento a 20 días por ano traballado. Cando a reforma laboral de 2012 rebaixou a indemnización de 45 a 33 días (20 se a empresa argumentaba dificultades económicas), Fontenla celebrou a medida, pero pediu unha rebaixa maior: "as indemnizacións, coa excepción do despedimento obxectivo, permanecen aínda por riba da media da nosa contorna, sendo, polo tanto, un aspecto que cabería harmonizar". Nos días previos á folga xeral motivada por esa reforma, Fontenla reclamou que as autoridades garantisen "o dereito constitucional ao traballo".
Todas estas declaracións e receitas de Fernández Alvariño e Fontenla producíanse mentres a Confederación de Empresarios de Galicia que dirixían acumulaba débedas, era incapaz de aprobar os seus orzamentos (en 2014 e 2015), e reducía o seu número de traballadores e traballadoras de 43 a 18. Ademais, cómpre lembrar que a empresa de Antonio Fontenla (Construcciones Fontenla) suspendeu pagamentos en 2012, cunha débeda superior aos 40 millóns de euros. A declaración de insolvencia produciuse dous días antes de que Fontenla fose reelixido para o seu cuarto mandato á fronte da CEG.