Galicia destrúe emprego en novembro pola hostalería pero o paro baixa en case dúas mil persoas

Persoal de hostalería en Galicia CC-BY-SA Xunta

Galicia pechou o pasado mes de novembro con 1.814 persoas menos rexistradas nas oficinas de emprego pero destruíu case 2.400 postos de traballo, segundo os datos feitos públicos este martes polos ministerios de Traballo e Seguridade Social respectivamente. 

A hostalería perdeu case tres mil afiliacións á Seguridade Social en novembro á espera das contratacións polo Nadal

Á espera das contratacións masivas en comercio e bares e restaurantes para a tempada de Nadal, os datos de afiliacións medias á Seguridade Social revelan mesmo unha caída do emprego en hostalería o pasado mes, no que se perderon case tres mil postos de traballo con respecto a outubro, mentres no resto de sectores as cifras presentaron poucos cambios. 

Así, o número medio total de afiliacións quedou en novembro en 1.100.638, o que supón un mínimo descenso do 0,2% en comparanza con outubro pero tamén máis de 19.500 empregos máis e un incremento do 1,81% con respecto a hai un ano. 

Galicia é a comunidade onde máis descendeu o paro en termos relativos en novembro

En canto ao paro rexistrado, a cifra total de persoas apuntadas nos servizos de colocación é de 111.572, unha baixada do 1,6% nun mes que sitúa Galicia como a comunidade onde máis baixou o desemprego de forma relativa, só superada pola cidade autónoma de Ceuta. En España, o paro caeu en once autonomías e subiu en seis. 

A cifra galega supón 10.170 persoas paradas menos que hai doce meses, un descenso de máis do 8% superior ao do conxunto do Estado (-6,2%). O nivel de paro rexistrado é o máis baixo nun mes de novembro desde, cando menos, hai trinta anos e descende en todas as provincias e en todos os sectores agás na construción, cunha lixeira repunta. 

Máis mulleres paradas

Como adoito, é o sector servizos quen asume o maior peso na baixada do paro rexistrado, con case 1.500 persoas menos apuntadas nos servizos de emprego no sector, o que supón máis do 80% do total do descenso. 

Por xénero, en Galicia hai máis mulleres no paro que homes: un total de 65.064 paradas fronte a 46.508 parados, mentres que, segundo os datos do Ministerio de Traballo, case o 10% do conxunto de persoas rexistradas nas oficinas de emprego son estranxeiros e perto dun 5% menores de 25 anos. 

Ademais, Galicia asinou algo máis de 55.500 contratos no pasado mes de novembro, uns 13.000 menos que no mes anterior, sendo aínda case o 70% deles temporais, dez puntos máis que a proporción que se dá no conxunto do Estado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.