A fin de agosto e o remate da temporada turística volven traer consigo un incremento do desemprego rexistrado. O pasado mes de setembro non foi unha excepción en Galicia que, no entanto, si que tivo un comportamento peor do habitual, tanto na súa comparación cos datos estatais como ca mesma etapa dos últimos anos.
As 113.085 inscricións no paro rexistradas en Galicia en setembro, segundo os datos avanzados este 2 de outubro polo Ministerio de Traballo son 3.394 máis que en agosto. Isto supón un incremento do 3%, a maior suba relativa entre todas as comunidades autónomas nas que se incrementa o desemprego (en dez delas baixa) e lonxe da tendencia do conxunto do Estado, onde se reduciu nun 0,2%. En termos absolutos a suba só é superada por Andalucía.
O paro baixa no conxunto do Estado pero sobe en Galicia un 3%, sendo a comunidade autónoma con peores datos en setembro
En comparación con anteriores meses de setembro —excluído 2020, ano no que a COVID alterou todos os indicadores económicos—, trátase da peor suba de paro rexistrado desde 2011, un aumento que se deu en todas as provincias e en todos os sectores, aínda que —como adoita— abrangueu sobre todo o sector servizos, onde houbo 2.487 rexistradas e rexistrados máis nas oficinas de emprego. A suba entre construción, agricultura e industria non chegou ás 270 persoas.
Malia isto, en termos anuais o saldo segue sendo positivo: Galicia rexistra 7.907 inscricións menos no paro que hai un ano, unha diferenza dun -6,54% que si é lixeiramente mellor que a media estatal, do -5,97%. Do total de persoas paradas, case un 60% son muller e un 4,3% menores de 25 anos.
É o peor setembro en datos do paro desde 2011, un mes no que Galicia perdeu 7.205 cotizantes
Estas cifras de paro rexistrado prodúcense tras un mes no que o noso país tamén destruíu emprego ao perder cotizantes á Seguridade Social, nun balance no que tamén son relevantes os matices. A afiliación media nese mes roldou os 1,104 millóns de persoas, un retroceso de 7.205 —semellante ao que se deu no mesmo mes do pasado ano— que porcentualmente implica un -1,67%, mentres que o total estatal aumentou levemente (+015%) por factores como as autonomías que dan de alta a profesorado tras dalo de baixa na fin do curso escolar anterior.
Así e todo, ese total de afiliación media á seguridade social é mellor que o de doce meses antes (+18.156 persoas, un incremento do 1,67% inferior ao do conxunto do Estado, de 2,36%) e, sobre todo, mantén o mercado laboral galego nos seus mellores niveis para este indicador. Mesmo antes da gran recesión, en setembro de 2007, a cifra de cotizantes era inferior á do setembro que vén de rematar.
En calquera caso, a destrución de emprego ligado á temporada estival é un feito e boa proba disto é a diferenza entre a afiliación media á Seguridade Social e a foto fixa do derradeiro día do mes. Esa cifra do 30 de setembro quedou en 1,095 millóns de persoas, isto é, 8.465 menos que a media do mes.
No que ten que ver coa contratación, Galicia roldou os 78.000 contratos asinados no mes de setembro, case un 30% máis que no ms anterior e uns 6.000 máis que no mesmo período do pasado ano, dos que arredor do 27% foron indefinidos.