Galicia alcanza a taxa de paro máis baixa desde 2008 e roza o pleno emprego

Persoas traballando nun obradoiro de emprego da Xunta en Sarria CC-BY-SA Xunta

Galicia sitúase na taxa de paro máis baixa desde o terceiro trimestre de 2008 —xusto no inicio da crise que provocou a gran recesión de anos posteriores— e roza a porcentaxe que no Estado é considerado pleno emprego

Galicia alcanza unha taxa de paro do 8,3%, só tres décimas por riba da que en España se considera pleno emprego

Así o indican os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre deste ano feitos públicos este 24 de xullo e que indican que en Galicia hai 106.100 persoas en paro, 4.900 menos que no trimestre anterior e unha cifra que non se alcanzaba desde antes de 2008. Así, a taxa de paro diminúe 0,5 puntos e colócase no 8,3%, só tres décimas por riba do limiar a partir do que en España se considera pleno emprego: o 8%. 

Aínda que, tal e como recolle o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), a consecución dese pleno emprego supón "a completa utilización da forza de traballo que debería resultar dunha taxa de paro do 4% da poboación activa", en España adóitase situar no dobre do que marca esa definición. 

O paro estrutural no Estado, derivado dun peculiar sistema produtivo e pendente de reformas, e o forte peso da economía somerxida fan que expertos e administracións acepten ese 8% como obxectivo para determinar a consecución dun pleno emprego que, xa que logo, Galicia xa estaría rozando. 

O paro diminuíu en 13.700 persoas nun ano e a cifra de ocupados aumentou en case 30.000, impulsada pola industria e os servizos

Faino ao alcanzar unha taxa de paro que era case do triplo hai once anos e de 1,2 puntos hai un ano,  logo de que o número de persoas paradas diminuíse en 13.700 persoas con respecto a hai doce meses. Ademais, no caso das provincias de Lugo e A Coruña, a súa taxa de desemprego hai xa tempo que baixa do 8% (é do 5,5% e do 7,2% respectivamente). 

Ao tempo, a poboación ocupada en Galicia aumentou en 15.400 persoas no segundo trimestre respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase xa en 1.165.500 persoas, unha cifra que non se alcanzaba desde comezos de 2009, cando as consecuencias da grave crise económica aínda non empezaran a facer efecto no emprego. 

Por sectores, o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta no sector primario, na industria e nos servizos e diminúe na construción. No sector primario o crecemento é de 1.200 traballadores e traballadoras máis que hai tres meses, na industria en 800 e no sector servizos —que segue sendo o que marca o ritmo do mercado laboral no país— en 13.500.

A taxa de ocupación máis alta desde 2008

De feito, con respecto ao mesmo trimestre de 2024, a ocupación diminúe no sector primario (7,1%) e na construción (4,9%), mentres que aumenta na industria e no sector servizos (9,5% e 2,8%, respectivamente). Hai case 17.000 persoas máis traballando na industria que hai un ano e 22.300 no sector servizos. 

Así, a taxa de ocupación tamén sobe con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,9%, a máis alta tamén desde 2008. Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 29.900 persoas, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.

Precisamente, hai dous anos, en plena campaña electoral, Pedro Sánchez, daquela aínda candidato e agora presidente do Goberno central, aseguraba que a "primeira proposta" que lanzaba era a dun "acordo cos axentes sociais para lograr o pleno emprego, do 8% estrutural, ao longo da vindeira lexislatura". Moitos anos antes, fora Zapatero quen en 2008 prometera tamén avanzar cara ao pleno emprego no programa para unha campaña electoral que deu paso a unha crise que fixo cachizas aquel desexo. Feijóo, en 2009 e coa ollada na Xunta, tamén prometera ese obxectivo malia que ridiculizara a proposta socialista. 

Algúns anos despois, non está lonxe España de alcanzar esa cobizada cifra, logo de que a taxa de paro se reducise nun punto no segundo trimestre deste ano e quedase no 10,3%. 

En seis comunidades, de feito, xa se tería alcanzado ese pleno emprego ao baixar do 8% de paro: Illes Balears, Cantabria, Euskadi, Navarra, Madrid e La Rioja. Noutras catro, a taxa sitúase por baixo do 8,6%: Asturias, Catalunya, Castilla y León e Galicia. 

No que si alcanzou un novo récord o mercado laboral no Estado é na cifra de persoas ocupadas, rachando a barreira dos 22 millóns por primeira vez. "A España dos 22 millóns de ocupados xa é unha realidade", anunciou nun vídeo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que lembrou "a España de 20 millón que soñaba Mariano Rajoy". "Pois superámola sobradamente", advertiu, tras repasar uns datos que bateron tamén marcas no número de mulleres ocupadas ou de poboación activa, que queda rozando os 25 millóns. 

España racha por primeira vez a barreira dos 22 millóns de persoas ocupadas

"Os mesmos que utilizaban o BOE para os seus amigos son os que nos dicían que as nosas leis ían destruír España; moléstalles que miremos polo ben da clase traballadora", dixo Díaz, que anunciou a futura suba do SMI, a aprobación do estatuto do bolseiro ou a redución da xornada laboral para "seguir mellorando a vida da xente". 

Pola súa banda, en Galicia a poboación activa situouse en 1.271.600 persoas, cunha taxa de actividade do 53,3% e un número que aumenta en 10.500 respecto ao trimestre anterior e en case 30.000 en comparación con hai un ano. 

Respecto aos datos por fogares, no segundo trimestre o número de vivendas nos que todos os seus membros activos están en paro diminuíu en 5.400 unidades e sitúase en 37.000. Respecto ao segundo trimestre de 2024, esta tipoloxía baixa un 14,5%.

Por último, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 8.100 unidades, chegando aos 674.700. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 17.100 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,6%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.