"O único programa que prometeu o pleno emprego foi o do PSOE". Hai algo máis dun ano, en febreiro de 2011, o presidente da Xunta respondía con esta afirmación unha pregunta do PSdeG a respecto do comportamento do desemprego en Galicia dende a súa chegada ao Goberno. "Non se lles ocorrerá dicir que o problema de non cumprir o pleno emprego que prometeu o PSOE é das políticas da Xunta, ou si?", cuestionaba daquela Alberto Núñez Feijóo. Naquela afirmación do xefe do Executivo galego había unha parte de verdade. Efectivamente, o programa co que concorreron os socialistas nas últimas eleccións xerais con José Luis Rodríguez Zapatero como candidato, en 2008, comprometíase a ir "cara ao pleno emprego" e, ademais, empregaron na súa propaganda electoral o lema Por el pleno empleo.
Pero non foi este o "único" programa que lanzaba esa promesa. Un ano despois Feijóo aspiraba por primeira vez á presidencia da Xunta como candidato do PP, que elaborou un programa con medidas en materia laboral que reproducían literalmente a promesa de Zapatero. Tratábase de medidas para "avanzar cara ao pleno emprego".
Os conservadores galegos presentaban todo un paquete de medidas que tiña como estrelas oito plans diferentes dos cales, unha vez cumpridos tres anos de lexislatura, só un está en marcha
Baixo ese epígrafe para iniciar o camiño que culminaría no "pleno emprego" os conservadores galegos presentaban todo un paquete de medidas que tiña como estrelas oito plans diferentes dos cales, unha vez cumpridos tres anos de lexislatura, só un está en marcha. Trátase do Programa Executiva, orientado a "formar ás profesionais galegas para alcanzar postos de liderado e dirección". Fronte a este cumprimento, aínda fican pendentes outros sete plans, tres dos cales, dado o horizonte temporal cos que se formulaban no programa electoral, xa é imposible que se poñan en marcha.
Trátase do Plan de Emprego Feminino, o Plan de Emprego Xuvenil, e o Plan Autónomo, todos eles prometidos para o período 2009-2013. Sen esa concreción para o seu período de aplicación nas propostas electorais do PPdeG incluíase tamén un Plan de Emprego para Persoas con Discapacidade, un Plan de Integración Laboral para Inmigrantes, o Programa de Inserción para Persoas en Vías de Exclusión e mais un plan denominado Segunda Vida Laboral, dirixido a persoas de máis de 55 anos. Ata o momento, a Consellería de Traballo non puxo en marcha ningún deles.
Á marxe deses grandes programas tamén agardan para ser cumpridas outras iniciativas como a creación do Canal Emprego Galicia, unha canle televisiva monográfica sobre o mundo laboral que, segundo as promesas electorais do PP, se desenvolvería en colaboración cos medios públicos galegos. O mesmo lle acontece aos "programas mixtos de emprego e formación", un para menores de 25 anos e outro para persoas que superasen esa idade. Fronte a estas accións pendentes, o propio Feijóo anunciaba o pasado mércores e concretaba durante a xornada da folga xeral o denominado Plan 500 co que, asegura, a Xunta favorecerá a creación de 4.000 postos de traballo.
O número de persoas desempregadas aumentou, segundo as enquisas de paro rexistrado, en máis de 73.000 dende comezos de 2009
Mentres tanto, unha ollada aos rexistros do paro rexistrado permite concluír que estes non foron bos anos para o emprego en Galicia. Non en van, o número de persoas desempregadas aumentou, segundo as enquisas de paro rexistrado, en máis de 73.000 dende comezos de 2009. Este incremento provoca, tal e como ten detallado Praza Pública, que en Galicia existan actualmente case 300.000 persoas á procura dun traballo.