A industria tira do mercado laboral en Galicia: 21.000 empregos máis que hai un ano

Traballador do sector industrial en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Máis de 1,15 millóns de persoas traballando e 111.000 en desemprego. Son os principais datos que deixa o inicio deste 2025 no mercado laboral galego, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre feita pública este 28 de abril. 

Así, e malia a destrución de 3.200 postos de traballo e o aumento do número de persoas paradas en 1.600 nos tres primeiros meses do ano, o balance é positivo en ambos indicadores se os comparamos con hai un ano e, máis aínda, se botamos unha ollada aos últimos tempos. 

En comparación con hai doce meses, Galicia ten 22.400 persoas ocupadas máis e 20.600 menos á procura de traballo. Ollando as táboas cara atrás, as cifras absolutas son as mellores desde a gran recesión de 2008 nun primeiro trimestre. Nunca desde aquela houbera menos xente en situación de desemprego nun comezo de ano, con 111.000 persoas; e nunca desde principios de 2009, cando os efectos da recesión empezaban a impactar no mercado laboral, houbera tanta poboación ocupada, ata as 1.150.100 persoas. 

Galicia ten 22.400 empregos máis e 20.600 persoas paradas menos que hai un ano malia a caída da ocupación e a suba do desemprego no principio de ano

Do mesmo xeito, as taxas laborais galegas seguen situándose tamén como as máis positivas nun inicio de exercicio desde aquela gran recesión e malia o lixeiro retroceso respecto do trimestre anterior. No momento de realización da EPA de principio de ano o 48,3% da poboación galega maior de 15 anos estaba traballando. Son apenas dúas décimas menos que no trimestre previo, e sete máis que no principio de 2024. Son as porcentaxes de ocupación máis elevadas dende o ano 2008, cando Galicia chegara a superar o 50% e a poboación activa en situación de desemprego caeu por baixo do 7%.

Ademais, a taxa de paro non chega a estar tan baixa como daquela pero si é tamén a máis reducida dende a gran recesión nun comezo de ano. 2025 empezou cun 8,8%, unha décima máis que no trimestre pasado e case dous puntos menos que hai un ano (-1,7). 

O emprego cae no sector primario, na construción e nos servizos pero aumenta en máis de 5.000 persoas na industria con respecto ao anterior trimestre

Por outra banda, e respecto ao número de persoas ocupadas, neste trimestre diminúe no sector primario, na construción e nos servizos e aumenta na industria. No sector primario a diminución da poboación ocupada cífrase en 4.300 traballadores e traballadoras menos que hai tres meses, na construción en 2.700 e no sector servizos en 1.100. No sector industrial, pola contra, o incremento foi de 5.100 persoas, rachando coa tendencia do resto

Ademais, e con respecto ao mesmo trimestre de 2024, a ocupación diminúe tamén no sector primario (13%) e na construción (-1%), mentres que aumenta outra vez na industria e no sector servizos, aínda que con incrementos moi diferentes: un 12,1% no primeiro dos casos e un 1,5% no segundo. 

O emprego industrial aumenta en máis do 12% nun ano, ata alcanzar os 194.400 persoas ocupadas no sector, 21.100 máis que hai un ano e 33.300 máis que hai dous

É especialmente destacable ese crecemento do emprego na industria, con 21.100 máis persoas ocupadas no sector que hai un ano, alcanzando as 194.900. Desde principios de 2020, antes do impacto laboral que supuxo a crise da COVID, non se superaban os 190.000 traballadores e traballadoras industriais en Galicia. Por poñernos en situación, son uns 33.300 máis que no comezo de 2023, hai dous anos. 

En canto á poboación parada, por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino mentres que diminúe o feminino. O número total de homes parados é de 52.700 (4.000 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 58.200 (2.500 mulleres paradas menos). Deste xeito, a taxa de paro masculina sitúase no 8,2% e a feminina no 9,4%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino diminúe en 12.100 persoas (un 18,7% menos), e o volume de paradas en 8.600 persoas (un 12,9% menos que hai un ano).

Ademais, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.400 unidades e sitúase en 42.400, o que supón un descenso 15% con respecto a hai un ano. 

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 1.500 unidades, alcanzando os 666.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 17.200 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.

No que ten que ver coa poboación xuvenil, a taxa de paro sitúase no 18,3% no primeiro trimestre, cun aumento de 0,2 puntos respecto ao trimestre anterior e un descenso en 4 puntos en comparación con hai un ano. 

Así, dos 336.700 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 129.000 (o 38,3%) están ocupados/as, 28.900 (o 8,6%) parados/as e os 178.800 (o 53,1%) restantes son inactivos/as.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.